Opinión

As mascaras de Entroido

Os ribeiraos miñotos de Chantada, sempre a exhibir as súas autenticidades máis enxebres da nosa tradición local, nesa crítica de disfrace, para converterse, unha vez ao ano, descarnando a súa vida íntima e escarnecer aos outros (a tantos outros) de dominio e nugalla, os que partillaron os froitos que non traballaron. A emoción que produce o entroido ribeirao, con seus volantes e rudimentarias e activadas máscaras que transcenden polas parroquias de Santiago da Riba, Nogueira, Vilauxe e Camporramiro, onde os peliqueiros flúen e corren por inhóspitos camiños e lugares, onde se producen tantos convivios e destinos, agora abandonados os máis deles. A tradición entroidal sempre superou atrancos; sempre esquivou cheiros de cobizosa santidade. E foi capaz de fabular nese secretismo crítico, solapadas verdades que perforaban conciencias, só no tufo das metáforas e das parodias que expresan os peliqueiros e os danzantes. Quen os observe decatarase que van alén do costumismo, da parodia simple e das vergoñas alleas. Aí hai metáfora e cravo fondo, nas parábolas que os mimos expoñen xunto ao vibrar tímbrico das campaíñas que cercan as cinturas dos volantes. O entroido sempre aliviou o peso das culpas inmerecidas.

As máscaras impoñen novidosas severidades e transcendencias dun universo ocultista que revela profundas actitudes, dese outro noso universo que dispersamos e afastamos, tan marcante e tan nutrido de extraordinarios motivos para facer unha lectura do contexto animista, exotérico e, aínda, da metafísica ritualista das sociedades antigas, tan secretas e tan activas nesas máscaras que reactivan, con frecuencia, a chamada a protexernos dentro desas máscaras  que expoñen esa estrutura de formas e de cores diferentes que alimentan e sintetizan universos sombrizos e incomprendidos para esclarecelos. Aí esta a función da máscara, de todas as máscaras que cada cultura universal promoveu.

Remato de ver en Sarria unha extraordinaria exposición, titulada: “Viaxe polo Mundo da Máscara”, de Mercedes Vázquez Saavedra, fotógrafa e etnóloga, que nos mostrou na Antiga Prisión de Sarria, unha ampla mostra de fotografías das máscaras de entroido e doutras realidades ocultistas expresadas na cultura galaico-portuguesa. Da que Mercedes é unha enorme investigadora e difusora desta selecta cultura popular, á que temos o deber de estudar e descifrar. A exposición estaba partillada en dúas seccións ou apartados: a galega e a portuguesa. Sobresaíntes expresións fotográficas de máscaras que abastecen a xeografía galega, en diversas frecuencias e compoñentes do noso entroido e  folclore, tan matizados nesas expresións populares; nesas ofertas de como as persoas entenden a vida e o misterio que plasman nesas figuracións, na que tantas veces non procuran a estética formal, senón a esencia primordial no respiro cultual e nas previstas emocións da nosa propia identidade. Aí están as expresións dos volantes e peliqueiros da nosa Ribeira Sacra chantadesa, xunto a outras recoñecidas medras de merecente distinción, para abundar nun profundo estudo etnolóxico.

      

Comentarios