Opinión

Marcelino dos Santos: revolucionario e poeta

A escasos días do 11 de febreiro, data do pasamento de Marcelino dos Santos (Lumbo, 1929-Maputo, 2020), patriota e heroe da independencia de Mozambique,  presente na memoria popular, a que non admite ausencias para lembrar a un consignado revolucionario e intelectual da África colonial portuguesa que, desde os campos de combate mozambicanos,  foi un dos precursores que fixo posíbel a independencia de seu país. Desde moi novo, no seu período de estudante en Portugal e desde a  Casa dos Estudante do Imperio,  encóntrase con Amílcar Cabral e Agostinho Neto, entre outros estudantes das colonias. Os tres foron incubando a idea de esclarecer a independencia de seus respectivos países. Marcelino abandonou a metrópole por persecución da PIDE salazarista. En París, licenciándose e Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade da Sorbonne. Fundador da “Conferência das Organizações Nacionalistas das Colonias Portuguesas”, da que foi Secretario-Geral, No proceso da loita armada foi Vice-Presiente da Frelimo. Coa independencia de Mozambique ocupou o posto de ministro dos Negocios Estrangeiros, ministro de Planificação e Desenvolvemento Económico e Presidente da Assembleia Popular de Mozambique. Anteriormente a estes cargos, participou como organizador da guerrilla de liberación co grado de xeneral. Marcelino foi un enorme poeta da xeración de “O Brado Africano”, revelou enormes poemas de intervención revolucionaria recollidos no seu poemario: “Canto do Amor Natural”. Foi un poeta que figura en tódalas antoloxías da poesía mozambicana e traducido a varios idiomas do mundo. Utilizou na súa escrita os pseudónimos de Kalungano e Lilinho Micaia. 

Coñecín a Marcelino dos Santos no “Colóquio Internacional”: “Que Estados, Que Nações  Em Construção nos Cinco?”, celebrado en Cabo Verde e organizado pola Fundação Amilcar Cabral, e celebrado na cidade de Praia en marzo de 1996. A representación mozambicana neste “Colóquio” era moi forte intelectua, política e culturalmente. Estaba composta por Marcelino dos Santos, José Craveirinha, Noémia de Sousa, Juvenal Bacuane e Alexandrino José. Coincidimos no mesmo avión de Lisboa a Praia, Noémia de Sousa e máis eu. A Noémia adiantoume que estaría no “Colóquio” Marcelino e Craveirinha. A estes tres grandes da poesía mozambicana os tiña traducido e integrado na miña antoloxía: “Poesía Mazambicana del siglo XX: Poesía en Acción” (1987). En Praia presentounos a Noémia e naquela mesma noite ceamos todos xuntos, a representación mozambicana, Ana Maria Cabral, viúva de Amilcar Cabral, Vasco Cabral político e poeta de Guiné-Bissau, a xornalista italiana, Augusta Conchiglia, do “Le nouvel Afrique-Asie”. Unha muller experimentada na guerra de Angola dado que participou de reporteira,  cronista e entrevistou en varias ocasións a Agostinho Neto. Conchiglia coñecía moi ben a Marcelino. Durante ese “Colóquio Internacional”, as comidas as facíamos xuntos cada día todo este grupo. Isto posibilitou falar moito e centrarse no tema da guerra colonial, con aqueles dirixentes protagonistas. Isto era habitual naqueles congresos políticos e literarios aos que eu asistín en África, Brasil e Portugal, os debates as consideracións harmónicas sobre a realidade da guerra colonial. 

O Colóquio de Praia celebrouse na Assembleia Nacional e íamos comer ao restaurante “O Poeta”. Un lugar impresionante desde onde se ve a capital do arquipélago, Praia e a súa baía, con esa luminosidade nocturna. Despois das ceas, a musica caboverdiana saían dun sonoro piano,  grandilocuentes ecos das mornas e coladeiras. Marcelino era un ávido mestre da alegría e da danza. As súas mozambicanas vestes floridas poñía resplandor a festiña e á canseira do día. Non daba a impresión de ser un político e militar ao estilo clásico de como o entendemos en Europa. Este “ColóQuio Internacional” coincidiu coa toma de pose do presidente caboverdiano, Antonio Mascarenhas Monteiro, na Asembleia Nacional. Tódolos participantes deste evento fomos convidados ao acto. Para min foi un tormento soportar o traxe e a garabata naquel excesivo calor. Todo ese ritual mereceu a pena ter ao lado un compañeiro de excepción: Marcelino dos Santos, que foi presidente da Assembleia Nacional Popular de Moçambique”. En voz baixa foime adiantando sucesos, composturas e símbolos. Despois do longo discurso do novo presidente, fixemos rigorosa e silente fileira para cumprimentar ao novo presidente. 

Naquelas conversas, de tempo libre, de comes e bebes, fíxome unha pregunta sorpresa: “Começam os galegos a entender a normalidade linguística da CPLP que está en marcha, ou ainda estão a receber  pamcadas?” Para el, por moitas razóns, a Galiza tiña que facer esforzos para estar integrada dentro da grande patria común que suxeriu António Ferreira e que repetiu Fernando Pessoa: “A minha pátria é a língua Portuguesa”.

No Congreso Internacional da Poesía da Negritude”, celebrado na Habana en 2007, volvemos a encontrarnos e retomar conversa. foron días extremadamente emotivos, nas conferencias da “Unión de Escritores y Artistas de Cuba”, na visita ao mausoleo de Che Guevara en Santa Clara, no recital na igrexa de San Francisco e noutros espazos culturais onde Marcelino dos Santos tivo presencia e simpatía por parte dos cubanos, como coñecido revolucionario e tanta veces recibido por Fidel.

Un ano despois, en outubro de 2008, vímonos en Maputo. Servidor ía formaba parte dunha comisión benéfica de axuda a Mozambique, co fin de instalar auga potábel nun barrio da cidade de Quelimane. De regreso a Maputo tiñamos que vernos co ministro de Saude, que a Embaixada de España arranxou mal o tema e non estaba previsto o encontro. Marcelino o conseguiu. Tamén conseguiu que visitásemos o “Mausoleio Nacional”, aberto ao público só no día da Independencia. Eu tiña interese de visitar a tumba do  amigo, José Craveirinha, o poeta nacional de Mozambique. El sabía da nosa amizade, a sorpresa foi cando un alto cargo militar veu ao hotel para levounos a ese lugar.

Marcelino programou un encontro na “Associação dos Escritores Moçambicanos”, foi unha sorpresa encontrarme con moitos dos poetas que eu tiña traducido e publicado. Marcelino falou longamente -como era habitual nel- sobre a situación da escrita e da política mozambicana. Pola noite do día 19 de outubro, data da morte do presidente  Samora Machel ( 1933-1986, Marcelino levounos a un acto multitudinario onde estaban os fillos e a viúva, Graça Machel, xa casada con Nelson Mandela.  

De regreso a Lisboa, un funcionario do aeroporto de Maputo, chegou á procura das catro persoas que formabamos parte da mencionada da comisión, levounos a unha sala do protocolo e alí estaba Marcelino, sorrindo e coa súa habitual gargallada, o mesmo funcionario pediunos os pasaportes e a equipaxe. Unha longa espera -como acontece nos aeroportos africanos- que deu para unha longa e ilustrativa conversa de Marcelino dos Santos. Nos fomos os últimos da pasaxe en entrar no avión, chegou o funcionario e conduciunos á escaleira da nave, con nos veu o revolucionario poeta. Púxose firme e despediunos cun saúdo militar de guerrilleiro que durou o que nos tardamos en subir a escaleira.

Desculpe o lector por amolalo con esta longa crónica, tan sentida como retida durante un ano que mancaba os meus sentimentos por non lembrar e homenaxear, a seu debido tempo, a un enorme amigo que foi Marcelino dos Santos. O mestre, o humanista e o revolucionario que foi capaz de transmitiu tantos afectos e certezas ao nacionalismo liberador e ao internacionalismo solidario. Na memoria do 11 de febreiro de 2020.                      

Comentarios