Opinión

Con Manuel María na Romaxe de Santa Isabel

Lugo. Meu Lugo natal. En Lugo, parada obrigatoria para ir a Outeiro de Rei e estar nun sobresaínte acontecemento: facer irmandade e romaría na carballeira de Santa Isabel, nos rentes do patricio río Miño e tendo a Manuel María como referencia de sobranceiras descubertas neste espazo lúdico e lírico. Tal encontro aconteceu o derradeiro día 9 de xullo, reconfortando memoria e lexitimidade, asentándonos no legado do poeta de Outeiro. Manuel María da Terra Cha e da Galiza máis nosa e universal, da que todos temos o seu respiro. Porque Manuel respirou terra e afondou en terrón xabreiro na procura da raíz de espesos e floridos arboredos que acomodaron paisaxe e deron caravel e dúas rosas: branca e vermella. Cores que nos convidan e aproximan ao perfume cívico da poesía de Manuel María, desde a casa de Hortas (hoxe Casa-Museo do noso poeta), até a carballeira de Santa Isabel, con parada obrigatoria no cemiterio de Outeiro e facer camiñada coa palabra do poeta que articulou nación para un longo ir indo e transbordando ese xeito de ser nós e recuperar infindos pasados de historia e memoria, para resolver a patente das nosas tradicións e normalizar o noso país. Esta foi unha das aspiracións que manifestou Manuel en seu comportamento en recuperar pasados que acenden tantas luces en seus suculentos versos.

Ir a Outeiro de Rei, para recuperar e vitalizar pasados e enteirezas, en irmandade ao redor de Manuel María, envólvenos nese ir indo iniciático, acougado e pacífico na enorme campaza de Santa Isabel, onde o xentío comprende a vitalidade da poesía, dos cánticos nosos, da lingua que nos pariu e ordenou como galegos, que nos confina e libera no berro seco e nas amplas harmonías das nosas bandas de música, gaiteiros, pandeiras e voces corais de barrios populares e proletarios. Así son os arranxos desa normalización que a Manuel tanto preocupou a dignidade da nosa nación.

En 1995, Manuel publicou un libriño de 57 páxinas, titulado: “Novena a Santa Isabel (por un devoto de Outeiro de Rei)”, tomando o modelo clásico dos novenarios, en catro conceptos canónicos: “acto de contrición, meditación, oración e propósito”. O noso poeta, convirte cada un destes catro apartados, nunha vital dose de patriotismo defensivo e nunha irrenunciábel oferta de sensibilidade e dignidade, nos que podemos constatar diversos códigos de liberdade e de conquista, para normalizar a cidadanía despistada. Este libriño non deixa de ser un documento fundamental do pensamento cívico, social, humanista e patriótico de Manuel María. Un texto bastante descoñecido e lido, talvez polo título de santoral que ten, polo que moitos recúan de ler.

No día segundo do novenario, dedica ao noso idioma un sintetizado texto que engloba toda esa paixón que tiña Manuel pola querenza e defensa que perpetuou notoriamente. Na oración e no propósito, di o seguinte: “Suplicamos a gracia da palabra. Desexamos ser como unha ola de Bonxe, ateigada coa música mais nidia e máxica do noso idioma que nos sirve para nomear a terra, o amor, a rosa, o soño, o traballo de cada día e o descanso de cada noite. Cando esa ola que somos nós, escache e os seus anacos volten á terra da que está feita, que as palabras que contiña voen como paxaros e se espallen, alegres e chiadoras, por toda a tribo, levando unha mensaxe de paz e de amor. E o recendo que deixan sexa unha melodía pra contrapoñer aos oubeos do odio, aos estarabouzos da carraxe e aos estouridos do rencor. Amén.

Propósito.-Usaremos sempre a nosa fala. Endexamais nos avergoñaremos dela. Nunca a luxaremos utilizándoa como instrumento de odio e de mentira”.