Opinión

Mandaríns do poder e da imbecilidade

Coido que o poder que exhibe unha enorme manada de persoeiros, resulta para eles un luxo e mesmo unha fachendosa vaidade. Ben sabemos desa xentiña que cae no desespero, dese individualismo infalíbel de poder lucir as súas prepotencias co fin de ser obedecido. Son os máis incultos e imbéciles os que supoñen que a súa autoridade é precisa para que a máquina do rendemento social funcione colectivamente. É evidente que para estes suxeitos resúltalles un pretensioso luxo ser lacaio e servir a graduais poderes que potencian as estruturas do verdadeiro poder de lucro con súas devastadoras presenzas omnímodas. En fin, todo un cruel e escuro oficio de mandadeiros ao servizo de quen os subordina e os mantén nas diversas esferas do poder. Mais este lumpen, tan firme e suxestivo, na cadea das mediocridades, non deixa de ser o elo desa cadea que afianza a poliarquía da que nos falou Robert Dahl, ao considerar que o poder sustentado por unha base de mediocres remata infundindo e impoñendo autoridade e devastadores ordenamentos administrativos que conforman a gran ditadura. É triste pensar que a enorme masa social obedece a estes monifates da sen razón ao servizo de poderes perversos.

Na historia da humanidade, a imbecilidade é tan súpeta e inoportuna que se enxire nos maiores lixos da enorme estrumeira, ese territorio reservado para os propios e sinistros mandaríns que promoven confusión e deléitanse na mentira e nas artimañas ben articuladas nas ambicións máis acedas do poder, apoiado por ese lumpen de secuaces que veneran a mesquindade dese enorme poder represivo, actuando en todos os refuxios e convertendo as latrinas en trincheiras de combate. Mesmo os excrementos porcinos sérvenlles de perfume. Con este tipo de imbéciles non hai coartada. Hai unha sinistra orfandade ao pensar que as corredoiras rematan nas encrucilladas e xa non é preciso facer andaina. Os alienados e os monifates do poder, nos seus arroutos facistoides, mandan, descansan e badúan, porque a súa única expresión é esa cínica ambición de ter aos indefensos engulidos en súas merdas. Nin por curiosidade un pode soportar aos mandaríns do poder, en súa plenitude de imbecilidade. O peor desta ralea de energúmenos, de impúdicos lelos, é a súa universalidade. Aínda que pareza que é un formato reducíbel, o lumpen sempre asoma desde a burata da súa estrumeira.    

Comentarios