Opinión

M'agrada el groc! Defensem el groc!

Non hai dúbida de que estamos perdendo dereitos civís dunha maneira vertixinosa, que provoca esta dereita gobernamental e que está retomando as depredadoras prácticas fascistas que estiveron vixentes durante corenta anos. É evidente que estamos perdendo dereitos democráticos -se algunha vez estiveron normalizados neste país- a realidade nega esa pretensión de confirmar que estamos nun Estado realmente democrático. O proceso catalán é tratado con tal histerismo e provocación que supera todos os limites non concibidos en espazos plurais que  dinamicen o respecto pola liberdade democrática. Así é como non nos recoñecemos neste fraude esperpéntica desta democracia de miniatura e feita á medida dun escurantismo gobernamental, onde se esconde o fluír ditatorial do antigo réxime. O que aconteceu no Estadio Metropolitano do Atlético de Madrid supera todas as inaptitudes que até agora vén practicando o goberno do PP con respecto a Cataluña. Inmobilizar a persoas e apoderarse das camisetas amarelas por orde gobernativa, supera todos os cinismos e sectarismos dun Estado mal chamado de Dereito. A pretendida marca España fica no unísono dos vilipendios e descréditos internacionais, como estamos observando nos medios de comunicación estranxeiros.

Tal desprezo á exhibición da cor amarela en prenda de vestir, aviva todas as alertas da acelerada inmunidade na que está incorrendo obsesivamente o goberno, no todo vale e serve como escusa e causa de prohibicións e incriminacións. O sucedido nun campo de fútbol de espir a todo o que levaba unha camiseta amarela dunha maneira extremadamente pacífica resúltanos inaudito. O goberno permítese exhibir fervores patrióticos e cánticos marciais, dunha maneira nada inxenua e meticulosamente arbitraria que ofende a boa parte da sociedade. Con estes comportamentos tan impropios de quen debe velar polos valores e liberdades democráticas, resulta que son os seus sabotadores. O problema catalán colocou a este goberno nas antípodas das agresións e conspiracións que atordan ao persoal máis silencioso. Mal lle vai a un país cando os seus dirixentes enrócanse en seus propios medos e son capaces de aventurarse a delirantes provocacións inmobilistas.

O sucedido nun campo de fútbol de espir a todo o que levaba unha camiseta amarela, dunha maneira extremadamente pacífica resúltanos inaudito

 

Provocación, en suma, que vén a mobilizar a que poñamos unha prenda amarela que se asocie coa causa catalana. Non gusto do groc (amarelo). É unha cor que representa á burguesía e aos poderes fatuos; simboliza poder, forza e riqueza. Simplifica a cor do ouro. Fronte a estas anomalías e incitacións, no meu caso, estimularei e defenderei o amarelo contra o contubernio sectario e tan dilixente en provocar tanto caos. Se Cataluña é un cancro para o Estado español déixena libre, por favor, non practiquen tanto masoquismo e confusión. Descansen os instigadores, continúen relaxándose con “El novio de la muerte”. A intelixencia non é para vostedes, non se compliquen, continúen dando a nota aínda que desafine a cantiga. 

O tema das camisetas e dos lazos amarelos, perseguidos en variados eventos non só políticos en Cataluña, evocan os mellores anos en que o franquismo  prohibía a cor vermella, con graves consecuencias represivas. Lembraba Uxío Novoneyra que, cando tiña seis anos estaba coa súa mai na feira de Folgoso do Courel, levaba un xersei de cor vermella, cando o viron os falanxistas, metéronlle a navalla, rachárono e levaron a prenda. Non se podía consentir “el rojo”, era demasiado agresivo e desafiante fronte a orde fascista, excluínte e inalterábel. Cando eu era ben neno a miña mai ensinábame o nome das cores, cando explicaba o vermello, dunha maneira reiterada e excesiva, sinalaba que esa cor non se chamaba rojo ou roxo que había que dicir colorado, ao contrario a garda civil meteríame na corte dos cabalos. O mestre da miña escola rural, tamén insistía que o nome desa cor non era rojo, era colorado. Pois ben, dado ao que rematamos de asistir, co transo das camisetas amarelas, parece que o goberno do PP está desandando os camiños xa andados, para reencontrarse cos escollos mais sobresaíntes da ditadura. Os neofranquistas  volven ás esencias mais lucidas e tristes. Así o practican e estimulan.       

        

Comentarios