Opinión

A luz imperfecta dos alcaldes populistas

A iluminación nadaleña, en seus excesos e babecadas de alcaldía, acapara a atención dunha maneira estridente, evasiva e de festa enteira e sen saber ben cal é o motivo dela. Sempre o mesmo, o dardo envelenado acerta e impacta no branco mais sensíbel das emocións, lembrando o nacemento dun neno no lonxincuo destempo de Belén de Xudea. E aínda que o Nadal perdeu o seu doce e incauto sabor relixioso, pasando por tantas manifestacións de todo tipo, tantas veces de especial degradación, divulgadas polos que teñen o dominio económico e a alienación do persoal, involucrándoo nas tradicións emocionais e usurpando a súa liberdade e negándolles a verdade do que se difunde. A mediocridade ten o seu punto álxido na estupidez de certos e consagrados políticos que planifican o seu populismo especulativo engrandecendo o seu ego devastador e prepotente.

As marabillosas e coloreadas lámpadas que o alcalde de Vigo erixiu, espallou e proclamou seu fervor entusiasta nun escenario de farsa e sainete, tan transversal como poliédrico, que a todos emocionou tanta simplicidade nese xogo de luces e arrogancias do superfluo. Abel Caballero, o alcalde que señorea tanta euforia no seu feudo, con desafíos propagados no seu urbi et orbi laico, desde Vigo e para emocionar a todo o mundo. A equilibrada luminosidade nadaleña das rúas de Vigo é unha cousa, a luz de D. Abel e algo efémero que resplandece por período repetitivo anualmente. Dous anos bastan para concibir algo mais superior e diferente, que nos distinga nesa luz que producen as hidroeléctricas do noso país, das que non somos beneficiados delas e que o vertixinoso alcalde convértese en indutor do consumismo eléctrico, todos contentos ante o brillo e o xogo de luces. Mais a luz que debía de brillar nos sentimentos do alcalde está ausente do verdadeiro drama dos que non poden pagar o recibo eléctrico; de miles de fogares sen calefacción, para sustentar unha simple estufa. O fervor marabilloso nas rúas de Vigo, ante o seu articulado espectáculo de luces, contrasta coa vida malfadada que soportan os marxinados de solemnidade. Esa iluminaria emite un dramatismo que pode que non comprendan os entusiastas desa multitudinaria festa de luces e de toda a parafernalia que alenta o ousado populismo do eufórico e calculador alcalde de Vigo.

Esta grande convocatoria de festa e luminarias non foi planificada para arranxar as necesidades e os aprovisionamentos da cidadanía mais débil, tampouco o seu perfil emite que así sexa, o que pretende e dar luminosidade á personificación populista a Abel Caballero e seus acólitos. Non podemos esquecer que a primeira convocatoria e celebración foi a de 2018, que estaba na liña interesada de inflar popularidade ante as eleccións municipais de maio de 2019. A contundencia electoral foi esmagadora a favor de Caballero. A recunca deste ano pode traerlle réditos con vistas ás próximas eleccións autonómicas, coa intención de favorecer a terceiros e próximos a seus intereses partidarios. Nada é inocente nin improvisado, o cálculo hierático retribúe beneficios aos ínclitos seguidores da inédita pantasmada do alcalde de Vigo, desafiando mesmo ao alcalde de New York con mais de un millón de luces, e desafiando co vetusto e insolidario modelo de luces de Nadal a outros alcaldes. Conseguiuno con Martínez-Almeida, alcalde de Madrid, que entrou no aparente desafío dunha confabulación de amiguiños que comparten intereses e “democratísima” convivencia.

Se todos aqueles cidadáns de Vigo, Madrid e doutras cidades desta Iberia desangrada e esfolada, aos que lle cortan o fluído eléctrico por falta de pago, porque carecen de ingresos e provisións económicas que non reciben do Estado, nin das institucións mais próxima a eles como son os concellos. Estamos asistindo a un escenario dramático de subsistencia programada que provoca náuseas. Se todos aqueles que carecen dun ben tan necesario como o fluído eléctrico, manifestasen a solemnidade da súa pobreza cunha raquítica luz de candea rodeando todos eses artefactos desmesurados e pendurándoas nas fiestras de seus humildes fogares, estaríamos cambiando o mundo, desde as pequenas cousas, e desarticulando a estes inconfundíbeis paranoicos de circo de barateira, vociferando fartura, progreso e liberdade. Puta que os pariu!

Eses mal administradores do común, saben que estamos en emerxencia climática e acenden millóns de luces, aumentando o consumo eléctrico que potencia desigualdade e o cambio climático. Eles non ignoran que Galiza é a máxima produtora de enerxía eléctrica que consume o chan Peninsular, e sobre todo á castiza e real centralista vila de Madrid, cando hai centos de galegos que carecen dese ben enerxético que producimos e pagamos os recibos mais caros que os que pagan os beneficiados mandriles, sancionándonos por ser un país produtor. A esta extraordinaria discriminación e desigualdade súmanse certos alcaldes e edís do consumismo. Este tipo de bobadas desvelan a carencia de luz que non ilumina os seus cerebros e os seus sentimentos.                      

Comentarios