Opinión

Lao-Tsé, Sócrates e Epicuro

Nos tempos actuais en mudanza, tan expresivos en conflitos bélicos, convén rebuscar exemplaridades filosóficas nos cinco mil anos anteriores á era de Cristo, procurando diversos roteiros polos que transitaron os grandes pensadores da antigüidade, pronunciando ditame sobre múltiples percursos polos que a humanidade sentíase desasistida, en concretos puntos do planeta. O Tao Te King, escrito polo chinés Lao- Tsé (século VI a. C.,) salienta tantas sabedorías e proclamando inmensas lecturas ininterrompidas desde fai máis de cinco mil anos na historia do pensamento da China. Esta coherencia filosófica fainos pensar no tecido do Tao Te King e na súa continuidade referencial, observando fórmulas e comportamentos de variados cambios polo que se rexe a humanidade, en seus diversos procesos, que tantas veces foron cuantificados baixo a filosofía, aínda dela percibimos a orixinaria doutrina taoísta.

Reparemos nestes procesos conxunturais que se deron e que se dan en certos persoeiros da política mundial de finais do século XX, que retomaron o pensamento de Lao- Tsé, como é o caso de Mao Tse Tung, en seu “Libro Vermello” e na súa poesía, onde percibimos a presenza filosófica de Lao- Tsé, integrando varios textos á mecánica ideolóxica comunista. Non poucas precisións manifestadas no Tao están inxeridas no pensamento de Mao. A visión e a dialéctica da harmonía contestataria de Lao- Tsé foi atraída polo líder comunista chino. Aínda o discurso filosófico e poético de Hô Chí Minh, compulsa no Tao paralelas versións ás que manifestou Mao.

Outro dos grandes vultos do pensamento filosófico grego foi Sócrates (século IV a. C.) Non fai moito que retomei a lectura socrática debido a unha exposición sobre a arte grega en Barcelona, na que me impresionou o busto de Sócrates, nesa copia de mármore de Carrara, pertencente ao Museo Archeologico Nazionale di Nápoli. Seu rostro sereno e con ollada de penetrante paixón tan inconmutábel, conmovéronme. No estípite da escultura, lin o seguinte fragmento de Sócrates, antes da súa morte, sacado do libro de Platón: “Critón”: “É preciso considerar se un ten que obrar desta maneira, que para min non é a primeira vez, senón de sempre, son de tal condición que a ningún outro impulso teño cedido senón á razón que, nas miñas reflexións, paréceme como a mellor”. Coa razón combateu aos deuses e aos idólatras oficializados na sen razón. O propio Sócrates preguntouse: “Os deuses crearon ao home, ou o home creou aos deuses? Anaxágoras foi acusado e desterrado por non recoñecer que o sol e a lúa eran divindades. Sócrates amparado na praxe da súa propia dialéctica, quixo morrer polo que razoaba. A razón tamén asistiu a Galileo Galilei, os deuses terreais que o acusaban sucumbiron en súas propias tramas.

Na actual maraña social en que vivimos actualmente, gustaría estar ao amparo do hedoísmo de Epicuro e procurar a felicidade e o pracer existencial que tantas veces desasístenos. Moito debe o materialismo histórico e natural, deste filósofo grego, ao incremento e análise sobre a razón, como oposición ao fraude dos seguidores dos deuses que divulgaron crenzas contrarias  ao coñecemento empírico. Epicuro foi un dos precursores do contrato social e dos conceptos de xustiza social, tecido e protexido no materialismo histórico. Neste sentido, Epicuro influíu nos procesos do materialismo histórico de Karl Marx e na negación do que non se comproba. O ideario marxista está revestido da condutora filosofía que Epicuro elaborou, partindo do esencial dunha ética materialista que nos induce a superar tódolos medos a deuses celestes e a demos infernais, a todas as prédicas que concorren na alienación interesada do home polo home. Eu que estou no extramuros da indiferencia, lonxe da palabra fácil e melosa que proclama a deuses apocalípticos, persistirei en afondar na ética social de Epicuro, de Sócrates e Lao- Tsé, negando rituais que devoran a dignidade social da humanidade.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.