Opinión

L’onze de setembre de 1714, 300 anys després

Diana Nacional de Catalunya, non é a celebración dunha derrota senón a homenaxe aos resistentes asediados de Barcelona, durante catorce meses, desde xullo de 1713 até o 11 de setembro de 1714, polas tropas casteláns baixo o despotismo borbónico de Felipe V.

A Diana Nacional de Catalunya non é a celebración dunha derrota senón a homenaxe aos resistentes asediados de Barcelona, durante catorce meses, desde xullo de 1713 até o 11 de setembro de 1714, polas tropas casteláns baixo o despotismo borbónico de Felipe V. Miles de cataláns foron asasinados neste día, en que as tropas catalás comandadas por Antoni de Villarroel e a defensa popular dirixida por Rafael de Casanova, sucumbiron ao cerco das tropas borbónicas.

"Miles de cataláns foron asasinados neste día, en que as tropas catalás comandadas por Antoni de Villarroel e a defensa popular dirixida por Rafael de Casanova, sucumbiron ao cerco das tropas borbónicas".

O xeneral comandante do exército catalán, Antoni de Villarroel (Barcelona, 1656-A Coruña, 1726), era fillo dun galego e abastado xefe do exército con residencia en Barcelona e natural de Vilanova dos Infantes en Celanova. O heroe da resistencia caeu ferido e foi transferido ao castelo de San Antón da Coruña, onde finou o 22 de febreiro do mencionado ano de 1726. Villarroel foi o escollo desa resistencia militar e popular dos cataláns, en defensa das súas constitucións e institucións nacionais, abolidas pola “Nova Planta” de 1716.

Se o benemérito defensor dos dereitos irrenunciábeis de Cataluña foi Antoni de Villarroel de orixe galega. A “Nova Planta” borbónica, represiva e anuladora dos dereitos nacionais cataláns, estivo dirixida polo todopoderoso, José Patiño Rosales (Milán, 1666-Real Sitio de San Ildefonso, 1736), fillo dun militar coruñés que prestaba seus servizos no milanesado. Os xenes galegos na defensa de Cataluña e, tamén, na colonización da mesma. Patiño destacou como o poderoso e intocábel “Grande de España” de Felipe V, o que demostrou ser o sátrapa mais férreo no invento da “Nova Planta”. Mais Patiño a denominou: “Nueva Planta de la Real Audiencia del Principado de Cataluña establecida por Su Magestad”. El foi o mentor dese amplo documento que se decreta o 16 de xaneiro de 1716, no que aparecen termos como este: “Derogados las antiguas leyes y usos” e tamén: “Abolición de las leyes e instituciones del Principado de Cataluña”. Desta maneira recoñecíase que o Estado catalán deixaba de existir por manu militari e por imperativo de lei despótica e aldraxante. A nova colonización estaba en marcha, mais a resistencia que se lle puxo a Felipe V desde 1705 a 1714, toma outro rumbo: o da clandestinidade armada, polas antigas tropas catalás (miguelets) e por civís armados (trabucaires) que deron duros golpes ás administracións centralistas e despóticas da “Nova Planta” e a tódolos instrumentos represivos impostos polo poderoso intendente José Patiño.

"Recoñecíase que o Estado catalán deixaba de existir por manu militari e por imperativo de lei despótica e aldraxante. A nova colonización estaba en marcha"

Mais o silencio colonial do centralismo borbónico non puido aplacar as loitas pola restauración das constitucións catalás. A conspiración enrocouse de mil maneiras e expresións, chegando a lograr certos cambios na derrogación da “Nova Planta” e do réxime absolutista, ratificado na Constitución española de 1837. A pletórica firmeza reivindicativa dos cataláns, durante a última metade do século XIX, comeza co derrube da Cidadela militar de Barcelona, ao berro de “Victòria per Catalunya i per Barcelona!” Nesta época comeza a innovación de Barcelona coa apertura de l’Eixample, dedicando dúas rúas a Rafael Casanova e a Antoni de Villarroel.

Curioso, que coa revolución setembrina de 1868, outro catalán, o xeneral Joan Prim i Prats manda colocar unha placa na derrocada fortaleza, co seguinte texto: “La tiranía de Felipe V, primer Borbón, levantó la ciudadela. La libertad, al arrojar de España al último Borbón, la derriba”. Aínda nestas datas o historiador Mateu Bruguera, publica: “Historia del memorable sitio de Barcelona”, na que se fai publico o xenocidio do 11 de setembro de 1714 e na que se revela esa Cataluña mártir e soterrada clandestinamente no Fossar de les Moreres, nos rentes da basílica de Santa Maria del Mar, onde por primeira vez réndeselle tributo cívico e público ás vítimas da resistencia nacional catalá, con grande celebridade l’Onze de Setembre de 1886. Pouco mais tarde, coa inauguración da Exposició Universal de Barcelona en 1888, os catalanistas exhibiron internacionalmente referencias sobre aquela traxedia e proliferaron as reivindicacións sobre a liberdade nacional de Cataluña. A partir de 1886 a lembranza do 11 de setembro perfila novas ideas e personificados proxectos que dignifican a unha Cataluña viva e que pretende ser dona de si.

"Os conceptos de clase que aborda Artur Mas no intre de enrocarse nun independentismo mal calculado, choca cos intereses da clase traballadora e media, xa en plena penuria e mediocridade, soportando tanta indecencia".

Desde a primeira celebración da Diada Nacional até a actualidade, culmínase un mosaico de feitos históricos, no que Cataluña tivo que transcender alén de non poucas miserias centralizadoras e tolerar demasiadas estrataxemas dun españolismo acedo e tenebroso que convive cun nacionalismo coincidente en grandes intereses económicos. Nesta fedenta actualidade, amañada pola consabida depredación e corrupción de estirpes e sagas familiares como a de Jordi Pujol, vén a descubrirnos as entretelas dunha corrupción que xa sabíamos dela os barceloneses, apesares de que as institucións puxeran oídos xordos a tales tropelías. 

A corrupción pon ao nacionalismo de CiU na contradición de valores autóctonos e sobre as reivindicacións nacionais no momento que mais se precisa para aclarar o contexto político de Cataluña. As contradicións de Artur Mas sobre o soberanismo fosiliza os argumentos independentistas, xurdidos por unha trama desexosa de alterar as respostas da opinión pública catalá, con relación aos avultados e inicuos recortes que a sociedade de Cataluña está soportando. Os conceptos de clase que aborda Artur Mas no intre de enrocarse nun independentismo mal calculado, choca cos intereses da clase traballadora e media, xa en plena penuria e mediocridade, soportando tanta indecencia. O soberanismo independentista é outra cousa, e iso o saben perfectamente os cataláns que non ignoran o que se perdeu o 11 de setembro de 1714.

Como se entende que o litixio entre o goberno autonómico e o central, CiU queira prestarlle apoio ao PP na súa estratexia de cambiar a elección de alcaldes? Hai convivencia de intereses que están por enriba dos democráticos e populares? Que exame de conciencia poden facer os converxentes ante unha conmemoración dos 300 anos do asoballamento de Cataluña? Cando eles son os mais viles depredadores do bon seny catalá. 

Comentarios