Opinión

O Kurdistán oprimido por sátrapas e sismos

Asombra e entristece a devastación tan determinante e nada precaria, no cálculo de vítimas, que produciu o actual sismo verificado no Kurdistán. Dicimos ben: Kurdistán e non Turquía, este é o país agresor e o que controla a grande parte xeográfica da nación kurda baixo o dominio de Turquía, con Irán, Iraq e Siria. O Kurdistán repartido e esfarrapado (de tanto tirar por el, como o manto de Cristo). Esta antiga nación kurda era maior do que é hoxe a península Ibérica. Cunha cultura estrelecida e luminosa en todo Oriente; cunha loita reivindicativa de enorme alcance e resistencia no cultivo do seu idioma común, que non puideron eliminar seus catro países agresores. A conciencia dos kurdos continúa impulsando a loita pola dignidade e liberdade.

Onde se produciu o terremoto é territorio kurdo. Os medios de comunicación occidentais, insistentemente, o situaron en Turquía, dunha maneira aleivosa e mentireira. Ese epicentro produciuse na rexión kurda de Maras, asentada na zona tectónica onde converxen tres placas en permanente fricción, provocando unha enorme desbandada de cidadáns kurdos. Neste sentido, a “Unión de Comunidades de Kurdistán” está realizando intensas chamadas para non abandonar este territorio, onde se produciu o desastre sísmico o sete de febreiro, cunha intensidade de 7,8 e sucesivas réplicas. Baixo a consigna de non perder a identidade e a dignidade fronte a usurpación e dominación que practica o Estado turco con constantes represións e xenocidios. 

Turquía conta cun dos exércitos máis potentes da OTAN, nunha zona xeopolítica moi conflitiva. Mesmo agora, coa invasión de Ucraína o réxime corrupto de Erdogán xoga cunha baralla de cartas falsas, ou nun taboleiro de xadrez onde perdeu a mobilidade a torre, o cabalo e o alfil, só fica coa alta xerarquía e unha peonada desvalida. Bambearse nun arrolico impulsado e suspendido polos Estados Unidos ou por Rusia (cando interesa) e con todas as desconfianzas posíbeis dunha Europa que se desgasta constantemente co ditame dos ianquis. Unha Turquía que ten recibido miles de millóns de dólares para prevencións sísmicas, construción de infraestruturas e instalación de servizos públicos e bens culturais, son destinados a armas e aparellos represivos, destinados a reprimir aos kurdos e a paraísos soterrados.

O PKK (Partido dos Traballadores de Kurdistán) declarou un alto ao fogo, ante a delicada e mortífera situación provocada polo terremoto, causando máis de cincuenta mil mortos, mais a ofensiva militar turca non cesou contra os kurdos. Ante estas belicosas e xenocidas circunstancias, Europa pon vendas nos ollos e tapón nos oídos. Unha maneira de lexitimar á satrapía que vulnera os mais elementais Dereitos Humanos. Kurdistán non deixa de ser unha ampla encrucillada para Turquía. Coa guerra de Ucraína,  Erdogán non pode brincar ao despiste entre Oriente e Occidente e, tamén, co seu feudo electoral, nas próximas eleccións que se aveciñan. Aínda que os procesos de eleccións baixo o dominio de ditadores sempre van parar ao mesmo oco. A nación kurda que loita pola liberdade e pola dignidade, con miles de mortos e máis de tres mil presos kurdos nos cárceres de Turquía. O propio presidente do PKK, Abdullah Öcalan, foi detido en 1999 e condenado a morte, pola presión internacional foille conmutada en 2002. Continúa preso ante o silencio de Europa.

Comentarios