Opinión

Intolerantes esfinxes

As esfinxes viñeron modelando os nosos ritmos súbitos coas súas perversidades que elas preservan para inxectarnos alienación para respectar as súas momias. Non falo das esfinxes de Gizeh, de Kefren ou de Karnak. Falo de outras esfinxes, quizais máis estáticas e carraxentas que deseñan e maltratan a nosa vida con temores e sufrimentos. Falo de moi concretas esfinxes que ocupan ministerios e administracións públicas. Esfinxes que exhiben toga, levita, púrpura, faixa e mitra. Que as vemos a diario con ese rostro opulento e burocrático, como deidades de ultratumba. Estas son as esfinxes que nos crean necesidades lucrativas e que promoven prioridades consumistas das que nós somos vítimas. No hábito de estar emparedados, non notemos o cheiro fétido dos excrementos dos chamados excelentísimos señores, que contaminan algo tan simple como o de ter ideas e aceptar con normalidade seus portentos e ditames. As esfinxes precisan dunha dose de turbulencia e de concreto odio ás súas perversas intolerancias.

Coidado! Moito coidado con tolerar a intolerantes. Tolerar non deixa de ser un acto de admitir a corruptos, a fascistas que nestes tempos abundan disfrazados de sorrisos mesquiños, de palmadiñas suaves e indirectas e con palabras encubertas de falsas adulacións, nun rito de amabilidades escurantistas: gaiola aberta e soterrada, con garfos opresivos de contundente intolerancia. Velaquí o instinto depredador dos intolerantes, con súas artimañas e finximentos, que operan con obstinada dilixencia e contra os que se opoñen a súas intolerancias. É preciso tolerar porque a tolerancia é un don maiúsculo que non se disfraza de carraxe nin de neglixentes abusos. Mais a tolerancia debe servirnos de contrapunto para combater o xerme nocivo que empregan os intolerantes. Algo tan prioritario para pór en acción os dons da liberdade, por parte de quen aspira a practicala en combate desigual. Ao contrario, estará admitindo conceptos e fórmulas de continuar sendo cativo dunha enorme derrota intelectual. Moito coidadiño co asoballo dos intolerantes, en seus comportamentos estrafalarios de insidiosa dimensión, no baremo da loita de clases.

Fronte a intolerancia, a mentira e a corrupción dos poderes fácticos e de seus extremosos acólitos das dereitas, posicionados nese longo e activo ventallo opresivo. Nesta situación, xurde a pregunta: para cando facemos exercicio da desobediencia civil? As masas oprimidas precisan dunha dose de unión para elixir unha opción de liberdade. Un destino certo para combater as afrontas da alienación e castración oficializada. As miserias impostas pola clase capitalista non só radica na pobreza económica, tamén no empobrecemento ético e intelectual. Introducíndonos no oco nu e noxento dun templo mercantilista que nos instrúen para que sexamos indiferentes e distraídos mercando cousiñas que non precisamos utilizar. Nunca pode haber desobediencia civil senón hai dignidade persoal, sen detestar deses tarecos e miudanzas que nos amordazan e nos converten en seres insensíbeis ante unha realidade que encubre tanta miseria e crueldade. Precisamos de unificar elementos de conducta social e rebeldía para desobedecer aos diversos e excesivos poderes que a sociedade ensumida na pobreza e na marxinalidade, está soportando o peso esmagador dun sistema que se protexe con insidia e intolerancia. Desobediencia civil, para cando o noso desquite? “Négome a colaborar cun Estado que mantén un réxime de escravitude”. (Henry David Thoreau).    

Comentarios