Opinión

A indiscreta imbecilidade

A imbecilidade é tan súpeta, indiscreta e inoportuna que a vemos introducida nas maiores merdas que xeran a estrume dos vilipendios, tan apropiados e reservados para imbéciles. Promotores e expositores do fedento lixo da confusión, deleitándose na mentira e nas artimañas fraudulentas; converténdose en secuaces idólatras da mesquindade, sempre en alerta desde seus propios refuxios de covardía. O imbécil non veu a este mundo para estar na trincheira de combate que a vida pudorosa e de rigor esixe. Posiblemente o paraíso do imbécil sexa esa latrina onde foi concibido e por iso gústalle envorcallarse nos excrementos porcinos.

Co imbécil non debemos ter chanza nin coartada, nesa sinistra orfandade de el coidar que as corredoiras rematan nas encrucilladas e xa non é preciso facer andaina. Esta e a traxectoria do imbécil. Na encrucillada dos seus arroutos descansa e badúa, porque a súa única e inimitábel expresión, da súa arroutada cínica, e ver aos demais engulidos nas súas merdas. Resultan abafadoras esas palabras fétidas que despide. Nin por curiosidade un soporta ao imbécil, a non ser por velo somerxido nas cachoeiras das súas propias babas que comparte coa súa propia ralea de impúdicos lelos. O peor da imbecilidade é a súa universalidade e seus contaxios. Aínda que pareza que a imbecilidade é un formato reducíbel e anatematizado, o imbécil sempre asoma pola burata de súas impurezas.

Mais compre falar da utilidade que desempeñan os imbéciles, conferidos por vaidosos persoeiros que exhiben as súas grandezas, revestindo á innecesaria manada de lumpen, tan precisa en dar ordes severas, alén do que ordena o seu xefe. O imbécil sempre está presto a executar o “ordeno e mando” do monifate de quenda que emprega puño devastador contra os que crean plusvalía. Neste individualismo de infalíbel submisión, atopamos en acción o imbécil-lumpen, lucindo as súas prepotencias en ancho e graxento peitoral, fardadiño de latiñas. Canto peito decorado de servizos inquisitoriais. Os máis incultos e babecos son esa fachendosa peonada que supón que sen a súa puntual autoridade a máquina social non funcionaría.

É evidente que para estes suxeitos debe ser un pretensioso luxo ser lacaio e servir a graduais poderes que amparan e potencian poderes e masacres. En fin, todo un cruel e escuro oficio de mandadeiro e executor de ordenanzas de quen se subordina á voz do uniformado ou do patrón. Mais este lumpen imbécil non deixa de ser un forte elo na cadea do mediocres que afianzan padroados, sociedades anónimas, poliarquías e estados fácticos. Dos que nos falou Robert Dahl, ao considerar que o poder infunde e impón autoridade despótica. É triste pensar que a xente obedece a estes ignorantes monifates, non porque teñan razón, senón porque sustentan poderes perversos.