Opinión

A incultura que rodea o asasinato de raposos

O problema que acadan as devastadoras batidas de raposos nas diversas xeografías galegas formula a opción discriminada de atacar unha especie autóctona que tiña que estar protexida con todo o rigor por unha lei que penalice e condene os autores desa barbarie que elimina fisicamente os raposos. Unha barbarie que altera a cadea de sustentabilidade ambiental, con prexuízos ao sistema biolóxico, e altera o equilibrio dunha especie que, na comunidade galega, soporta a incívica depredación que xa non só ataca o Vulpes vulpes, senón tamén a todo o que encarna o proceso sustentábel socio-ecolóxico, con relación ao ser humano e ao seu entorno. Fronte a esa barbarie o que compriría sería promover a calidade do medio ambiental, no que o raposo xoga un papel importantísimo. Coa matanza indiscriminada desta especie na Galiza a biodiversidade entra nun proceso de desaxustes dos valores que deben naturalizar e normalizar as especies en seu propio ecosistema, como un ben que só é sustentábel por medio dunha concienciación harmónica na que se involucren persoas capaces de tomar medidas para conseguir un equilibrio ecolóxico real que reduza o impacto negativo que soportan certas especies como é o raposo no seu espazo de adaptación natural.

O espectáculo sanguinario e sen escrúpulos deses persoeiros que despois de matar raposos os exhiben dunha maneira cruel e cun sorriso de satisfacción por acadar como trofeo un ser vivo que ocupa un papel importante na cadea medioambiental —sen decatarse que sen eles todos somos mais pobres e alleos ao que nos depara o destino da depreciación— é desprezábel. Os depredadores actuais exceden en violencia os cazadores das cavernas do Homo Neanderthal do Pleistoceno, estes cazaban para alimentarse, os actuais fano por diversión e quizais por satisfacer os seus instintos de masacre ou sentirse ofendidos cos animais que non ofenden a ninguén. As diversas expresións paranoicas destes comportamentos son tan complicadas como imposíbeis de entender, nunha sociedade existencial e normalizada.

Os depredadores actuais exceden en violencia os cazadores das cavernas do Homo Neanderthal

 

Mais o problema da depredación do raposo na Galiza non é só culpa de quen o asasina, senón tamén de quen permite, apoia e instiga a súa execución. Neste contubernio está unha parte moi sensíbel e miserábel da operación: a Consellaría de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que é a administración competente de amparar as especies no noso territorio. Esta administración atribúe o asunto ao problema de poboación e ao exceso de reprodución do raposo. Por tanto a  inventiva máis fácil e sen escrúpulos é montar unha folclorada de escopeteiros e manter ano tras ano un espectáculo de diversión mortífera. Este animalicidio é intolerábel nunha sociedade plural e cívica que cada vez máis protexe todo ser indefenso que ten vida. A Consellaría de Medio Ambiente ten que tomar as cousas máis en serio e escoitar as miles de voces opostas ao asasinato do raposo, non cabe razón algunha, pretexto ou alegato de que a poboación desta especie aumente. Neste caso hai diversos plans de normalizar a poboación aplicando unha sustentabilidade como fan en varios países europeos, por medio de métodos de infecundidade, sen recorrer á exterminación alentada pola administración autonómica. Todo un acto de incultura no seu estado mais acedo e desalmado que exercen eses individuos que xeran desprezo polo raposo e outras especies, coidando que é inferior e, por tanto, tendo poder e decisión para eliminalo sen obxectar.

Este 'animalicidio' é intolerábel nunha sociedade plural e cívica que cada vez máis protexe todo ser indefenso que ten vida

 

No caso que nos ocupa estamos falando dun mamífero que na Galiza está enraizado na nosa cultura e en numerosas lendas e contos populares que xa forman parte da nosa literatura máis representativa, na que o raposo ocupa diversos xéneros creativos e incluso fábulas que describen a súa beleza e a súa astucia. O raposo resúltanos tan preto e entrañábel que eu me permito chamarlle irmao. Porque el forma parte desa irmandade que a nosa Terra acolle con xenerosidade. Por tanto non hai lugar para desprezalo e menos para asasinalo dunha maneira cruenta por parte de tipos tenebrosos. Temos que defender a nosa fauna co imperativo da palabra e non coas armas que a elimina. As manifestacións de repulsa que se deron na Galiza estes días abren novos horizontes de conciencia pola defensa dun tesouro que non podemos perder en poucos anos, dado a cifra de raposos mortos neste desafío contra a vida, que pode xerar extinción.

                   

       

           

Comentarios