Opinión

Il Poverello d’Assisi

Hoxe catro de outubro, católicos e non crentes celebramos a un persoeiro meritorio que suxire lembralo, que viviu nos dous finais decenios do século XII, e nos tres do século XIII. Este singular persoeiro, chamado Giovanni Pietro di Bernardone (1182-1226), coñecido popularmente por S. Francisco de Asís. Natural desta cidade e fundador da Orde Franciscana. Viviu nunha época enigmática e de profundas contradicións doutrinarias, entre os saberes da ciencia escolástica e as posturas observantes que non estimularon mudanzas. Naqueles séculos de ferro e de severas incontinencias que protagonizaron persoeiros que modelaron o pensamento do século XII, como Bernardo de Claraval, Xoaquín de Fiore, Hugo de Saint Victor, e o abade Suger de Saint-Denis, entre tantos outros que postularon mudanzas e tamén indecisións.

Il Poverello d’Assisi, irrompeu nun intre de confusión cunha prédica e compostura en defensa dos pobres e practicando a pobreza. Un novo perfil en facer Igrexa, desde postulados que estimulaban un novo ordenamento da vida clerical ben diferente á retórica burocracia de estímulos egocentristas que practicaba a xerarquía católica da época. En certa ocasión o poderoso cardeal Hugolino, futuro papa Gregorio IX, propúxolle a Francisco que na súa Orde podía e debía nomear cardeais. Resposta: “Na miña comunidade non caben mais que humildes frades”. Estas palabras non deixan de ser un enorme cántico en defensa dos humildes e da pobreza, para edificar rexurdidos valores evanxélicos e apostar por unha Igrexa dos sen teito e dos servos explotados por seus señores feudatarios. 

Que postura mais valente, naquela época escura, tratar ao lobo de irmao, un animal que estaba no inventario da Igrexa como maléfico e demoníaco.

No ideario de Francisco de Asís recoñecémonos, ademais dos cristiáns, os ecoloxistas, naturalistas, animalistas, nudistas e os desherdados dos bens deste mundo. O poverello é unha referencia tan íntima como indulxente en testemuñar unha vía rupturista e emancipadora en favor dos mais débiles. Actualmente, S. Francisco  participaría nas reivindicacións, a pé de rúa, xunto a anarquistas, comunistas, bloquistas, revolucionarios, ateos e pacifistas. Estaría xunto aos traballadores despedidos de Alcoa en S. Cibrao; cos descamisados e cos que soportan a inxustiza social, e pouco ou nada cos representantes da Igrexa fría e indiferente con os que sofren e soportan continuos agravios. Que postura mais valente, naquela época escura, tratar ao lobo de irmao, un animal que estaba no inventario da Igrexa como maléfico e demoníaco, non deixaba de ser un revulsivo enorme para certas imposicións ortodoxas que practicaba a Igrexa medieval.

Teño lido bastante sobre S. Francisco e o franciscanismo, e conversado numerosas veces sobre este tema con Manuel María. Os dous tiñamos a biografía clásica: “San Francisco e Asís” (1925) do enorme biógrafo, G. K. Chesterton, un dos mais recoñecidos estudosos sobre o poverello. Lembro que Manuel tiña preferencia polos capítulos titulados: “O xograr de Deus” e “O pobriño”. O de ser poeta e tratar ao lobo de irmao, conmovía a Manuel e facíalle vibrar o corazón. Para o noso poeta, a pobreza e a austeridade franciscana, ampliábanse no seu pensamento en defensa dos pobres e de ver a Igrexa desexada para os galegos de outra maneira. Os dous falamos intensamente da vida e da prédica crucial de S. Francisco, que foi capaz de crear unha nova orientación e intentar restituír o Evanxeo dos pobres, fronte aquela Igrexa totalitaria e corrompida do papa Inocencio III, o tirano da concupiscencia e das riquezas e poderes que ostentaba el e a súa curia principesca.

Nun encontro entre Manuel e servidor, el chegou cunha pequena caixiña e nela viña unha pequena escultura de S. Francisco, moi emotiva e naturalista, con manto groso e nel tres pombas brancas pousadas sobre si, que gardo e protexo en memoria do  vello amigo. Para Manuel María, S. Francisco de Asís era unha referencia en moitas e distintas direccións e comportamentos de vida a imitar, nun mundo corrupto. Na escrita do poeta da Terra Cha encontramos elementos éticos e estéticos moi interesantes, de longo trazado humanista franciscano. Neste sentido, hai un poema no seu libro: “Compendio de orballos e incertezas” (1991, que transmite máximas de transcendencia. Transcribo os nove primeiros versos deste poema: “DEIXADE que o noso corazón se abra / á beleza deste noso mundo / tan carnal, amigo e amoroso: / á luz clara e máxica dos días, / ó engado das noites, / á música de toda creación / e ós silencios pechados nos que / cada un de nós pode estar oíndo / o inquedante latexar de si mesmo”. 

Francisco de Asís fixo posíbel que a orde mendicante franciscana fose a mensaxeira do transcendente legado en defensa dos pobres.

A Manuel fíxenlle chegar o libro: “San Francisco de Asís: Ternura y Vigor”, do teólogo, ecoloxista e franciscano brasileiro, Leonardo Boff. Para nós foi un gozoso descubrimento e tan útil para o debate. Sobre todo, os capítulos dous e catro: “San Francisco: la opción preferencial por los pobres” e “San Francisco: creador de una Iglesia popular y pobre”, respectivamente. Abondan as necesarias achegas en procura da persoa certa en abrir camiños como foi Francisco de Asís, que fixo posíbel que a orde mendicante franciscana, portadora das credenciais da pobreza, fose a mensaxeira do transcendente legado en defensa dos pobres, até que o franciscanismo aceptou mitras e báculos burocráticos. Pese a todo, o franciscanismo perdura e activa achegas como as de Boff e outros. Outra das interesantes biografías de achegas a S. Francisco de Asís é a de Agostinho da Silva (1906-1994), filósofo portugués e de pensamento libertario, panteísta e antisalazarista que teceu unha importante biografía sobre o santo de Asís. Da Silva fixo propostas en favor dunha igrexa portuguesa, en acorde cos principios franciscanos e desviada da burocracia vaticana. É outra das biografías do pobre de Asís que precisamos repasar.

Onte día tres, véspera da morte de S. Francisco, o papa Francisco presentou e asignou a súa nova encíclica: “Fratelli tutti” (sobre a fraternidade e a reconciliación social), na basílica de S. Francisco en Asís. A anterior encíclica do papa Bergoglio, titulada: “Laudato si”, está orientada sobre os problemas ecolóxicos e medio ambientais, cuxas desfeitas son produto dos devastadores intereses  e cobizas capitalistas, e orientada cara posturas científicas que doutrinarias. Toda unha orientación cara a mensaxe de Francisco de Asís, cuxo legado continúa referenciado en diversos espazos e actitudes en defensa da fraternidade universal.  

Comentarios