Opinión

A identidade preservada de Rianxo

Identidade e autenticidade preservan a Rianxo como un dos concellos con mais personalidade e distinción de Galiza. Os rianxeiros forneceron esa fecunda tradición de recuperar e evocar a súa historia, en seus diversos frontes, e de non retraerse no silencio. Esta encantadora vila mariñeira de enorme portento que nos presenta esas rúas con casas humildes do Rianxo antigo, mostrándonos o perfil dun vilar erixido á medida funcional da xente do mar, lexitimadora das formas e os modos de entender a vida propia e manifestar o cotián do seu microcosmos, articulado por quen aprecia as minuciosas particularidades dun pobo que percibe ese manancial común e que souberon arranxar e preservar as xentes portentosas e humildes, de remo e eixada, á beira do mar tenebrorum. Con esas rúa curtas de distinguida historia personalizada en si mesma. Con esa igrexa de impetuoso campanario que parece un ostentoso faro para iluminar os mariñeiros perdidos e perturbados que loitan decididamente contra as tráxicas tempestades. Esa praza diante da escalinata do igrexario, coa casa nobre que podía estar asentada no antigo solar do señor de Rianxo e adiantado Maior da Galiza, o chamado almirante do mar, Paio Gomes Chariño, o trobador distinguido de amor e amigo, o de “As frores do meu amigo / briosas vam no navío”.

En 1975, Xosé Ramón Pousa Estévez, actual decano da facultade de Xornalismo da Universidade de Compostela, levoume a Rianxo nun momento moi perturbador para o pobo, dado que o alcalde do réxime anterior estaba empeñado en trocar o “x” polo “j”. Rianxo por Rianjo, lexitimar así o incomprensíbel abuso de asimilación e imposición para corromper a autenticidade, isto conmoveu todo Galiza, creando unha grande movida contra a burrada mais distinguida da época. Había polas rúas, pintadas evocadoras de permanencia do orixinal nome de Rianxo. Nesa ocasión observei a unha señora de cumprida altitude, vestida de negro, con rosario e misal saíndo da igrexa. Ollei a súa cara e era a do mesmísimo Castelao. Pregunteille se era Teresa Rodríguez Castelao e o confirmou. A Pousa e a min ofreceunos subir á súa casa e mostrounos unha parte do memorial en imaxes do eu irmao Castelao. Despois deste encontro mantiven unha correspondencia con Teresa de longa durada.

Despois desta primeira visita foron frecuentes as miñas viaxes a Rianxo. A última delas hai poucos días, convidado polo seu ex alcalde, Pedro Piñeiro, meu bo e xeneroso amigo, que coñecín na inauguración do Parque Castelao de Sant Andreu de la Barca (Barcelona), o 2 de xullo de 2006. Piñeiro e súa esposa Luísa deixaron unha grata lembranza nese acto que dignifica a Rianxo. Esta recente visita, cargada de sorpresas, o punto de partida foi Asados, unha parroquia que mantén viva a evocadora casa onde viviu e morreu o noso universal poeta, Manuel Antonio. Unha humilde e rigorosa praciña co nome do poeta do mar. De Asados ao Concello de Rianxo, guiado polos amigos, Pedro Piñeiro, Xesús Santos Suárez, historiador local da memoria histórica rianxeira e revelador permanente dos crimes fascistas, un home puntual nos quefaceres culturais de Rianxo, animador do teatro local, como actor de director do grupo “Airiños” creado en 1933 e que prosigue lembrado e vivo, no que Santos deulle permanencia. Nesta compaña veu José Tubío Fachado, unha persoa co sorriso en flor, gozoso e compracido cando falamos das cousas de Rianxo. Introduciunos na sala de plenos a amábel Maicarme Figueira Ares. No seu interior a presenza viva de Castelao non cesa nesta sala -como debe ser e permanecer-. Apareceu o alcalde, Adolfo Muíños, con roupa de traballo, parece a usual do seu día a día, vese que non é un alcalde deses que van fardados de roupa que impón respecto e separación do común e do habitual. O seu aspecto, lembroume a Joan Falguera i Estapé, aquel alcalde de Sant Andreu de la Barca, republicano federalista, a finais do século XIX, que foi denunciado ao gobernador civil por traballar coa brigada municipal, e non darse a respectar como alcalde á vella usanza conservadora. Pode que Muíños sexa da estirpe popular de Falguera, sen sabelo, mais vemos poucos edís que os imiten. Todos os mencionados visitamos o Museo Manuel Antonio, na súa casa nativa, a emoción exáltase a ver tantas permanencias do poeta que trouxo a modernidade á poesía galega. Inmensa perda: finou aos seus trinta anos mozos. Neste Museo, o alcalde agasalloume coa primeira edición facsímile de “Catro a Catro” de Manuel Antonio e cun álbum de fotografías antigas de Rianxo.

É curioso que na curta rúa de Abaixo de Rianxo están as casas nativas de Manuel Antonio, Castelao e Rafael Dieste. Con Adolfo Muíños e Maricarme Figueira conducímonos á casa de Dieste, un impetuoso casar en reconstrución para albergar o Museo Rafael Dieste, alí están cadros do escritor a espera de ser pendurados e manifestar memoria, libros en paquetes, a fiestra baldeira para ser aberta e ver as barcas e os mariñeiros en mar aberto. Ao lado a casa de Castelao, a espera de ser do pobo de Rianxo e de toda a nación galega. Demasiada espera por parte de quen xa debía abrir un proceso xudicial, como debe facer a Xunta, amparándose na declaración que realizou o Concello en tempos de Pedro Piñeiro, declarando esta casa de interese cultural etc. A xestión de Pedro Piñeiro, como alcalde de Rianxo, foi meritoria no intre de mercar as casas de Manuel Antonio, Rafael Dieste e intentalo moi seriamente coa de Castelao. A partir deste alcalde hai un Rianxo innovador, nótase o mobiliario dos espazos marítimos, dos sobresaíntes xardíns con evocadores monumentos a notábeis símbolos rianxeiros para permanecer na memoria. Monumentos aos mariñeiros mortos no mar; aos fusilados na guerra civil; reparación do que foi o campo de concentración de presos republicanos, cun monumento dedicado a eses presos. Despois desta visita fomos ao cemiterio, visitamos o panteón da familia Castelao. Onde repousan os seus pais, as súas dúas irmáns e seus primos fusilados na guerra civil. A continuación visitamos ese panteón con mármore branco co nome de Manuel Antonio en alto relevo. Ao lado o de Rafael Dieste e da súa dona, Carmen Muñoz Manzano. Ante tanto fulgor rianxeiro tremen os ósos e emociónase o corazón ante tanta rango e fertilidade de escritores e homes públicos que fertilizaron a liberdade de Galiza.

De aquí partimos para  a parroquia de Isorna, á procura doutro rianxeiro ilustre, o crego Faustino Rei Romero, visitamos a súa casa e o seu nicho, no cemiterio parroquial, fiquei satisfeito de ir á terra de Rey Romero, un excelente poeta, autor de “Escolanía de melros”, un extraordinario poemario, vido dun crego que despregaba liberdade, un enorme incomprendido por unha igrexa vetusta e ancorada na máscara tridentina. Faustino sublevouse e foi perseguido polo bispo de Tui, José López Ortiz. Emigrou a Arxentina onde finou. Xesús Santos, foi seu íntimo amigo e ilustroume con esa emoción cando se mostran os tótems e os pequenos espazos que conforman a memoria de Faustino Rey Romero, como é o pequeno monumento ao lado da chamada escola republicana de Isorna, desde onde contemplamos a ría de Arousa. Falando de poetas rianxeiros non esquecemos a Xosé María Brea Segade.

De Isorna a Rianxo, de novo, tocou un xantar-tertulia, chea de ánimo e plenitude. Ao final Pedro Piñeiro agasalloume con dous volumes facsímile de “El Barbero Municial”, a notábel publicación semanal rianxeira, que permaneceu dando noticia de Rianxo desde 1910 a 1914. Catro anos moi intensos implicados no cotián da cidadanía desta vila mariñeira. Un xornalismo crítico que axudou a ollar as particularidades deste pobo, que lexitimou e preservou a identidade tan personalizada do que é Rianxo. Pedro Piñeiro, no seu tempo de alcalde, foi o mentor de publicar estes dous volumes que me entregou, firmados por seis amigos. Aquí remata a crónica dunha xornada tan completa e xenerosa, nese andar e ver onde a descuberta e o sentimento de ver cousas non artificiais deixan pegada.   

            

Comentarios