martes 02/03/21

Homenaxe a Rosalía, no Porto, en 1954

Estamos coa ollada chea de plenitude nas vésperas do gran día, onde a luz do misterio e da autenticidade galega revelounos aquel 24 de febreiro de 1837. Data que nos naturaliza  na irmandade de Rosalía, no seu cento oitenta e catro anos da súa nacencia. Día inmenso para encontrarnos na festa nacional, coa  Rosalía nacional. Partillada en tantas esencias posíbeis e apousentos onde podemos encontrarnos coa súa palabra dimensional que abre diálogos e concreta debates nos que se dimensiona Galiza. Rosalía en tantas presencias e latitudes con seus ecos de liberdade.

Cando vou ao Porto, miña cidade de preferencia, onde os galegos redimímonos de tantos mimos á beira do río Douro, onde rematan as terras de Entre Minho e Douro, sentimos vitais presenzas da Galiza medieval, onde podemos establecer infinitas camiñadas por esta cidade e encontrarnos co pasado histórico comunal que compartimos. Cando vou ao No teño o meu itinerario establecido e organizado na axenda dos sentimentos. Comeza a miña andaina na Praça de Carlos Alberto, onde tomo o cafezinho da mañá e vou de vagar  iniciando a miña andaina pola longa rúa de Cedofeita, ollando loxas e tendas comerciais. Aí están as librarías de libros antigos, ás que os portugueses chaman “Alfa&Revistas”, onde un merca soias literarias a prezo de sal. E aos poucos, consigo chegar ao obxectivo programado: á Praça da Galiza, onde se alza o monumento a Rosalía. Un lugar privilexiado e final de ruta para dialogar coa nosa patricia, robusta e pletórica, que nega os tópicos morriñentos e as imposturas  dos que intentaron desvirtuar á nosa prenda. Mais o escultor modernista, Salvador Barata Feyo, preséntanos unha Rosalía desenfadada, ollando ao horizonte cunha perna sobre a outra, con túnica que cubre un só ombreiro e parte do pectoral e coa mao indicando unha dirección, quizais a de Galiza. Neste concepto vangardista e liberador, que nos ofrenda Barata Feyo, preséntanos unha estética relaxada e contundente que o autor percibiu o talento feminista da nosa poeta nacional.  Da a impresión que o escultor identificouse máis coa súa obra que co seu retrato. Así foi posíbel erguer un enorme monumento que nos acolle na sublimidade do pensamento rosaliano, que proclama a unha Galiza intemporal e inmorredoira.

Nunha desas librarías, “Alfa&Revistas”, da rúa Cedofeita, encontrei unha interesante revista coa seguinte cabeceira: “Publicações da Câmara Municipal do Porto. Homenagem a Rosalía de Castro. Agosto de 1954. Gabinete de História da Cidade. Porto 1955”. Esta publicación non ten desperdicio, pola información que nos aporta sobre o acto  esperpéntica organizado polas autoridades franquistas e salazaristas que inauguraron este monumento o martes 3 de agosto de 1954. Os días 3 e 4 deixouse exhibir un espectáculo oficial de rango totalitario no que participaron unhas dúas centas persoas. Os convidados tiñan un perfil de mando e rango na representación dos réximes de Franco e de Salazar. Aínda que o acto foi organizado pola Cámara Municipal do Porto, a participación das autoridades convidadas da Galiza, fluíron máis ás de Coruña e Pontevedra. Gobernadores civís e militares, presidentes das deputacións, alcaldes, autoridades xudiciais e outras clases de funcionarios públicos e persoal da Embaixada e consulados de España en Portugal. O alcalde Alfonso Molina da Coruña e o de Santiago, Enrique Otero Aenlle, con excesivo protagonista no acto, o Capitán General da 8.ª Región Militar, con sede na Coruña, Mohamed Ben Mezián Bel Kásen e unha longa lista de autoridades militares de ambos países, con parada militar do Rexemento de Infanteria n.º 6, segundo a información do xornal “O Primeiro de Janeiro”. A banda deste Rexemento sonorizou os himnos nacionais de ambos países, marchas e marchiñas militares, coas que recibían as autoridades.

A Praça da Galiza e o monumento de Rosalía estaban cubertos de bandeiras portuguesas e españolas, cos xefes do Estado Maior de Portugal e delegados militares da Galiza. Era obvio que a exhibición do poder, dos que ostentan  sable e casaca, nun estado de excesos militaristas de dous réximes totalitarios que se apropiaron dos actos, para  contradicir o espírito rosaliano e a autenticidade de recoñecela no contexto identitario galego. Nos rutineiros discursos, de excesiva exaltación a quen non o merecía, non podía faltar a mención ao cetro totalitario e unificador de Isabel a Católica. A Galiza da beleza verde, da alegría e da simplicidade das súas casas rústicas con súas capelas para recibir a orantes peregrinos. Alí invocaban a Rosalía dos tópicos choromiqueiros por boca do alcalde compostelán, o vello falanxista, Enrique Otero Aenlle, que utilizou repetido bucolismo, e moitos filtros para evitar a autenticidade que coroa a Rosalía. Houbo unha exposición de arte bibliográfica sobre a nosa poeta na Biblioteca Municipal do Porto. Os mantedores do acto literario foron dous persoeiros do réxime: Eugenio Montes, o antigo galeguista, converso e activista cultural do réxime franquista e a coruñesa Elena Quiroga, escritora en castelan, que amenizaron e remataron a faena españolista.

Na publicación citada, aparecen no acto dúas persoas de excepción, Dona Gala Murguía de Castro, filla de Rosalía, de oitenta e tres anos, e o bispo do Porto. Ollando a reportaxe fotográfica do acto, vemos a unha Dona Gala moi perdida e recluída en súa humilde solemnidade, con escasa visibilidade nos actos de homenaxe a súa mai. Naquel ríxido protocolo e decorado marcial, entre a cor e o abaneo das bandeiras, o fardamento das tropas e os luxosos smokings das autoridades civís daban unha imaxe para a historia das manipulación. Este foi o espectáculo que non correspondencia cos valores que se desprenden da obra de Rosalía. A outra persoa de excepción foi D. António Ferreira Gomes, bispo do Porto, un home moi culto que coñecía a obra de Rosalía, e por iso foi ao acto. El estaba en contacto directo coa Galiza da cultura reprimida, con relevantes amizades non adictas a ditadura. Na súa famosa “Carta a Salazar” en 1958, que tomou un carácter moi serio contra o ditador fascista portugués. Incluso falouse de excomungalo. Isto abriu unha fenda sen precedentes contra Salazar. Un ano mais tarde encomendáronlle ao bispo, un retiro temporal que se converteu nun exilio de dez anos, que iniciou en Vigo e Compostela e pouco máis apareceu en Roma. Regresa en 1969 en que toma de novo posesión da diocese do Porto. Hai escritos de Ferreira Gomes onde se menciona a Rosalía, non por temas líricos senón polo seu compromiso social.

No Porto está Rosalía, configurada nesa imaxe pétrea, recoñecida polos portuenses e cultivada polas persoas que viven a seu carón, sen negarlle a ollada nin as flores que depositan no seu monumento. Estas sensibilidades fornecen a verdadeira homenaxe cotián, que fica á marxe das homenaxes tramposas e cubertas de maquillaxe interesada e superficial que forman parte dun longo inventario de confusións, tan exclusivos como calculados, dos poderes fardados e blindados no pasado. Mais Rosalía continúa sustentada polos albores  do pobo que é quen mais ordena.         

comentarios