Opinión

Herberto Hélder, un creador enigmático

En vida amou tódolos silencios. Herberto era así, un ser comunicante, mesmo co silencio nunca se sentiu perturbado para crear enigmáticos misterios.

En vida amou tódolos silencios. Herberto era así, un ser comunicante, mesmo co silencio nunca se sentiu perturbado para crear enigmáticos misterios. O verso consensuado nas palabras consentidas, mastigadas para conferirlles destino na grandeza da súa poética, tantas veces evocada por elocuentes críticos que non vulneraron a autenticidade dunha obra completa e complexa, como é a de Herberto Hélder.

"Cando cheguei alí Herberto estaba tomando café e cunha bolsa de libros seus dedicados. Falamos moito de San Juan de la Cruz e de Gerald Brenan; dos trobadores galegos e portugueses e de Camões e dos quinhentistas".

Herberto foise para outro terreiro, polo singrar do destino que el escolleu e, tal vez, estea dialogando con João Zorro, o das barcas novas de Lisboa; con Pero Eanes Solaz, o das arelas namoradas da Galiza. Herberto foi un remador a contracorrente, coa palabra no mastro e na fenda das ondas,  no albor de tódalas Lelia Doura posíbeis. Así foi tecendo a harmonía dun tempero poético luminoso que consolidou a poesía portuguesa do século XX, como unha das mais solicitadas de Europa.

Foise o amigo, mais sei en que parapeto podo encontralo. Nunca no das contradiccións e dos esaxeros. Herberto foi un home de impacto que transmitiu tenrura. Tamén sabía ser áspero e contundente contra aqueles que se entremetían no seu silencio. 

Coñecín a Herberto Hélder naquel caloroso agosto de 1982 en Lisboa. Servidor andaba a voltas coa antoloxía da poesía portuguesa do século XX, de Eugénio de Andrade a Nuno Júdice. En dous días estiven con todos os poetas residentes en Lisboa que figuran nesa antoloxía. De Herberto non tiña noticias, lembro que foi Eugénio de Andrade o que interveu e o contacto foi posíbel na Assírio & Alvim, pola mañá. Pola tarde convocoume no barrio alto da Trindade, nunha tasca moi antiga, creada no século XIX por un aguadeiro galego. O aspecto da mesma ofrecía certa decadencia. Cando cheguei alí Herberto estaba tomando café e cunha bolsa de libros seus dedicados. Falamos moito de San Juan de la Cruz e de Gerald Brenan; dos trobadores galegos e portugueses e de Camões e dos quinhentistas. Era moi crítico con Fernando Pessoa mais non detestaba del. Foi moi expresivo en varios termos con certos poetas portugueses e españois. Lembro que eu lle espetei: “Penso que ti es unha persoa porreira, contundente e de dar pancadas moi directas, gusto de esta clase de individuos”. Pensou e respondeu: “Es un tipo nada comedido e moi directo, penso que nos vamos a entender e cambiar impresións sobre temas literarios”.

"Aquí comezou unha longa amizade que se proxectou a través de mais dun centenar de cartas manuscritas. Todo un epistolario no que podemos encontrar un enorme ventallo temático sobre opinións literarias, artísticas e políticas".

Aquí comezou unha longa amizade que se proxectou a través de mais dun centenar de cartas manuscritas. Todo un epistolario no que podemos encontrar un enorme ventallo temático sobre opinións literarias, artísticas e políticas. Harmonizando críticas a certos autores e defendendo a outros. 

Cando me enviou “Edoi Lelia Doura (Antologia das voces comunicantes da poesia moderna portuguesa”, da súa autoría, notei varias ausencias como a de Eugénio de Andrade. Contesteille que era unha antoloxía que recuperaba nomes silenciados pero, tamén, un bo monumento á súa parcialidade e enormemente provocativa. Contestoume que eu estaba no certo e que así foi feita para desafiar a certos grandes vultos e aos críticos que estaban a dicir ese tal e moi bo, esoutro moi malo.

Non sei se a Herberto Hélder o podemos concretar, despois deste tránsito mortal, na outra marxe dos que con frecuencia se esquecen dos inmortais, desde esta marxe. A súa vitalidade persoal e a súa obra, con todo o seu fascíneo enigmático, o teremos como referencia dese tecido en “Poesia Tuda”, abrindo canles e harmonizando ideas que transitan polos grandes roteiros da poesía contemporánea portuguesa. Meu amigo Herberto, algún día nos encontraremos na marxe dos silencios e continuaremos falando de Gomes Leal, de António Gancho e de Vitorino Nemesio, sen matices.

Xosé Lois García foi amigo de Hélder desde hai máis de trinta anos e é autor da única entrevista que se lle fixo ao poeta. 

Comentarios