Opinión

Grande Garrincha! Sempre Garrincha!

Máis que curiosidade sinto certa espiritualidade pola “Canarinha”, cando participa na copa do mundo e ver a vibración de todo Brasil compartindo exaltada cidadanía que o pasa moi mal cando tardan os goles e, mesmo, cando os erros crean silencios que teñen que mastigar.  Deixa de ser un tópico o dito de que o Brasil é un país de portentosa fe en Deus e na Seleção Nacional de Futebol do Brasil, cando no céspede dos estadios resplandece a cor dos once “canarinhos” convertidos en deuses, asumidos e venerados por un público con fervor en grito: “A taça do mundo é nossa / Com brasileiro não ha quem possa / Êh eta esquadrão de ouro / E bom no samba, e bom no couro”. (...) “O brasileiro lá no estrangeiro / Mostrou o fútebol como é que é / Ganhou a taça do mundo / Sambando com a bola no pé / Goool! Estes versos musicados débense a un coletivo de catro persoas: Wagner Maugeri, Lauro Müller, Maugeri Sobrinho e Victor Dagô. Ficando como himno da “Canarinha”, cantado e ovacionado en todos os seus cinco trofeos mundiais que gañaron, polos seguidores brasileiros desde a primeiro copa do mundo que conquistou o Brasil en 1958 en Suecia, converténdose nun cántico universal.  

A calidade que mantén en acción a escuadra dos xogadores brasileiros propicia moito respecto aos que con eles xogan a primeira fase do mundial de Qatar: Suíza, Serbia e Camerún. Os medios de comunicación destes tres países, están accionando alertas, emendas e encomendas ás súas seleccións fronte o Brasil, sinalando a xogadores perigosos e invencíbeis brasileiros, artífices de artesanais xogadas que producen goles históricos, para a memoria do fútbol. O fútbol do Brasil fica na epopea xeradora de arte nese ático e transcendental monumento de grandes glorias, da que emerxeron grandes figuras que conquistaron a primeira copa do mundo para o Brasil e a conquista de catro máis. Naquel escuadrón de choque dirixido polo adestrador Vicente Feola, resaltaban Vavá, Didí, Pelé, Nilton Santos, Moacir e Garrincha foron os exultantes artífices das gratas vitorias futbolísticas brasileiras.

Mané Garrincha (Rio de Janeiro, 1933-1983). Dianteiro do Botafogo de Río, foi paixón dos favelados e fraterno irmao dos marxinados, como indica a súa lápida funeraria no cemiterio de Pau Grande: “Aquí xaz em paz o que foi a Alegria do povo- Mané Garrincha”.  O seu velorio realizouse no estadio Maracaná, e seu ataúde foi cuberto coa bandeira do Botafogo, nun enterro ao que concorreron miles de persoas e as favelas de Rio de Janeiro vestíronse de loito. Garrincha e Pelé foron os mais ovacionados e admirados daquela xeración que gañou o primeiro mundial. Na miña adolescencia ficaba admirado polo xogo de Garrincha, en blanco e negro televisivo, impresionábame aquel mulato de pernas tortas facer brincadeira e danzando o samba, como di o verso do himno da selección “Canarinha”: “Sambando com bola no pé”. Garrincha divertía e emocionaban os seus pases de brincadeira, tan creadores como desconcertantes na mentalidade daqueles doutos entendidos do fútbol clásico.

Garrincha foi un grande indisciplinado, perfilou renacida destreza en seus movementos ben diferentes a dos que comandaba e suxería o adestrador Feola. A dispersión e a autonomía que el impuxo a si mesmo foi o enorme legado que deixou ao fútbol brasileiro. O Garrincha das plenitudes vangardistas converterse en referencia e “Alegría do povo”. Mais foi unha persoa de excesos, tanto en súa misión futbolística, como nas grandes orxías de amores e desamores, tivo cinco mulleres coas que tivo máis de quince fillos que moitos deles faleceron traxicamente. Foi o gran derrotado polo alcohol e pola súa vida libertina que o levou á pobreza e a derrota final. Grande e peculiar Garrincha que eu admiro como creador, heroe audaz e permisivo. Mentres o fútbol exista, Garrincha será referencia perpetua no sentimento popular dos brasileiros. No espírito da “Canarinha” están presentes os valores que propiciou este excelente xogador carioca. Mané Garrincha non deixa de ser un deus ao que se lle suplica para que a selección do Brasil triunfe. Eu tamén uno o meu rogo ao dos favelados e clases populares para que o Brasil gane o mundial en Qatar.  

Comentarios