xoves 21/10/21

Preludios de Outonada

Latexa o trebón sobre os tellados e nos sedentos campos. A música das pingas non deixan de bater sobre a terra reseca de verao. Algo distinto e máxico acontece cando a choiva desprega seus arrebatos e dobrega os froitos maduros para unha nova recolleita. Nos preludios de outono  a auga demanda semente e, tamén, arrebato de colleita. A forza do verao fai a súa última oferta neses froitos redondos e maduros, de celme resplandecido nos viñedos, soutos e pomares. Teima a choiva en seus cantares no inzar do grao sementado. A choiva expande súplicas para que a mao labrega recolla xenerosos froitos. A mao demorada e ausente que fica no infinito da desfeita labrega, que cada vez máis resulta difícil recuperar a plenitude agrícola que tivo o noso medio rural: núcleo comunal de floreceres da nosa cultura e a nosa lingua, que agora tratan de liquidalas en son fúnebre de arrouto colonial. Nesta situación, a choiva continúa aledando as súpetas esperas dunha outonada de ofrendas. Mais as nosas retinas de labregancia falan cando amamos a simplicidade da choiva xerminal, esa que nos deixa sons e corcheas para tecer unha innovadora sinfonía liberadora coa achegas de labra comunal. Acordes líricos pulsando o milagre redencional de sementeiras e colleitas. A choiva proclama o outono para que a terra dura e ermo terrón acorden e non deixen de tecer ritmos e metáforas de boas vindas. A outonada chuviosa ben merece unha bandeira branca izada, sedosa e multiplicada en proclamas.

As ventadas chuviosas abalan as pólas despoxándoas de seus froitos e anunciando os temperos da castañeira, como ofrenda milenaria que deu mantenza a múltiples xeracións de galegas e galegos. Xa comezan os ourizos a despendurar castañas, para manter vivo o ritual dun magostar lúdico e bucólico, de tantas copiosas mesturas profanas e misteriosas, que levan tantas afervoadas credenciais de herdo identitario, neses soutos reverenciados e protexidos pola vella estirpe aldeán. Os magostos abren os temperos dos tempos idos, nese amplo ventallo simbólico de numerosas referencias culinarias que nos aporta a castaña. Os magostos nas fogueiras luminosas dos días grises e cincentos de tantos outonos e novembros, que confortan esa simbiose centrada na perpetuación entre pasado e presente, en todos os ambientes labregos -cada vez máis rotos e desaparecidos-.

Mais o trasfego das apañas de castañas e de uvas, neste tempo de temperos, conforman o esencial dunha homenaxe reverencial aos produtos tan importantes que lle dan sublimidade á nosa Ribeira Sacra e a outras xeografías da Galiza, que sustentan soutos e ribeiras, onde o magosto e o viño novo teñen convivencia de inseparábel liturxia. Nesta grata elocuencia, de convivir con castañas e viño, os actuantes do magosto concéntranse en roda fortificando as vibradoiras lapas do magosto. Mais que un acto habitual é unha proclama en desdobrar memoria; unha dose de vontade orixinal de volver a recrearnos na intimidade de nosos antepasados, mentores de tantas cousas ordenadas para sementar e colleitar outonadas. As choivas de outono eran loadas nos agros, mesmo na semente dos cereais, concretamente do pan centeo, esa outra dádiva maior da dieta labrega, conformando coa castaña e co viño un sentimento de proeza e de gratitude aos soutos, aos viñedos e ás searas, tan privilexiados polo augusto outono, o das choivas que proclaman himno sapiencial en follas caídas.               

comentarios