Opinión

Felipe V (O primeiro) e Felipe VI (Será o último?)

Os Borbóns en seus silencios máis cativos ofrecen unha imaxe decadente e ben distinta aos vellos tempos de gloria que tiveron seus predecesores, polo que pasou a súa infalíbel dinastía, que puxo selo, brasón e sable nos seus drásticos ditames. Non podemos ignorar a ousadía e o sangue inocente que eles produciron a demasiada plebe inocente. O primeiro borbón, Felipe V, pisou a península en plan de conquista, confiado en que a Guerra de Sucesión a ganaría se era drástico e conciso a imitación dos sátrapas feroces e sanguinarios. Sen temor a ningún deus nin a ningunha súplica. Actuou como se fose unha encarnación do tirano Nabucodonosor. A invasión de Cataluña -en súa final correría guerreira- e a liquidación das institucións catalás, coa imposición dun Estado único que obedecía a seu único ditado inmobilista, que tantas veces tiña oído ao seu avó, polos pasadizos de Versalles, o concepto ben definido do Estado totalitario: “L’État, c’est moi”.

O clan borbónico creado por Felipe V, non deixa de atraernos e desesperarnos polas bobadas e imbecilidades do seu neto e bisneto: Carlos IV e a Fernando VII, respectivamente. Nos goces e favores de sexo mais estrafalario, como os da raíña consorte María Antonieta con Godoy, consentidos por Carlos IV. Historias noxentas  e orxías dun poder desmedido e absoluto entregado á hipocrisía consentida por aquela igrexa que defendía ao trono por lucro e a esa caste bendecía. A vergoñenta situación temeraria de Fernando VII e de seus cómplices, propiciaron o famoso Motín de Aranjuez en 1808, depoñendo a seu pai Carlos IV e a Godoy. Propiciando a intervención invasora de Napoleón en España, este viu que estes dous suxeitos, pai e fillo, eran de nula utilidade política ante a cidadanía que vivía atónita o espectáculo de Aranjuez. Napoleón obrigounos a renunciar á coroa de España e decidiu arrestalos e recluílos no castelo de Marracq na Baiona francesa, no que pasaban o seu tempo facendo calceta e rezando rosarios e novenarios.

Sabemos moito das andadas temerarias de Fernando VII, e das maiores felonías con que podemos cualificar a este inútil Borbón. Arturo Pérez Reverte o describe como “Un absoluto hijo de puta”. E engade: “Fernando VII era cobarde, vil, cínico, hipócrita, rijoso, bajuno, abyecto, desleal, embustero, rencoroso y vengativo”. Tamén sabemos bastante do desorde moral e político da súa filla, a raíña Isabel II, que nutriu tantas viñetas xornalísticas e dicires nas páxinas dos folletíns pornográficos da época.

O neto de Isabel, Alfonso XIII, foi un señorito conservador, dado ao bo vivir e amparador dos gobernos reaccionarios de Maura e Romanones. Un rei que presumía das galanterías e bravuras militares e, especialmente do xeneral Miguel Primo de Rivera, consentiulle o golpe de Estado de 1923. Tal era a súa admiración polo xeneral golpista que nunha visita a Italia, o Borbón presentou a Primo de Rivera ao rei Vítor Manuel III, como o Mussolini español. Velaquí a catadura patriótica de Alfonso XIII.

O último elo da cadea monárquica da dinástica borbónica destes últimos corenta e cinco anos, precedida por unha república e unha ditadura. Franco educou dunha maneira marxinal e despótica ao neto de Alfonso XIII, Juan Carlos I, ao que unxiu  como rei de España, con todo o rango coral dos monifates do réxime, e con toda a ilexitimidade que podemos atopar na entronización dun xefe de Estado en calidade de rei. Controlado e moldeado polos aparellos da ditadura fascista. Impresiona e repugna ver exaltar á xefatura do Estado unha figura opaca que non foi elixido por vontade popular. De tódolos cargos políticos representativos por elección na actual política española, só o rei foi imposto polo ditame dun ditador sanguinario. Así como o seu fillo Felipe VI, herdeiro da continuidade na espiral de casta que, nos últimos tempos, teñen dado espectáculos de sobresalto. Nun país verdadeiramente democrático e constitucional o xefe de Estado ten que ser elixido popularmente. Este é un tema de inmensa importancia que temos que revisar seriamente e poñelo na axenda das prioridades da cidadanía. Un pobo libre non pode conceder nin permitir privilexios a unha casta asentada nas tradicións dun nefasto tabú  absolutismo que exhibe constantemente as súas credenciais tiránicas.

Lendo un artigo do que fora presidente da I Repúblia, Francesc Pi i Margall, publicado o 15 de decembro de 1894, titulado: “La Monarquía”, dicía o seguinte: “Réxime das castas vencellando o poder nunha familia. Nega a soberanía do pobo e erixe en soberanos aos reis. Fiar aos azares do nacemento a sorte das nacións e expoñelas a que hoxe as dirixa un home de talento e mañá un imbécil; hoxe un home de xenerosos sentimentos e mañá un home de depravados instintos e de extraviadas paixóns. Subversión das leis da natureza e que o fillo, só por ser rei mande nos seus proxenitores. Subversión desas leis e aínda que el que por código algún do mundo pode administrar seus propios bens, ordene e administre dilatados pobos”. Pi i Margall remata así o artigo: “Endexamais poderíamos nós transixir a monarquía. Vedaríannolo, non só os nosos principios democráticos, senón tamén a razón, o sentimento da nosa propia dignidade, e aínda o da dignidade allea. Somos republicanos, non só por convicción, senón tamén por temperamento e por carácter”.

No longo ciclo da dinastía borbónica en España, sendo o primeiro en instalala Felipe V, e duradeira até Felipe VI, esperamos que este sexa o último rei desa casta, e que a verdadeira democracia popular erixa un xefe de Estado ou de estados e repúblicas na actual España, como os cidadáns desta longa e fráxil pel de touro elíxao libremente. Desfacerse de evidentes imposturas anticuadas de realísima camada é un deber democrático de rachar con este tipo de aberracións intolerantes. Deste rei, bastou para sorprendernos dunha maneira surrealista, aquel discurso sobre o problema de Cataluña, utilizando esa imprudencia en seus matices de patriotismo eufórico. A  opinión pública catalá comprendeu a hostilidade con que Felipe VI poñía énfase na dureza de súas palabras e de seus xestos . Un mandatario ten que ser reconciliador e rebaixar o nivel de tensión nun caso tan problemático e preocupante como o que sucedeu o 1º de Outubrfo de 2017 en Cataluña. A prensa internacional, como o The New York Times, entre tantos outros xornais manifestaron que Felipe VI perdeu unha gran oportunidade de exercer de xefe de Estado. Por tanto, é obvio que certos representantes de Cataluña, Euskadi e Galiza, no Parlamento español, ausentáranse do discurso de Felipe VI, na nova lexislatura, mesmo pola postura que a monarquía española está en disidencia co nacionalismo das mencionadas nacións.  

Comentarios