Opinión

Faustino Rey Romero, no seu centenario (1921-2021)

Faustino Rey Romero foi ese crego-poeta de tránsitos e transicións, tanto na orde eclesiástica como na composición lírica, que as dúas particularidades van unidas na obra deste poeta. Forma parte da esgrevia intelectualidade de Rianxo, tan pormenorizada en tantas calidades e diversidades esgrimidas en destaque universal, consabido por todos. Xunto a Manuel António, de Asados; Xosé María Brea Segade, de Taragoña e o propio Faustino Rey Romero, de Isorna. Tres parroquias do rural mariñeiro onde naceron e conviviron estes tres poetas rianxeiros, cultivando elocuente poesía, da que se pode gabar a cidadanía de Rianxo das excelentes voces que aínda resoan e imploran seus ecos polas vertentes do silencio.

Manuel María faloume moito de Faustino, do que eu non coñecía a súa obra alén do nome. Nesta desvantaxe de coñecemento non de interese, o Manuel agasalloume cunha edición recompilatoria das súas entregas poéticas, baixo o título: “Faustino Rey Romero”. Edición preparada por: Carmén García e Xesús Santos, subvencionada polo Concello de Rianxo. Cun prólogo biográfico ben nutrido de información vivencial e dos percursos literarios do poeta de Isorna, realizado polas dúas persoas citadas que prepararon a edición. A primeira entrega de Faustino foi o seu “Florilegio Poético” en castelán, non podía ser doutra maneira para un alumno de seminario ou na Faculdade de Teoloxía de Salamanca onde se impoñían o castelán. Desde a oficialidade dos seminarios que acolleron con disciplina o fervor patriótico do nacional-catolicismo da época de posguerra. Mais logo acóllese ao idioma naturalizado das xentes de Isorna e del propio que pronto restitúe nun libro, titulado: “Doas de vidro” que publica en Tui en 1951. No ano seguinte publica varios sonetos. A obra clave da poesía de Rey Romero que publica en 1959, titúlase: “Escolanía de melros”, de interesantes e conclusos sonetos onde prima o bo facer da arte clásica deste xénero, da que o poeta rianxeiro obtivo ilustrada mestría no seminario e nas fontes latinas, onde os seus sonetos concorren. “Escolanía de melros” emite ese poderío perfeccionista vindo do labor dun excelente artesán do verso, remitíndonos a unha contundente poesía relixiosa, con intermitencias metafísicas, ben tramadas e reguladas. onde a máis dos trinos melódicos dos merlos, adiviñase o cántico xeral da natureza; a idea resoluta dun franciscanismo poético, no que el posiciónase no camiño iniciático e poético do Poverello de Asís, renunciando ás riquezas e debruzándose na natureza que alenta e anuncia unha ecoloxía espiritual, que tanto potenciou San Benardo de Claraval. Velaquí a síntese que particulariza Faustino nas afluentes iniciáticas que aluden aos dous persoeiros mencionados: “De regalo  dás tu, como a raiola / o pai sol nos dá a todos, dadiveiro, / porque non é somentes o diñeiro / o que a existencia ós homes nos consola”.

Dentro do contexto poético relixioso que demarca a poesía de Rey Romero, sobresae a poesía teolóxica que se encadra no poemario: “Poema das materias sacras”, na que deixa claro o seu dominio como biblista. Este poeta foi unha persoa contestataria e mesmo aperturista, dentro dos indicadores do Vaticano II. A súa misión pastoral a desenrola na diocese de Tui, onde choca frontalmente co bispo integrista, José López Ortiz, e dicide marchar a Buenos Aires, onde desprega diversos quefaceres coa emigración galega no ámbito cultural como relixiosa, rexendo a parroquia de Balvanera. Finou nesta cidade en 1971.

Faustino Rey Romero foi un poeta bilingüe, con preferencia e produción maioritaria en galego. Coido que na Galiza é descoñecido e a súa obra ten suficientes calidades e méritos para non ficar acantoada. Non estamos falando dun poeta que forme parte da elite dos chamados grandes poetas galegos. Mais é un poeta necesario para comprender seus estímulos líricos, desde o lado espiritual e humanista, desde onde alenta un reclamo potencial en desvelarnos os misterios da nosa Terra, que el percibiu as paisaxes de beiramar que nos ofrece a súa nativa parroquia de Isorna e, moitas veces, imponse o necesario por enriba da fama. Neste arrechouchío de merlos que resplandece no seu poemario maior, onde hai moitos respiros panteístas e silencios para espreitar o divino e o terreo na súa poesía. Isto o comprendín cando os meus amigos de Rianxo, o ex alcalde Pedro Piñeiro, Xesús Santos e Tubío leváronme a Isorna a repetir as pisadas e as instancias por onde calcou terra Faústino Rei Romero. Mesmo no cemiterio onde os seus lle procuraron descanso en eido propio, a sensación do encontro co poeta nese cuadrilátero fúnebre, cando a memoria saudosa que garda o seu amigo, Xesús Santos,  abriu as miñas fiestras para osixenar o memorando adormecido deste enorme poeta que tantas fica esmorecido no desdén da desmemoria. Mais o ímpeto poético de Faustino Rey Romero obríganos, no seu centenario, recompor o vital da palabra nosa, para  reencontrarnos neste poeta e escritor rianxeiro.    

Comentarios