Opinión

Fascinante showman

Incualificábel fascíneo o de certos políticos que constantemente lesionan a democracia, dunha maneira tan artificial e mesiánica, atraendo a consabidas capas sociais marxinadas e desalentadas, como acontece nos Estados Unidos, millóns de cidadáns estratificados e convertidos en turba ben planificada por persoeiros que pontifican ser os salvadores da patria imperial xunto adorables redentores descamisados. Donald Trump é o home certo e misterioso que multiplica os pans e os peixes e os reparte aos solemnizados famentos, aumentando o rabaño con falsos milagres e,  como o bo pastor, introdúceos  nos seus cercados dominios da multinacional fascista, aumentando as súas pintorescas hordas capaces de cometer impensábeis desafíos e desasosegos. 

Durante estes catro anos de Trump como presidente dos USA, as súas apalabrarías, intimidacións, aleivosías e outros comportamentos agresivos foron engrosando o enorme inventario de estupideces que compartiu con seus recíprocos botarates. A gravidade deste sinistro persoeiro foi a de introducir na súa liturxia envelenada aos que o seguen, mantendo un sentimento de admiración polo que ofrecía nas súas tempestuosas  agresividades verbais. Isto engrandeceu ao persoeiro programado por Steve Bannon, o verdadeiro mentor de Trump, ideólogo e innovador das teses fascistas que percorren o mundo. Bannon non é un persoeiro vulgar -como o é Trump-, el estudou en Harvard e ocupou relevantes cargos de dirección bancaria e de executivo de multinacionais. Estratega dos operativos da administración presidencial durante sete meses con Trump, pasando a exercer, desde a sombra, a difusión do dietario integrista. Reclutando a persoeiros facistoides militares como Bolsonaro. Acordando da somnolencia as estremas dereitas adormecidas ou integradas noutros partidos de dereita, tan aliadas as propostas nada extravagantes que Trump utilizou, baixo o paraugas de Bannon.

Observando aos ávidos escaladores polas vertixinosas paredes do Capitolio, podemos deducir que eses adestrados asaltantes dominan ben as alzadas e os equilibrios que tantos deles teñen ensaiado nos cuarteis militares e departamentos do FBI. Non disimularon a súa aprendizaxe na estratexia de guerrilla ou como veteranos de guerra. Mais o acto non deixa de ser interesante para investigar todo o que concirne á capacidade sinistra de centos de persoas cun perfil de lumpen obedecendo a consigna do “imperatore” e adaíl chamando á insurrección. Pode que non nos sorprenda este affaire tratándose dos Estados Unidos, porque durante a presidencia de Trump foise incubando e practicando intermitentes      asaltos á festiva democracia que eles adulan indiscretamente e capaz de exercer seu poder devastador e impoñendo ditaduras bananeiras en latinoamérica e noutros países do mundo que agora reprodúcese desde o mesmo poder  que ostenta o presidente como instigador da revolta bananeira. 

O arquetipo de anti dandy que os asaltantes exhibiron,  con xestos violentos e desaliñada indumentaria, manifestan a autenticidade da América das desigualdades, facendo servicio á impunidade dun presidente fascista, consentido e apoiado por  demenciais persoeiros. Esa é a outra América, subproduto das cruzadas anticomunistas propagadas nas películas de Hollywood e pola estridente discursiva do senador MacCarthy, hipotecando a tan xenuína e individualista democracia americana, creando medos e sospeitas sobre o diabólico fantasmal do comunista, que remataron crendo que estes comían os nenos con alcachofas. O infantilismo americano en acción dos que non teñen nada que perder, esclarece o fenómeno de salvagardar o imperio de furibundos adversarios.

A imaxe do asalto ao Capitolio de Washington, esclarece a presenza dos supremacistas cos seus milicianos proliferando odio e intimidación; rendendo culto e defensa a esa efixie parasitaria que é Trump. Escaseaban os negros e, talvez, os hispanos: os outros, os diferentes, que tamén son América, e maioría con respecto aos brancos. Estes radicais  asumen ser os  donos e salvagardas desta América cada vez máis despezada e esfarelada. O imperio está deixando de señorear o mundo como potencia bélica e económica. O seu declive é espellismo de decadencia pola que pasou o Imperio Romano no século IV. A historia repítese de diferente maneira, con semellantes frustracións e contradicións que aceleran o proceso de destrución do imperio americano como aconteceu co de Roma. En tal situación os chamados Estados Unidos de América están abocados a romperse, e cada Estado proclamará a súa independencia. Os Estados Federais comezan a ser unha  quimera. Simplemente, o fin dos imperios teñen en común a mesma traxedia, todo un inventario de destrucións. En definitiva: non hai “Alfa” sen “Omega”.                     

Comentarios