Opinión

Exhuberancia pictórica en Nogueira de Miño

Coido que o 17 de novembro e 2013, foron presentados oficialmente na igrexa de Nogueira de Miño (Chantada) os frescos renacentistas restaurados, onde volveu a resplandecer esa policromía que enxalza ese dualismo turbulento do século XVI, nas figuras florecidas e altivas da anunciación; na resurrección de Cristo, onde o pintor erixiu unha exuberante e confiada Magdalena, ben vestida e ordena de esplendoroso negro de lutuosa; aí está o temeroso e rotundo castigo que non admite coartadas, exhibindo a eses  persoeiros posíbeis que visibilizamos no Xuízo Final. Esa gran mentira do medo e da vaidade dos poderosos, con lucidas túnicas en seus áticos apousentos, gozando de supostas glorias. Mentres os condenados desta terra preséntanse nús e esqueléticos guiados ao suplicio apocalíptico por horríbeis diaños. Unha imaxe que sustenta a loita de clases: o dualismo en seu alto ego da usurpación.

O noso país está ben recheo de desfeitas, de ocultismos que son dignos de rescatar para descodificar todos eses símbolos. Capaces de normalizarnos na memoria que o silencio agocha. Mentres haxa vontade e capacidade de restauro estaremos rehabilitando historias conmovedoras. Os frescos de Santa María de Nogueira de Miño transmiten ese don de vernos posicionados neses respiros que transmite ese dualismo tétrico que conmove a espíritos simples e apreixados polas clases dominantes.

O fresco que luce na parede sur do presbiterio, ilústranos sobre a oración do horto de Getsemaní, e o arresto de Xesús. Un tema que ten pouco a ver coa estética e temática renacentista que ocupan varios espazos na nave de Nogueira de Miño. Nos meus anos de alumno na facultade de Xeografía e Historia, tendo como profesora á catedrática de arte, Nùria Dalmases, entregueille unha foto deste fresco, situándoo dentro do gótico-flamenco tardío. Esta enorme pintura do prendemento do Nazareno, transmítenos ese don de ollar seus resplandores e vernos representados neses dous rostros insólitos e tétricos, o de Xudas bicando a Xesús. Que ben pode encarnar a traizoeiros caciques e malversadores dos bens comúns. Por outra banda, vemos a Xesús, humilde e inofensivo, como espellismo das viñateiras e viñateiros de Nogueira, de rostros curtidos e maltratados, derrotados polo traballo mal pagado. Velaí a proclama deses trazos cromáticos que revelan a loita de clases.

Nunha visita que realicei ao Museu Gulbenkian de Lisboa, observei unha escena tétrica nuns miniados do prendemento de Xesús que me lembraban o fresco de Nogueira, sobre a mesma temática. O deste miniado podía ser o esquema ou o punto de partida  difusionista que puido chegar a Nogueira e a outros lugares ven dispersos. Estes miniados están nun libro de horas, no “The Hours of Margaret of Cleves” (As horas de Margarida de Cleves). Un libro holandés do século XIV). O organigrama figurativo deste fresco de Nogueira está abastecido de procuras desa escola miniaturista flamenca, que vai alén da coincidencia. Xesús e Xudas están no centro, San Pedro envaiñando a prateada e relucente espada, coa que cortou a orella de Malco. Moitos historiadores quixeron ver neste xesto de Pedro, ao iniciador do cristianismo violento. As rebuscas nos libros de horas sobre a vida de Xesús non teñen desperdicio.              

Comentarios