Opinión

Eugenio de Andrade e a Galiza, no seu centenario

A universalidade do poeta portugués, Eugénio de Andrade (1923-2005), será retomada e divulgada nos países lusófonos, conmemorando a un dos grandes da poesía lusófona do derradeiro século. Foi un creador de impacto e dunha rotunda admiración nos países de lingua portuguesa, entre outros achegos e adhesións dos idiomas máis falados do mundo, sendo receptores da súa poesía aos que está traducida.

A conmemoración do seu centenario que comeza o día do seu natalicio, 19 de xaneiro, promete retomar a este escritor de Póvoa de Atalaia, Beira Baixa, onde naceu. Morou en Coimbra e Porto, nesta última xace sepultado. Porto é a cidade que vertebra o enorme legado literario que Eugénio espallou por todo lado, creando un sentimento neses recantiños urbanos desprovistos de atracción. Agora están dotados de relevancia e recuperados na súa poesía.

Aínda que a poesía de Eugénio de Andrade integrou espazos, mesmo, non é un poeta estritamente de espazos. Con relación a Galiza, sempre tivo en conta a realidade e estabilidade con Portugal, como unidade cultural e nacional, pese aos novecentos anos de fraccionamento. El cuantificou poderosos atributos que aínda nos manteñen unidos nese respiro comunal que se protexe no sentimento que desprega a poesía de Eugénio. Hai un poema dedicado a  Rosalía escrito en 1985, no seu centenario, referíndose a Galiza deixa este aviso identitario: “Terra / que prolonga a minha, / onde a pobreza traballa / cada leira, cada palavra. // e a melancolia, / roi e remói / os ossos, a pedra. // Terra de Rosalía”.

No seu libro de ensaios: “Os afluentes do silêncio”, no ensaio titulado: “Rosalía”, comezado a escribir na década de 1940, déixanos esta primicia tan interesante, aflorando ese sentimento que tiña por Galiza e por Rosalía, dicindo: “Muitos são os caminhos que levam à poesia -Rosalía chegou lá pela mão de quem mal sabia ler e escrever; mão de camponês, mas certa, sen dúvida; porque em matéria de amor e pobreza, de solidão e morte, não são precisas muitas letras para se lhes conhecer o peso inteiro e o sabor”.

Estas emerxencias, da vida e da obra de Rosalía, converxen na sensibilidade de Eugénio de Andrade, tan emancipado na nosa poesía que para el era a ponte necesaria para chegar ao celme da lingua e do cántico luminoso dos trobadores galegos e portugueses, que foron capaces de erixir o grande monumento que é o noso Cancioneiro medieval: cordón umbilical para manternos nas esencias maternais do común máis lonxincuo da vella Suevia. A escola trobadoresca galaico-portuguesa foi vital para as fontes andradianas da súa singular poesía. O Eugénio tiña por costume ler cantigas trobadorescas case cada día, como se estivese sometido á ritualidade de ler nun libro de horas. Cónstame que o noso poeta cando se ausentaba do Porto, levaba con el a “Escolma da Poesía Medieval” de Xosé María Álvarez Blázquez, por ser unha escolma resumida e nun formato de bolso, moi cómoda para as súas viaxes.

Lembro aquel roteiro do caloroso agosto de 1981 que fixemos por Galiza, con parada en Pontevedra e visita obrigada ao convento de San Francisco. Alí vin ao Eugénio moi concentrado en súa liturxia de silencios, diante do túmulo do trobador Paio Gómez Chariño. Despediuse balbucindo: “As frores do meu amigo / briosas van no navío”. Xa en ruta cara Compostela, pasado a ponte de Rande, albiscamos desde unha gasolineira a illa de San Simón, reclinouse sobre unha varanda e seu pensamento estaba con Mendiño, mencionou con voz apegada á maresía: “Sediame eu na ermida de San Simón / e cercáronmi as ondas que grandes son”.

O mesmo fixo cos versos de Rosalía ente  a “parra de albariñas uvas” no xardín da súa Casa Museo en Padrón. No interior chamoulle a atención á encargada deste espazo, por tolerar que os visitantes falasen en alta voz e palpasen as prendas rosalianas, nun lugar tan especial que el consideraba que non respectaban o que representa a presenza de Rosalía. Neste rigorismo eremita chegamos a Bonabal, na Compostela de súas benquerenza poéticas.

Para os poetas galegos da xeración dos oitenta, os que ollaban cara a poesía portuguesa, procurando vertentes de liberdade e un renovado escenario estético e que en Portugal atoparon esencia moi puntuais. Algúns poetas que pregoaban na Galiza: “matar o pai”, visitaban o “niño do corvo”, como Eugénio chamaba á súa morada na rúa Duque da Palmela 111, no Porto. Moitos deles asumiron certos matices e acentos da poesía andradiana.

Eugénio o sabía e o dicía orgullosamente, non deixaba de ser unha benquerenza para activar o seu ego. Naqueles tempos de andaina democrática e liberdade na Galiza, despois do 25 de Abril, moitos poetas procuraron en Portugal varios reflexos desa luz que iluminaba a poesía lusa, considerada unha das mellores de Europa. Lendo a diversos poetas galegos daquela época, é innegábel a presenza de acentos e recendos de poetas portugueses como Eugénio de Andrade, Herberto Helder, Ramos Rosa, Miguel Torga, Sophia de Mello Breyner Andresen, Luiza Neto Jorge e a listaxe continúa. Non estou a falar de plaxiarios, soamente de receptores de tendencias poéticas. Nesas tendencias, Eugénio de Andrade ficou codificado na Galiza.             

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.