Opinión

A espantada gringa e de seus aliados: de Saigón a Kabul

A dinámica imperialista deseñada polo presidente ianqui, James Monroe, establecía o seu poder en 1823, advertindo ás potencias europeas que no suposto de calquera intervención no continente americano sería considerada como unha agresión contra os Estados Unidos. Así comezaba a ambición colonialista e a fase do imperio económico que conforma a doutrina global de Monroe: “América para os americanos”. Así comezaba a grande  epopea capitalista, que transcendeu alén do continente americano, posicionándose nun novo inventario colonial de intervencións de acumular e controlar a económica no continente americano, converténdoo nunha ampla colonia subxugada a seus ditames imperialistas. Executando futuras intervencións intercontinentais baixo o postulado da ambición e a invasión de países ben lonxincuos do espazo americano. 

Talvez foi o continente asiático o máis ambicioso e agredido polos USA, co pretexto de frear o comunismo. Con todos estes pretextos e dependencia foi inevitábel a revolución maoísta e as guerras de Corea e de Vietnam, onde os marines utilizaron bombas napalm, e outras armas devastadoras que a heroicidade dos guerrilleiros comunistas do Vietcong conquistaron a unificación de Vietnam, aquel 30 de abril de 1975. Unha derrota que manifestou a decadencia dos Estados Unidos. A conquista soberanista de Saigón polos vietnamitas non deixa de ser un símbolo dual, de triunfo liberador e de derrota do imperialismo, encarnado polo poderío bélico e económico ianqui e de seus aliados. O 30 de abril marca un estadio decadentista coa liberación de Saigón, para o pérfido e xenocida imperio norteamericano, provocador de conflitos que marcaron a súa propia impotencia. 

Entre Saigón e a actual conquista de Kabul, polo fundamentalísimo talibán, podemos marcar un período de estimábeis derrotas de Estados Unidos e de todo Occidente, sendo seus dirixentes incapaces de aceptar a realidade, partindo das leccións do pasado máis inmediato. Os determinados procesos das guerras de Vietnam e Afganistán, completamente desiguais en cuestións ideolóxicas e relixiosas, pese a un marco de contrastes, Occidente non soubo priorizar seus intereses económicos fronte a URSS, como potencia militar e, tamén, disputando posicionamentos e contenciosos sobre as materias primas como é o petróleo dos países árabes, desestabilizando estes espazos produtivos por parte de Estados Unidos. Neste ambiente de ambición imperialista, Saigón e Kabul marcan dous espazos temporais que se concretan nas datas de 1975, co triunfo do Vietnam comunista, e 2021 coa vitoria do inmobilismo escurantista e relixioso que practican os talibáns, que rematan de conquistar o poder e ser capaces de esfarelar a administración e o exército invasor dos Estados Unidos e de seus acólitos europeos. Por tanto, Saigón e Kabul, aínda sendo desiguais en seus procesos ideolóxicos son referencias que marcan unha etapa política e económica no declive imperial dunha potencia arrogante con excesivo poder que non soubo administrar nin entender os entes culturais e a idiosincrasia de cada país, onde o colonialismo tivo supremacía e organización raspiñeira.

A quen non doe e inqueda a actual e cruel situación terrorista yihadista do réxime talibán, depredador das liberdade máis ínfimas das que non goza a cidadanía de Afganistán? A quen non lle doen as mulleres reducidas ao medo que impón o fundamentalismo  ortodoxo que as mantén aprisionadas nese apartheid de múltiples mordazas. A imaxe mais visíbel das mulleres afganas que están reducidas e entronizadas no burka fantasmal. Isto non é máis que o introito de toda unha represión de xénero, onde se esconde a negación á educación, a anulación dos dereitos máis primarios ás que están sometidas. Na funda deses burkas conmoven as mulleres anuladas, postergadas e maltratadas polo recalcitrante réxime talibán; aí están as bagoas a correr por seus belos rostros silenciados e invisíbeis, ensopando o lenzo dos vituperios. Calquera individuo pode empregar seu instinto machista: mallar nas mulleres, dilapidalas ou con dereito a darlles un tiro na caluga, sempre protexidos pola impunidade talibán. O drama das mulleres afganas e de millóns de cidadáns desprotexidos está en ascendencia e toma categoría de xenocidio. A situación dos refuxiados, no que respecta aos gobernos occidentais, nada precoces en procurar solucións en favor do outro, do diferente e resistente. Ninguén abre un corredor humanitario en favor destes seres envoltos nun manto de tebras. Afganistán continúa sumido na imperativa pobreza e na morte, mentres Occidente continúa ollando en contra dirección, lamentando a catástrofe con impasíbel apalabraría, sendo incapaz de abrir pontes nunha situación intolerábel, ante os que precisan de auxilios inmediatos e dunha política humanitaria na que se visualice unha eficacia solidaria.

Comentarios