Opinión

"Eppur si muove"

A pesares de certos desdéns, a sociedade galega móvese. Móvese dunha maneira certeira e categórica procurándose así mesma, dentro da rede das confusións que tenden os dominios fácticos en súas diversas versións e propagacións. As urnas autonómicas do pasado día 12 consolidan o traballo ben levado do nacionalismo, plenamente asumido e dixerido por unha sociedade e, sobre todo, por unha xeración mobilizada e con firmes certezas de esperanzas, mobilizándose para cambiar de ámbitos e procurando diversas estruturas que perfilen a modernidade do país. Velaquí o ímpeto e a firmeza dos que confirman esperanza, na rabia de auto impulsarnos cara afiliación do que queremos ser na empatía e na autoestima que manifestaron os votantes nesa confluencia de cambios que é preciso fomentar. É de enorme utilidade o que manifesta o voto nacionalista: bastión dos que desexan e precisan unha pragmática mudanza que proceda ser atendida.

Unha mudanza necesaria do que xa non esmorece na memoria do pobo, nese fermento de complicidade e de rescate dos valores que nos asisten aos galegos, na salvadora preeminencia de potenciar os atributos nacionais que se manifestan no modo de entendernos e personalizarnos. A famosa frase de Galileo Galilei: “Eppur si muoave”, aplicada aos mobilizados votos nacionalistas e verificando o sentido direccional de investir o verdadeiro valor dos mesmos, non podemos minimizalos nin adaptalos ás nosas interesadas e individualizadas posturas. O resultado destas eleccións teñen unha lectura plenamente galega, nacional-progresista e nisto consiste o movemento e a proclama da verdade que nos asiste. Somos pertenza do que merecemos e do que aínda está sen conquerir. As pasadas eleccións mostran dous pasos avante ante o paso atrás de fai catro anos, na anterior lexislatura. E xa moi lonxe dos contubernios de Bamio. As apostas por un traballo correcto de comunicar cos problemas da xente e na insistencia de proclamar un presente refeito á nosa medida, que nos faga mais participativos nos programas de cambio e, neste caso, o vemos mais claro cando a opción nacionalista fica reforzada para continuar, na presente lexislatura, mobilizando e corrixindo cada caso e cada momento para endereitar vías de progreso e de liberdade comunal.

Virando a ollada cara a nosa historia mais remota e situándonos en cada un dos casos mais dramáticos da mesma, puntualmente emerxeron mulleres e homes capaces de tomar o temón do navío en deriva e suplir as dificultades do momento, poñendo en marcha un novo rumbo. Isto non deixa de ser un feito apoteótico e pragmático de salvar situacións precarias e corrixir o que outros teiman en introducir anomalías para espallarnos e introducirnos en outros contextos foráneos que negan a nosa propia realidade. Múltiples exemplos temos na abastada historia de Galiza, esas temoneiras e temoneiros, bastan dous nomes: Rosalía e Castelao que veñen a representar a miles de patriotas que xurdiron nos momentos mais difíciles e de infindas agresións contra o noso pobo. Isto faime pensar naquel poema de Victor Hugo, titulado: “A Historia”, do seu libro poético: “Odas e Baladas”, publicado en 1823, no cal proclama a eficacia e o protagonismo redencional dos defensores das patrias oprimidas. Así o sinala na primeira estrofa do citado poema:

“O destino das nacións, é como un mar profundo,

ten arrecifes escondidos e covas inestábeis.

Cego quen só pode ver, no futuro do mundo,

a loita das augas baixo o combate dos ventos”.

Moitas veces a metafísica dos versos lévannos a contundencias políticas das que estamos obrigados a sacar lecturas de diverso orde e dimensión, que pola súa calidade e ordenamento farán mudar as cousas nesta Galiza que precisamos que sexa innovadora e de seu. O votante do pasado día 12, enviou un aviso moi estrito e comprensíbel: “O povo é quem mais ordena”. Velaquí a contundencia do BNG en súa expresión electoral de falar mais dos problemas e das solucións que ten pendente Galiza, mais que de cuestións partidistas. Unha discursiva que ben alimentar un novo proceso de actitudes xeracionais que representa Ana Pontón. O 12 de xullo representará para sempre o marco histórico dun pasado e dun presente cargado de coraxe e tentando trocar de perfil.

É posíbel que así sexa co pragmatismo do que significa a “loita das augas baixo o combate dos ventos”. Alén do símbolo fican os significados que podamos extraer do resultado electoral, algo con que o Bloque procesará unha renacida orde de contundentes puntualidades e matices que merece o enorme volume de problemas que hai pendentes de solución. Todos somos conscientes que aínda non chegamos á gobernabilidade do noso país, mais a coherencia do que este triunfo electoral significa para o BNG, cabe pensar na verdadeira campaña electoral de 2024, que temos a obriga de comezala o 13 de xullo. Un día despois de concluír as anteriores eleccións. Son alertas que están na dilixencia dos dirixentes do BNG e tamén dos que investiron o seu sufraxio nesta opción política.

En Ana Pontón converxen moitos atributos e solvencias de entender as necesidades dos simples; dos que están cercados por múltiples degradacións sociais e económicas; pola preocupación do maltrato de xénero que soportan e destrúen ás mulleres. Velaquí as súas contundencias liberadoras e feministas, posición entendíbel polas que soportan vexacións e discriminacións de xénero. O BNG entra con contundente lucidez nun tempo novo, na comprensión das galegas e dos galegos que aspiran a superar pasados opresivos e escurantistas. Falta moi pouco para conquerir a vontade suficiente dos votantes. Catro anos por diante mostrarán moitos detalles do proceso de integración e do traballo que efectuará o BNG.

Comentarios