Opinión

Elixir en precario

Aproxímase a grande proba electoral de 2015.

Aproxímase a grande proba electoral de 2015. Os electores coidan que é preciso o xermolar de novas vertebracións que superen conductas e modelos políticos en acedas composturas e circunstancias. A desconfianza aglutina dúbidas e rancores do que ten sucedido coa fractura nacionalista en Galiza. A inmolada sociedade galega tiña un respiro no nacionalismo de esquerdas, un contributo para superar insidias e miserias vindas dun modelo económico depredador, imposto pola dereita e consentido por certa esquerda parasitaria que comparte intereses, fraudes, corrupcións e políticas asimilistas coa dereita. 

Vistas as cicatrices que deixan estas políticas compartidas, por un bipartidismo omnímodo e esmagador das clases proletarias e medias. Dadas estas circunstancias, a desunión nacionalista e de clase vén a dilucidar a falta de rumbo e o esperpéntico desacougo de non convivir na causa común. Esta pode ser unha das imaxes que vai pasar factura un conxunto de votantes que continúan aspirando a unha vertebración nacionalista fronte a anos de desfeita.

Cambios e novos valores

O proceso político actual en Galiza leva ao elector a certa confusión, xa non de matiz ideolóxico como proclaman algúns que esixen cambios en abstracto desde unha óptica moi personalista e no que se visualiza non poucos rancores. A sociedade galega precisa de cambios, capaces de perfilar novos valores que estimulen avanzar sobre políticas parasitarias que atomizan á sociedade dunha maneira cruel, como está acontecendo coas clases mais desprotexidas e marxinadas.

A desunión nacionalista e de clase vén a dilucidar a falta de rumbo e o esperpéntico desacougo de non convivir na causa común

Xa non se fala do precario ou de pobreza, termos superados pola miseria, estamos nun estadio infrahumano que desequilibra un amplo espazo no que as clases traballadoras fican desempregadas e sen a mais mínima protección. Este é o panorama que nos aproxima a múltiples confusións, ante as eleccións municipais e xerais de 2015. Os medos do bipartidismo, a perder cotas de poder, tempera cuspidelas no rostro dos que procesan cambios estructurais capaces de rachar con modelos perniciosos e alienantes.

Fronte común 

É verdade que o nacionalismo galego está aí, con propostas de cambios estructurais e con accións ben medidas e calculadas, mais a sociedade continúa vendo incoherencias pola falta de obxectivos e estratexias comúns, polo que non se percibe un renovo. A sociedade galega coida que hai instrumentos necesarios e apoios sociais para abrir unha fronte común que supere certas dialécticas e, tamén, entelequias, capaz de abordar un debate democrático e aperturista para frear a disxuntiva electoral que se aveciña.

É mais poderoso o que nos une que o que nos separa. Por tanto, hai que desbotar a criba que selecciona e parcela a uns dos outros como bos e malos. Sabemos que en Galiza comeza a haber un clamor, en son de rumor, que evoca un cambio de actitudes políticas. Noutra fase, hai unha tendencia nas persoas que asimilan que o nacionalismo e o marxismo nunca foron incompatíbeis. Claro que o nacionalismo galego debe ser orixinario, non perder as súas sinais de identidade, pero tamén universal. Neste tipo de turbulencias non se debe pisar o acelerador diante dos  precipicios.

O punto separador do noso nacionalismo continúa a ser o colonialismo, en súa fase superior do centralismo españolista, de longos séculos de permanencia no noso país, estrangulando o propio e introducindo un modelo unitario que corrompe a nosa idiosincrasia. Fronte a esta realidade, as forzas nacionalistas, en dispersión, debe ter capacidade de achego ante as eleccións que se aproximan; ao contrario, a descomposición nas urnas será irreversíbel.             

Comentarios