Opinión

Eleccións e nacionalismo na Galiza

A actual convocatoria electoral marca un debate apropiado e un pertinente desafío sobre a realidade de representación no parlamento español desde o electorado galego, que precisa dun cambio e dunha maior capacidade de obxectivos para superar as incertezas manifestadas en diversos medios de comunicación. Despois do que ten acontecido desde 2015, con ese posicionamento estéril de restar capacidade aos que poden sumar nunha maior aspiración de vontades e de votos. É innegábel a fatídica entrega ao inimigo de sempre, disfrazado de benevolencias e de atractivas propostas, mostrando conspirativas accións, nun plan reducionista e perfectamente artellado por mentes mesetarias con pretensións asimiladoras. Neste dirección, se retomamos os tempos duros e colonizadores desde a derrota da nosa Beltranexa até hoxe, veremos varios perfís e comportamentos que permanecen vivos e actuantes, desde fai seis séculos, empregando diversas modalidades de dominio unitarista. No que non falta a peonada galega ao servizo dos intereses de Castela (España), e isto repítese actualmente.

O antídoto, a esta situación agresiva de intervención, reside nun nacionalismo pragmático que orienta ao pobo en intervir na defensa de seus propios intereses colectivos, tantas veces ameazados e destruídos. O nacionalismo defensivo e de clase existe na Galiza e ten presencia, debate e acción, nunha sociedade partillada e desintegrada en múltiples minifundios creados polos que practican políticas de asimilación. A dignidade e a esperanza só pode rehabilitar o noso país con miras a fortalecer a unha instancia política como é a do BNG, tantas veces atacado desde fora e desde dentro. E por moitos dos que sustentan manter perpetuamente a Galiza nunha especie de limbo dos xustos á espera dun errado mesías. Mais os nacionalistas aspiran ao limbo solar, o que emite forza e movemento liberador. Alén da metáfora hai unha aspiración redentorista que supera o fatalismo que permanece no rancor de certos sectores da sociedade galega. Esa superación vén marcada pola participación, manifestacións e accións multitudinarias, propiciadas polo nacionalismo bloqueiro. E isto recompón optimismo ante un estado de cousas que destínguense desa crise estrutural permanente en que está ancorada a nosa economía, incapaz de irradiar benestar á nosa comunidade. Sobran argumentos para incidir no ímpeto que está mostrando esa forza nacionalista e de esquerda, consistente nunha política non agresiva nin de confronto con outras forzas operantes na Galiza. Moitas delas saíron do seno organizativo do Bloque. As erradas experiencias están en proceso de declive e de falsos entusiasmos que animaron a distintos grupos de esquerda e de aparencia nacionalista, a dispersarse e dobregar a cerviz ante os unitarios españolistas e de vontade estatalista, ao final uns sentíronse devorados e os outros integrados e engulidos por insípida postura draconiana.

E mentres uns mendigan noivado a calquera entrega e coste de dote, con fardela baleira e caxato que dobrega ante o peso do convalecente, convértense en esmoleiros, ora co Bloque e tamén cos de Errejon. Sr. Luís Villares, precipitarse a dúas bandas corrompe os poucos indicios que un mostra en política. Procurar amparo ante unha catástrofe que evidenciaba non saír ileso de tales desventuras, son despropósitos que en política págase coa guillotina ética, a mais perturbadora e nociva dun reparo destas dimensións. Tómese nota do que dixo o anxo á congregación de Laodicea: “Coñezo as túas obras: ti non es frío nin quente. Quen me dera que foses frío ou quente! Mais, por seres morno, voute vomitar da miña boca” (Apocalipse 3, 15-16). Sirva este texto como metáfora aplicábel a non poucas intrusións que durante cinco anos propiciaron inestabilidade no creto político que respiraba o eido nacionalista de Galiza. Lamentabelmente,  o peixe sempre a picar nos lodos do río revolto, onde o pescador de votos lanza seu certeiro anzol.  O de En Mareas foi un experimento que cabe non repetir polo exceso de grupos que contribuíron a queimarse entre eles. Un experimento nada neutral do que se cocía nos comités centrais de Madrid. Había xente moi válida, mais esparexida en diversas direccións . Deixemos o conto, e cante o galo da esperanza e do reencontro.

Hai unha opinión bastante xeneralizada na Galiza, favorábel a postular polo compromiso do nacionalismo do BNG. Nas próximas eleccións ao parlamento español, pode haber sorpresas pola eficacia de manter un programa de fidelidade á nosa nación, sen requintes nin palabras baleiras. Talvez pola puntual e decisiva defensa ante as agresións cometidas contra o pobo galego. Un nacionalismo de acción e seriedade vén a lexitimar unha loita ininterrompida de moitos anos sobre a nosa problemática. Programando e reconstruíndo un país, con voz altiva e unha actitude combativa con expresividade galega.                            

Comentarios