Opinión

As eleccións do 25S, en clave nacionalista

Os nacionalistas tocaron diana nas teclas dun piano político desafinado pola incongruencia dun goberno galego que multiplicou os problemas existencias e estruturais da Galiza. As propostas do nacionalismo percíbense nestas eleccións de interese xeral, polas achegas a ese concurso de actividades, mantendo unha dialéctica perceptíbel por unha sociedade anoxada e sorprendida polo lastre político que deixa o subdesenvolvemento manifestado na ausencia de políticas correctas que superen desigualdades e a devastación dos medios de produción, nos que están sumidos sectores tan sensíbeis como é o do leite e todos aqueles que dependen de infraestruturas básicas e de planificacións que contemplen saír dese nocivo e interesado problema, con matices visíbeis dun formato colonialista de amplas dimensións que postergan un progreso solidario.

Os nacionalistas (en súas diversas tendencias) manifestan un equilibrio de madurez e de non agresión, nun espazo político bastante deteriorado debido a unha dialéctica nada útil no intre de manifestar a súa verdade absoluta, obsoleta nestes tempos e circunstancias, sen considerar que o outro -o dunha convicción ideolóxica diferente mais de posíbel reencontro- tamén ten poderosas razóns para que esa semántica de outrora estea exenta no discurso nacionalista das presentes eleccións. Así é posíbel que a ferida cicatrice e o verbo do entendemento e do diálogo posibilite o que todos desexamos: eficacia no reencontro.

Os nacionalistas (en súas diversas tendencias) manifestan un equilibrio de madurez e de non agresión

O escenario nacionalista destas eleccións marca algo moi importante que non se ten repetido noutras ocasións, de saber e ter conciencia de quen é o inimigo. O inimigo de sempre que promove fraudes interesados que provocan alienación, retraso social, económico e cultural. Parece que o sentidiño se impón e isto é un factor moi confortábel cando se incentiva ao votante cando detecta a realidade exposta doutra maneira ben distinta a como se lle inculcou en transversal. O nacionalismo galego, tan orixinario na súa conduta e compromiso de esquerda e, sobre todo, por estar virado cara os problemas mais sensíbeis e reais que ten o noso país. Nesta dirección non podemos deixar de mirar cara á  vulnerabilidade social tan protexida polos que gobernan con maiorías absolutas. 

Por tanto, o talante estase mostrando na verificación dos problemas que os nacionalistas coñecen de tantas situacións precarias e, mesmo, puntualizan solucións para os mesmos, sendo fieis ante compromisos adquiridos coa sociedade e viceversa. Os concorrentes a mitins poden observar nestas eleccións autonómicas un factor moi importante, como é a concreción ilimitada cos problemas e súas tendencias deplorábeis. Nestes casos, o nacionalismo hai que fortalecelo, non inventalo. Leva anos de presencia, con matices moi claros e puntualizacións moi firmes en procurar e esclarecer cambios estruturais que precisa Galiza. 

Mais os axentes da información que forman parte do monopolio do poder económico e financeiro persisten en degradar a realidade cando os ambientes electorais non lles son favorábeis. O inventario demagóxico é longo e a loxística moi ben afinada para terxiversar a elocuencia da realidade. Ultimamente, vemos como as enquisas non son fiábeis e contrastan coas cifras reais que saen das urnas. O manexo sociolóxico das masas forma parte dese inventario que manipulan os interesados, en favor dos partidos mais achegados á súa ideoloxía e aos seus intereses económicos, lanzando diatribas contra os opoñentes a seu poder. Neste sentido, observamos como as enquisas favorecen a quen está no poder, apoiando os privilexios de quen desinforma. 

O inventario demagóxico é longo e a loxística moi ben afinada para terxiversar a elocuencia da realidade

Pese a todo, o votante comeza a valorar estas situacións en clave nacionalista, non sempre, e a dubidar das cifras que non concordan co ditado das urnas. Así de escandaloso resultou o que anunciaban as enquisas nas pasadas eleccións estatais do 26 de xuño, tan ben deseñadas para orientar ao votante cara outros horizontes e desconcertar aos que aínda se moven polo frecuente impacto dos medios de comunicación. As eleccións galegas anuncian novos tempos de concordia dialéctica nacionalista e un novo rol de realidades concretas, a saber onde está o verdadeiro problema e os persoeiros que potencian políticas que provocan consabidos atrasos na sociedade galega. Ese é o inimigo, a bater democraticamente. 

Comentarios