Opinión

Dúas enormes fervenzas, sen dono: Maya Angelou e Audre Lorde

Neste día internacional da muller traballadora, de festa grande para enaltecer tantas expresións, esperanzas e conquista feministas, fronte as afrontas e atentados que o cotián rexistro de hemeroteca presentan esa mobilidade de odios e outros avatares que se traducen en asasinatos, violacións, pérfidos sometementos e anulacións de liberdade: única e intransferíbel para millóns de mulleres, que aspiran a ser mesmo elas, co subversivo concepto de non aceptar paternalismo nin dono, rexeitando de lemas e símbolos opresores que o machismo exhibe de diferentes fórmulas e comportamentos violentos. Co seu implacábel mazo asasino e con persuasivos escurantismos e alienacións que o sistema relixioso-burgués, senón os enaltece os silencia. Tamén o silencio forma parte da anulación de todo iso, ao que as mulleres aspiran: liberdade, igualdade xa conquistadas, en parte, que proseguen en conquista e cabreando aos do pensamento único, amurallados no seu feudo, mantendo o modelo omnímodo doutrinario xudeu-cristián, que aínda persiste na prédica da subordinación da muller, con centos de versículos bíblicos proclamando a submisión das mulleres e clasificándoa dentro dun sistema medievalista que aínda despega certos lampos inquisitoriais. Un ser postergado e só útil para parir, seu único don protexido polas farisaicas e inquisitoriais estruturas do pasado. E destes conceptos doutrinarios bebeu o sistema capitalista, no seu ordenamento clasista, respecto ao dogmatismo de clasificar os aportes laborais da muller como secundario e reducionista, protexendo os dogmas monoteístas da lei mosaica e, mais tarde, o catolicismo e por último o mahometismo. O capitalismo actual, no contexto de loita de clases, non foi preguizoso en acollerse aos ditames e aplicar en seus deslices a explotación laboral das mulleres en que están apoutadas nese sistema de inferioridade de salario con respecto ao do home e a tantas outras desigualdades.

As mulleres manteñen unha loita revolucionaria universal, tantas veces silenciada, en favor dos dereitos de liberdade e igualdade, da que xurdiu a conquista de valores feministas e da dignidade negada, non exenta de sacrificios que tantas mulleres pagaron coa súa vida. Se Marx e Engels tiveran que redactar outro Manifesto Comunista para os tempos actuais, en vez de mencionar a palabra “comunismo”, a forza revolucionaria e insurxente do século XIX, talvez a mudarían por “feminismo”. Imaxinamos que hoxe estaríamos lendo o preludio de dito manifesto, da seguinte maneira: “Un fantasma vaguea por Europa, o fantasma do “feminismo”. Todas as potencias da vella Europa unidas nunha santa batida de caza contra este fantasma: o papa e o zar, Metternich e Guizot, os radicais franceses e os policías alemáns”. A loita feminista continúa avanzando a todos os niveis. Sen a participación das mulleres nunha variedade de campos estelares como é a integración na ciencia, na educación, na vida intelectual, na técnica e na produción laboral. Sen esta inclusión, que elas alentaron e conquistaron, non podemos comprender a mudanza social dos tempos actuais.

Unha actualidade, tamén, cargada frustracións por tantas mortes de mulleres que causa ese machismo que se asenta no sistema mais escuro do medievalismo e do antigo nacional-catolicismo, que mantiña a castración da muller e aínda activo nos que aínda vomitan odio contra a loita pola igualdade e pola soberanía e emancipación feminista. Un síntoma de que o machismo está en agonía, e manifesta súas sanguentas gadoupadas que tanto sufrimento producen a toda a sociedade. A consigna que proclamaban os angolanos na conquista pola independencia, era a seguinte: “A luta continua, a vitoria e certa”. Esta tamén é a divisa na que se prodiga a loita e a certeza do feminismo.

Os perfís evocadores de Maya Angelou e de Audre Lorde, poetas e escritoras afronorteamericanas, de marcadas vidas paralelas, foron esas dúas enormes fervenzas, sen dono e de singular referencia para millóns de mulleres que soportaron sufrimentos e que souberon alzar o facho da liberdade. Angelou e Lorde simbolizan un precoz entusiasmo revolucionario que tantas mulleres as seguiron nos Estados Unidos e que merecen ser lembradas, polas súas vidas errantes e, tamén, capaces de vencer derrotas, neste 8 de marzo “Día internacional da Muller”.

Maya Angelou, heterónimo de Marguerite Annie Johnson (San Luis, Misuri, 1928-Winston-Salem, Carolina do Norte, 2014. Filla dun matrimonio pobre, con fortes desavinzas que os levou ao divorcio e seu pai arrebatou a Maya e a seu irmao Bailey e os levou por varios Estados da Unión, protexéndoos no silencio das escondedelas. A pouco tempo morreu seu pai e volveron coa súa mai que xa estaba casada con outro. O propio padrasto a violou cando tiña oito anos, a comunidade negra á que pertencía Maya, deu morte ao violador. As frustración foron acumulándose en Maya que a esa idade deixou de falar coa xente e sentirse avergoñada e cunha mai nada comprensíbel coa situación. Maya e Bailey marcharon para a casa de súa avó paterna en Arkansas, onde permaneceu seis anos sen falar mais era unha lectora moi interesante de grandes obras dos clásicos escritores norteamericanos. Sentiu o impacto da poesía do enorme poeta da negritude, Langston Hughes, seu entusiasmo pola lectura e ante os perigos do Ku, Klux Klan, que atacaban aos nenos negros. Nesta situación, enviounos a California, onde Maya comezou a estudar nun Instituto de Secundaria e consigue unha beca de danza. Quedou embarazada aos dezasete anos do seu fillo Guy. Conseguiu graduarse mais a súa vida desamparada a levou a diversos traballos mal pagados, foi a primeira muller afroamericana dos Estados Unidos condutora de tranvías en San Francisco, exerceu a prostitución para sobrevivir e rexentou un bordel, isto o canta no seu diario persoal. Despois dun casamento frustrado viaxou a Nova York, onde retomou seus estudos de danza. Anos mais tarde uniuse ao Gremio de Escritores de Harlem. Nesa etapa coñeceu a Martin Luther King, implicándose nos dereitos civís, e recibiu de King o encargo de organizar actos e manifestacións coa comunidade negra. Coñeceu a Malcom X e a Nelson Mandela. O compromiso e a loita de Maya non pasaron desapercibidos. A súa literatura comezou a recoller éxitos coa denominación ao Politzer de Poesía de 1972. A súa poesía existencialista e de corte feminista entusiasmou a negros e brancos polo discurso tan directo contra o racismo e en favor das desprotexidas mulleres -como ela o fora- a integrarse no feminismo combativo. O seu prestixio foi recoñecido na toma de posesión do presidente Bill Clinton, este encargoulle a lectura dun poema para dito acto. O día de seu enterro, Michelle Obama, dixo de Maya Angelou: “As súas palabras non deixaron de ser intelixentes, mais tamén atrevidas, poderosas, sensuais e, sobre todo, valentes”.

Audre Lorde naceu en Harlem, Nova York, en 1934. Continua sendo unha das grandes escritoras mais poderosas do feminismo afroamericano sen complexos. Ela mesma confirmou: “Estou aquí como negra, lesbiana, mai, loitadora e poeta”. Este era o seu código identitario sen disimulos nin prexuízos. O feminismo do seu país sempre respectou as luminosidades que transmitían o bo facer que inquedaba ao machismo, tan incrustado nas institucións relixiosas e civís do país. O choque coa mentalidade dos seus pais, afrocaribeños, provocou a súa fuxida, converténdose en empregada de varios destinos precarios como secretaria, enfermeira e picadora de cuarzo. Así logrou pagar os seus estudos no Hunter College. Xa casada e con dous fillos foi bibliotecaria durante mais de cinco anos, nese período publicou o seu primeiro libro, participou como activista da Asociación de Escritores de Harlem. Así comeza a súa carreira meteórica converténdose en referencia intelectual e feminista belixerante, como manifesta no seu interesante poemario: “Thes Black Unicorn”. Nos seus diarios do cancro, manifesta moito amor pola liberación das mulleres, non só desde a súa visión como lesbiana, tamén no apego a loitar en dúas direccións, contra esta enfermidade e como organizadora de diversas vías de emancipación feminista. O combate contra o machismo institucionalizado foi un dos frontes nos que Audre Lorde fertilizou conciencias. As súas experiencias feministas e literarias foron vitais para retomar a africanidade e volver á tradición da Mai África, a mesma que levaron os escravos a tódalas Américas. O seu pensamento sobre a liberación da muller o introduciu en varios movementos afroamericanos na loita contra o racismo e contra comportamentos heteropatriarcais, desde a súa concepción de ser negra e como muller, lesbiana e, mesmo, escritora con lealdade e compromiso feminista. Como ela dicía: “Escribo para as mulleres que non poden falar, polo terror que as oprime”. As súas loitas están ben recoñecidas e exaltadas polo movemento social e feminista de Angela Davis e Assata Shakur. Estas dúas afroamericanas nunca esqueceron a mobilidade teórica e a eficacia que aportou Audre Lorde.

Non podemos deixar de falar da enorme intelectual negra, escritora, dirixente feminista e compañeira de Lorde, durante moitos anos, como foi Gloria Josepf, que vivía na illa antillana estadounidense de Saint Croix. Neste lugar e xunto a vella compañeira de loitas e benquerenzas, morreu de cancro Audre Lorde, o 17 de novembro de 1992. A súa vida foi moi paralela a de Maya Angelou, atrapadas nas encrucilladas de tantos terrores e incomprensións das que souberon saír dunha maneira honrosa e mobilizando conciencias de millóns de mulleres que hoxe comparten loita e liberdade feminista. Dúas grandes defensoras da liberdade das mulleres que vindo de escuros dominios machistas confirmáronse na esperanza e na claridade, que o 8 de marzo representa para todos nós.

Comentarios