sábado 15/08/20

Don Ricardo

Conmemorar a D. Ricardo Carvalho Calero (1910-1990), entre o gran público galego, no Día das Letras Galegas dedicadas a el no día de hoxe e en todo o 2020, supón unha achega importante en recoñecer o valor intrínseco deste profesor e investigador universitario, sobre a situación do idioma galego. Carvalho foi recusado durante vinte anos polo “Sacro Colexio Académico”, que intentou levalo ao foxo dos leprosos. Mais, “Duro é dar couces contra o aguillón”. A realidade rematou impoñéndose ao desconcerto, pese ás perversas negativas do xuntoiro académico en negarlle o Día das Letras Galegas. Este disparate creou descontento e, tamén, entusiasmo para os que o reivindicaron e celebraron cada ano. Ao final do escándalo, a Academia caeu da burra cansada. Mais o espectáculo de negarse constantemente a dedicarlle o Día das Letras Galegas a Carvalho Calero que, ademais foi académico, supuxo unha enorme greta para a credibilidade de unha Academia pechada na súa “Capeliña Sixtina” e perdendo o respecto aos que demandaban tal celebración. Que non eran poucas as asociacións culturais, lingüísticas, institución de ensino, intelectuais. Todos marcaron ese ritmo reivindicativo e de recoñecemento ante a figura do profesor Carvalho Calero. Esta imperdoábel anomalía, aparece outra non menos importante como a pandemia que nos ten confinados. E que impide celebrar o 17 de maio, e homenaxear ao vello profesor. Ficando posposto para unha nova data.

A D. Ricardo debemos non poucas gratitudes por investigar e aportar á súa intensa e activa obra sobre un amplo parámetro de temas que repercuten na realidade dun estado de cousas que el manifestou e abriu canles para efectuar mudanzas cualitativas sobre a situación actual do idioma galego. Onde todos debemos reencontrarnos en seus estudos e verificar a dirección que el mostrou, en eses anos áureos da década de 1970, coa publicación da súa “Gramática elemental do galego común” e da segunda edición da portentosa “Historia da literatura galega contemporánea” que recolle o longo espazo literario que vai de 1808 a 1936. Un monumental volume que nos revela o alcance e a fortuna de ter a un investigador profundamente meticuloso que foi capaz de abrir un ciclo venturoso para as nosas letras.

Carvalho Calero, no período silencioso de posguerra, non estivo ausente das súas andadas ao pé do que ficou daquel Partido Galeguista e, sobre todo, do pensamento de Castelao que contribuíu a esclarecelo e ensinándonos a estudialo pragmaticamente e sen adherencia de incurir no mito. Lembro a este vello profesor, rexo e de non moi alta estatura, naquel púlpito do Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, pronunciando o discurso de inauguración do “Congreso Castelao”, co gallo do centenario do seu nacemento, en novembro de 1986. Coido que a ninguén dos participantes nos deixou indiferentes, nas descubertas que Carvalho alimentou sobre a universalidade do pensamento de Castelao, da que el tomou conciencia desde a súa pertenza ás Mocidades Galeguistas. Unha conciencia de avanzada e alta durada. E tempo de volver a ollada atrás, mesmo ao inicio daquela pensada restitución de Galiza. E ollarnos no espello daquel galeguismo, de acción e permanencia, do período da II República, que aínda ten presenza no actual nacionalismo galego, en repercutidos temarios do galeguismo clásico. Carvalho Calero reivindicou este estilo de presenza e visibilidade, partindo do herdo galeguista que conferiu non poucas conclusións ao nacionalismo actual. El sempre manifestouse Partido Nacionalista, que nunca existiu, mais que ía constantemente no seu imaxinario.

A súa persuasión e actividade científica, sobre o idioma galego, levou a Carvalho Calero a considerar que o reintegracionismo do noso idioma, defendido desde as súas aulas e medios de comunicación, abriu espazos liberados de lealdade e defensa da nosa fala. Como foron as reiteradas propostas e análises de artigos publicados no libro: “Problemas da Língua Galega”, publicado en Lisboa, no que esclareceu algo inédito que había que asumir e recompor, fronte ao espolio que soporta a nosa lingua intervida e alterada por outra, que nin é do mesmo bloque orixinario, o castelán. O reintegracionismo, en súas variadas consideracións, tendencias e propósitos, veu a protagonizar unha eficaz ruptura coas normas especulativas estatais e co colonialismo que exerce a lingua española sobre a galega. Nada mais decisivo e oportuno que volver a mirada e a reflexión ao orixinario bloque lusófono, ao cal pertence o noso idioma. O reintegracionismo é o noso mais recente e abastecido salvoconduto de volver ao rego e ás contundencias que conforma a lingua común galega-portuguesa.

As diversas fases da reintegración lingüística, entre a Galiza e o resto da lusofonía, encarna un proceso moi activo, aínda que lento, en varias frontes asociativas e de ensino. Ademais da visibilidade e da contundencia mobilizadora con que están a tratar estes temas, con vocación a ampliar a comuna de reintegrados. Sobre a mesa continúan vixentes as propostas e os estudos de Ricardo Carvalho Calero, que marcaron unha dirección, e a do lexicógrafo Isaac Alonso Estraviz que concertou outra. Aínda que as rutas sexan diversas o interesante e que se encontren na mesma meta.

comentarios