Opinión

I want you

Maio veu e chegou con flores, das que resisten a murcharse, e con olores que invocamos aos que converxen en amores. No respiro e nos salaios debruzados sobre mágoas que xorden do desespero dos anos mozos. Tamén dos anos mornos que desesperan cargados de saudade e curtidos neses maios longos rosalianos. Ou cando Bob Dylan impoñía seus lampos desexos de amor nunha aurora fugaz, cando a súa voz tecía sonoridades tímbricas do que foi cantiga para durar nesas harmonías de maio, para encetar ese i want you e aquecer neses debruces gustosos e bebendo  estrofas de boas querenzas de amatoria, como o fan eses crédulos intelectuais remangados, esquecendo a canseira daquelas copulacións na rúa vermella dos amantes. É maio para todos os públicos nun escenario desigual e nada colérico para pronunciar ese i want you. Mais hai quen prefire a suxerinte segunda estrofa: “The drunken  politician leaps / Upon the street where mothers weep / And the saviors who are fast asleep, / They wait for you”. Sería para min unha temeridade traducir estes versos, sabendo que os galegos comprenden e falan mellor o inglés que o seu propio idioma: o galego. Posto a pensar, aínda teño unha tenra señardade do que se implora na rúa vermella, con cheiro a mexos e adornado por un sonoro saxofón tocando solemnidades por un defunto que nunca invocou unha aleluia na súa cantarela e nos blues de B. B. King.

E maio chegou e sorprendeu ao timorato Bob Dylan, con flores de xesta e toxo, brancas e vermellas, en chamada polo trebón xerminal que molla o seco terrón que agarda semente limpa e enxoita. Xesteiras e toxais devorados por ese xeito de entender a música nas paisaxes harmónicas da primavera; nesas cores de urxencia que teñen os nosos campos rasos, onde brillan os delicados estames de todos os maios posíbeis e ser venerados. Maio tráeme recompensas ao ollalo en retrospectiva, e meus anos, case de octoxenario,  nun verxel en flor con enramalladas verdecentes, onde fai garuleira unha escolanía de paxaros conquistando amor ben tratado de explícitos desexos. A evocación máis solemne e rexia que Alfonso X O Sabio dedicoulle ao rebuldeiro mes de maio, fai oitocentos anos, que lle deu a benvida, principiando as seguintes catorce estrofas poéticas: “Ben veñas maio et con alegría!, e con estas variantes: con toda saudade”; “et con lealtade”; “con moitas requezas”; “coberto de froitas”; “con bos sabores”; “con vacas e touros”; “alegre e sen saña”; “con moitos gaados”; con bóo verao”; “con pan e con viño”; “manso e non sañudo”; “alegre e fremoso”; “con bóos manxares”. Van e veñen maios coa fardela e co saco cargados de ensoños e de misterios, nesta Galiza infinda vestida de maiolada, todo por existir e resistir.