Opinión

Abril o de augas e amores mil

Aprilis tempore, quo nemus frondibus
et ptatum roseis ornatur floribus,
iuuventus tenera feruet amoribus.

                                   Cancioner de Ripoll

Nas pozas e nas regatas o cántico das ras aliviaba o cotián esforzo dos labregos nos solpores, en témporas de sementeira. Nestes innovados tempos non hai ninguén que semente para confortar os imperativos da primavera. A decadencia da labranza é patente e extremadamente lamentábel, cando o noso rural fica silenciado. Mais a herba abrileira, en seu verde encanto, explosiona nos prados e nos ermos. Noutros tempos eran longos agros prestos a recibir semente de centeo e lucila en espigadas searas, abanando en con seus primordios. Nesta terra enigmática que sempre ofrendou candor en darnos voluminosos froitos. A miña mente non renuncia a aquelas imaxes de fai máis de setenta anos. Cando eu era neno, abril ofrendaba en soutos e carballeiras ese cántico espido dunha paxarada que agora a notamos, lamentabelmente, reducida. Aqueles requintados cánticos que promovían exaltación nos tímpanos de adormecidas persoas no manto da invernía. Abril codificaba a primavera nos suores e ardores dos que labran e atenden a terra sementada. Abril xermolado atraendo as retinas para ver esas marabillas floridas en diversas expresións naturalistas. As ras croaban nas pozas cando o fusco anunciaba seus rigores, para que as canseiras dos labregos tiveran a súa recompensa nesa harmonía deses cánticos seguidos e repetidos. Amores e trebóns de abril en vida innovada; cores de flor de toxo e xesta en primaveras, aínda neles nós existimos.

A primavera tamén nos renova nos ecos do cuco trouleiro que aparece (para que non se acabe o mundo) nese vento liso que o acomoda na súa cuqueira. Desta vez colleume co xaxún tomado, así que non terei ano malo, nin decadencia extrema, así reza a tradición dos acertados dicires da nosa labregancia. A boaventura nas toadas do cuco acadan o frenesí dun sosego que fortalece a primavera. O cuco trae suculentas choivas equinocciais e con elas canta desde o seu trono na cimeira das carballeiras. Pero tamén sabemos que o cuco e pillabán e ladroeiro. Ben sabemos o que fai o preguizoso cuco: pór seus ovos en niño alleo. O cuco e trouleiro e falcatrúas, grande mestre de políticos enredantes e corruptos. Mais o cuco ten un estilo propio, na fluidez e na beleza de saber voar, con ese encanto metafórico que non teñen os cucos de fino peripé e de basta barateira, usura e cobiza que anuncian noite de invernía. Mais o cuco continúa encetando primaveras e tecendo cánticos de alborada, lexitima primicias que fortalecen irmandade. O cuco na poesía, na voz bucólica dos poetas irlandeses medievais e, tamén, no noso cantar antigo de amor-amigo, que nos proclama enteiros.    

Comentarios