Opinión

Día de San Cidre Labrador

A data do 15 de maio, tiña para a labregancia galega un alegato de festa de gardar, por ser a festividade de santoral de San Cidre, padroeiro dos labregos. Rendíanlle honra con misa grande e prédica de reclamo milagreiro, por ser un namorado da misa de albor, deixando a xugada de bois parada na labranza. Cando o oficiante dicía: Ite, missa est, Cidre saía como un foguete a incorporarse a seu oficio de abrir regos de sementeira, viuse sorprendido por un anxo que o substituíu en seu labor. Segundo os que teceron esta lenda sobre un suposto labrador mozárabe: Ysidorus Agricola, natural do Mayrit musulman. Aquí sitúase a vida deste devoto labrego entre 1082-1172. O suposto milagre do anxo, do que o tal Cidre labrador, viuse beneficiado, non deixa de ser un resultado da beatísima apoloxía milagreira do século XII, e reproducido polo imperio castelán de Felipe II, que promoveu unha indubidábel mitificación, agregando non poucas versións orais que se forneceron naquel Madrid incipiente que fundou este beato monarca. Seu fillo, Felipe III, foi un entusiasta das lendas e dos milagres que o pobo rural foi ordenando, e encomendou a seus embaixadores en Roma que xestionasen ante o pontífice de proclamar santo a Cidre santo como patrón de Madrid. Isto aconteceu en 1622 (un ano despois da morte deste rei) sendo canonizado santo polo papa Gregorio XV. En 1960 por bula de Xoán XXIII foi proclamado patrón dos agricultores españois. Antes desta data, exerceu de patrón dos agricultores de España, por ditame unitarista da dinastía dos Austrias e conveniencias do centralismo católico da época.

Isto non callou en Cataluña, dado que desde o século X os cataláns tiñan recoñecido como auténtico “patró de la pagesia catalana” a Sant Galderic (820-900), cuxa festividade celébrase en Cataluña e Occitania o 16 de outubro. As loitas que realizou Galderic na defensa dos “camperols” que cultivaban as terras estaban sometidos a constantes abusos  dos señores feudais. Elevado a santidade pola euforia popular e por imporlle varios milagres as actividades liberadoras, converteuse en patrón da labregancia de Cataluña. Co triunfo de Felipe V, na toma de barcelona o 11 de setembro de 1714, foi suplantado por San Isidro. Os bispos borbónicos en Cataluña aplicaron os decretos de imposición da Nova Planta colonial, impoñendo como patrón dos labregos cataláns ao madrileño San Isidro e prohibindo a Sant Galderic. O mesmo aconteceu con Sant Elm, patrón tradicional dos mariñeiros cataláns, sendo transferido pola Virxe do Carme. Tamén Santa Eulàlia, padroeira de Barcelona, foi trocada polo Virxe das Mercedes, dado que a resistencia dos exércitos cataláns en 1714 enarboraban o pendón e a invocación de Santa Eulàlia fronte as tropas de Felipe V. O colonialismo castelán en Cataluña, trocou, anulou e reprimiu todo o que marcaba distinción, diferenciación e autoestima..., en fin, todo ficou subordinado aos preceptos anormais e espurios do centralismo castelán. Mais Sant Galderic continúa patentado nas igrexas e recoñecido padroeiro da labregancia catalá, recuperando a súa antiga tradición.

Na Galiza o noso San Cidre labrego responde as connotacións do santo madrileño, unha impostura extraída do núcleo duro que o centralismo emitiu e controlou. Sospeitase que moi anterior á fabricación de San Cidre pola oligarquía real felipista, no século X, o conde Rodesindus Guterri, máis coñecido por San Rosendo, cuxa familia dominou diversos feudos creando territorios monásticos, con varios santos na familia, posiblemente no territorio galego houbo un santo que acaparou ser padroeiro dos labregos galegos, como apunta  Otero Pedrayo. De tódalas maneiras, San Cidre ficou no cadullo da fe dos galegos, imposto na tipoloxía das nosas igrexas, baixo o formato castelán coas súas frecuentes imposturas, cos adobíos madrileños aristocráticos dos Austrias e Borbóns. En certas xeografías galegas facíaselle festa con certa emoción e de honrar máis o oficio e labor do labrego que o persoeiro de santoral. Mais o franquismo alterou esa vocación popular de celebración e seus propios andares e faceres. A fascistiña e caciquil “Irmandade de Labradores”, era a que concibía e programaba os actos do 15 de maio. Lembro unha destas festas -sendo moi neno- no agro grande de Podente, diante da miña casa, unha exhibición de arada, que convocou a numerosas xugadas de bois e vacas que araron apresuradamente a berro vivo o inmenso agro. Un xurado avaliaba que xugada ía mais rápida e que labrego facía o rego máis dereito. Ese era o que levaba o premio, que entregaban unha copa, aqueles bigotudos señores de sombreiro negro e garabata. A miña memoria infantil aínda me remite a aquelas imaxes de xugadas revestidas de maios, con flores, ramas, cereixas e no centro do xugo bandeirolas españolas. Esta era a metáfora segregada de tantos silencios despóticos que soportou a nosa labregancia. Agora ben vemos que sen os labregos non somos ninguén.

Comentarios