Opinión

Día Internacional da Clase Proletaria

Todo comezou naquel 1º de maio de 1886 en que a clase obreira oprimida e asasinada polos excesos dun capitalismo opresor, acendeu o facho da liberdade en Chicago e súa luminosidade continúa a resplandecer en todo o universo reivindicativo da plebe. Os mortos de Chicago crearon valores de clase e un ininterrompido legado revolucionario que o proletariado soubo emancipalo e crear un clima sustentábel e dinámico de liberdade. Así frutificou conciencia e loita revolucionaria que estreleceu en tantos países asoballados. Os excluídos dos beneficios que produce o proletariado, ten no 1º de maio seu día gloria e seu invocado himno” “Arriba parias da Terra! / En pé, famélica lexión”.

Así retumba o inicio da “Internacional” ao unísono clamor deste día grande que homenaxeamos aos Mártires de Chicago. Unha epopea que está presente nos parias da idea e da conquista de transformacións sociais, que se actualiza anualmente. Cada nación ten os seus heroes e mártires. Galiza exhibe os seus no cemiterio da Coruña, nese mausoleo funerario dedicado a oito obreiros asasinados o 30 de maio de 1901, por reivindicar salarios xustos: oito horas de traballo, oito de descanso e oito dedicadas á cultura. Tamén o “Día Internacional da Muller Traballadora”, exerce na Galiza enorme repercusión o oito de marzo de cada ano. Os galegos contamos co “Día da Clase Obreira Galega”, que se celebra 10 de marzo, lembrando a memoria combativa de Amador Rey e Daniel Niebla, os dous obreiros asasinados nas folgas da Bazán, en Ferrol, asasinados o 10 de marzo de 1972.

Nestes tempos de terror capitalista e de ousado latrocinio bancario, con todas as súas forzas e vontades omnímodas, pode que nos resulte saudábel retomar o “Manifesto Comunista”. Miss Helen Macfarlane foi a tradutora ao inglés deste Manifesto de Marx e Engels, ela foi a divulgadora dun dos libros máis evidentes sobre a opresión capitalista e, tamén, un dos libros máis enigmáticos que nos descubre os procederes máis autorizados  para a liberación da clase proletaria. A versión rusa de 1882 do “Manifesto Comunista” foi traducida -caso ben curioso- polo egrexio anarquista Bakunin, con nula simpatía  polo pola estratexia e ideoloxía de Marx. Parece que en Rusia o proletariado era instintivo e Bakunin condensou o “Manifesto Comunista” polas últimas palabras do mesmo: “Proletarios de todos os países unídevos!” A imperativa unidade foi o brasón de todos os traballadores para exercer a loita de liberación de todos os traballadores do mundo. Ese exemplo está agora en receso.

Obsesivamente os limiares de Marx e Engels, en súas diversas versións sobre o “Manifesto Comunista”, sobre todo as realizadas por Engels despois da morte de Marx (1883), observamos a un Engels doído pola morte do seu camarada, pero moi activo, belixerante e implacábel cos chauvinistas da época, como manifesta na versión inglesa de 1888. As palabra de Engels anunciaban o drama actual por falta de unidade. Na actualidade a clase obreira, con seus organismos de representación, ten que estar atenta á evolución histórica da sociedade e aos cambios tecnolóxicos e aos medios de produción, suxeitos á mudanzas de envolventes estruturas capitalistas e financeiras, previsto no modelo marxista orixinario do século XIX. Os obxectivos de liberación proletaria continúan activados nas manifestacións do 1º de maio, un precedente antigo que non se desactiva pese a certas decadencias de actualidade.