domingo 05.07.2020

Desvendando a Rosalía

Os lectores galegos de Rosalía en xeral tomamos unha certa opción de ler a súa poesía en galego e esquecendo o resto da súa obra literaria escrita e castelán. Cando isto supón un grave risco de descoñecer a totalidade da súa obra que merece ser escudriñada. As súas novelas, todas elas en castelán como así os poemas: “En las orillas del Sar”, que tamén forman parte do pensamento e do ideario rosaliano. Aí tamén está revelada a marxinación de Galiza e a cidadanía que vivía miserabelmente nun país rico e con baixo índice de desenrolo. Este foi o panorama que Rosalía viviu e levou á súa obra e boa parte das experiencias do sufrimento dos seus conterráneos mais simples, que viviron a desgraza e soportaron o catastrofismo dos que desgobernaron Galiza. Ela fixo un retrato realista e existencialista das xentes do rural, dos que pelexaban co mar e cos que fuxían da fame cara as segas de Castela e para os campos de zafra en Cuba. Para ver esa Galiza en negro, no espeso lenzo de sombras, e detectar a albura da restitución, non podemos quedarnos só coa poesía en galego de Rosalía. Isto foi o que sucedeu durante decenios, silenciando unha das parcelas mais considerábeis da narrativa rosaliana que ficou despendurada de lectores virados cara a poesía en galego. Non xeneralizo, falo dun certo público moi entusiasmado coa poesía en galego da nosa autora. Toda esa literatura en castelán foi abordada e estudada por especialistas de rango galego e internacional. Por tanto, nesta dirección, houbo e hai abordaxes e investigacións de profundo calado que descobren o relevante valor e éxito da narrativa de Rosalía. Como a escritora viviu e interpretou a realidade social e nacional de Galiza. Talvez a novela, “La hija del mar”, sexa unha das maiores retrospectivas mais xenerosas que nos ofrece sobre a depredación polas que pasou a Galiza, na que Rosalía visualizou as súas xentes: “No ceo, azul crarísimo; / no chan, verdor intenso; / no fondo da alma miña, / todo sombriso e negro”. Distinguidos versos que non merecen o maior esforzo para descodificar as claves con que aclara a situación deprimente do noso país da segunda metade do século XIX.

Rosalía é un referente en alza, que nos últimos catro decenios veu sendo desvendada de certos tópicos interesados e de alcumes como “a santiña”, “a chorona”. Coa finalidade de infravalorar e facernos abdicar do verdadeiro sentido que proporciona a obra rosaliana, no que respecta ao contido social e nacional, en que se asentan tódalas orixinalidades dun país que ela detectou e esclareceu. Tamén persistiu en clarificar as degradacións que comporta a persistente colonización, que ela esclareceu en seus versos: “Pobre Galicia, non debes / chamarte nunca española, / que España de ti se olvida”... Aquí non hai choro, hai a rotundidade expresiva de dignidade. No poema: “A xusticia pola man”, tampouco aparece a coitada “santiña”, e si a muller galega insubmisa e insurreccional. Con todo ese calado de contidos que a súa obra completa representa, percibimos a autoestima do pobo galego que vén desvendando a verdadeira alma de Rosalía, a que moitos tentaran minimizar a súa figura e esterilizar a rotunda palabra acusadora e liberadora.

A presenza de Rosalía é tan enorme que por calquera cidade ou vila que paseamos de Galiza aí están eses espazos de parques, prazas, rúas e monumentos personalizados en Rosalía, símbolo de Galiza. Esta é a manifestación máis patriótica de desvendar e protexer o memorial que perpetúa a Rosalía. Falamos deses espazos urbanos que a homenaxean á nosa poeta nacional, non só na Galiza tamén noutras partes do mundo hai asociacións socio-culturais, deportivas, escolas e institutos de ensino e entidades musicais e folclóricas que multiplican e esclarecen o seu nome. A “Fundación Rosalía de Castro” en Padrón, con museo e centro de estudos rosalianos, pontificando e espallando en varias direccións, persoa e obra. Hai poucos meses que a Unión Astronómica Internacional (IAU) deulle o nome de Rosalía de Castro á estrela HD 149143, o 17 de decembro de 2019 (curiosamente, o mesmo día e mes de 1483, en que os reis católicos invadiron Galiza e eliminaron as súas institucións).

Rosalía está fixada no espazo estelar do firmamento e percorrendo o planeta nese avión noruegués, que dá nome á nosa escritora, exhibindo a súa imaxe na parte vertical traseira. E nestes días a noticia viña no BOE, en que se daba o nome oficial de Rosalía de Castro ao aeroporto de Lavacolla de Compostela, respondendo ás peticións e xestións suxeridas polo Concello compostelán, na anterior lexislatura. A personalidade de Rosalía e o seu legado conforman un enorme patrimonio que temos que conservalo, con destreza e xenerosidade. Estar en Rosalía é unha obriga de gratitude e respecto dos galegos á grande muller dos desafíos e das benquerenzas que tivo coa cidadanía da súa patria.

comentarios