Opinión

En defensa do románico rural galego

E verdade que o románico  do noso país ten moitas carencias estructurais, producto dunha desfeita que non está como prioridade na axenda administrativa, civil e eclesiástica.

E verdade que o románico  do noso país ten moitas carencias estructurais, producto dunha desfeita que non está como prioridade na axenda administrativa, civil e eclesiástica. Se facemos unha andaina polas diversas xeografías da Galiza románica, decatarémonos desas deficiencias que teñen unha linguaxe de clamor en cada unha das igrexas, onde houbo espolio e abandono. Incluso vinganza, contra esas pedras mensaxeiras e cheas de símbolos e memorias espirituais dun pasado que nos alerta nun silencio clamoroso do que debemos protexer, como é o noso patrimonio material e inmaterial que foi puntual na idade media, en pór matices e plenitudes, a perpetuidade, en tódolos presentes e futuros dunha percepción sobre os misterios do mais alá e do mais acá.

"O románico  do noso país ten moitas carencias estructurais, producto dunha desfeita que non está como prioridade na axenda administrativa, civil e eclesiástica".

Este patrimonio, en súas mais variadas manifestacións, toca defendelo con vocación de memorizar e perpetuar herdo e pertenza en todo o que emana do esforzo colectivo da nosa cultura milenaria, por expresar un enorme manancial de ideas e símbolos que conforman esa iconografía elevada nos capiteis e nas cornixas dos templos do noso rural, agora tan silenciados e, moitos deles, sumidos no abandono e na indiferencia dos que non queren investir no futuro que nos deixou o pasado. Os investimentos van dirixidos ás catedrais e mosteiros que, entre eles, suman menor volume arquitectónico que o románico rural galego, cada vez mais deficiente na súa conservación e divulgación.

Actualmente, a capacidade de visitas que se enmarcan en todo o tecido das igrexas do románico rural, podemos ver as súas marcas orixinarias decapitadas de varias iconas e, tamén, as alteracións da estructura arquitectónica que produciu o Concilio de Trento (século XVI), ao introducir as sancristías nos presbiterios, alterando este punto central do templo. Seguiulle a famosa Desamortización de Mendizábal, no primeiro tercio do século XIX, deixando en ruínas deplorábeis a tantos monumentos do noso románico rural. Nesta situación, compre insistir que unhas das torpezas que ensumiron o románico galego veu da ignorancia e menosprezo ao arte sacro de varios cregos que introduciron, nestes conxuntos románicos, elementos foráneos que alteraron numerosas estructuras arquitectónicas e elementos iconográficos, definidores desa grandeza que asistiu a tanto prodixio creativo. Neste caso, a ignorancia foi o expoñente mais claro de continuos atentados contra o patrimonio monumental dos conxuntos románicos na Galiza.

"As numerosas visitas de turistas e de persoas que procuran o espírito mais vivo da relixiosidade e da arte medieval, atópanse que os templos están pechados e que non hai a mais mínima información histórica sobre os mesmos".

As numerosas visitas de turistas e de persoas que procuran o espírito mais vivo da relixiosidade e da arte medieval, atópanse que os templos están pechados e que non hai a mais mínima información histórica sobre os mesmos. En toda esta problemática, falta vontade para endereitar ese longo desaguisado por parte de quen corresponde: bispado e patrimonio.

O próximo domingo, ás seis da tarde, a AARCC (Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada), na súa quinta edición reivindicativa, convoca un acto na igrexa románica de Pesqueiras (Chantada), antigo priorado de freitas bieitas, en demanda de accesos, iluminación das pinturas renacentistas (recentemente restauradas), sinales de información para poder chegar e descubrir unha das paraxes naturais mais radiantes do Miño, en terras chantadesas. Este altivo mosteiro románico que emerxeu como elemento ancestral dun espírito conmovido e panteísta. A igrexa de Pesqueiras, monumento nacional desde 1950, ben merece restituíla como centro de tódolos misterios que houbo e que nela aínda respiramos.           

Comentarios