Opinión

En defensa de Álvaro Cunqueiro

A Lei 52/2007-22296, mais coñecida pola Lei de Memoria Histórica, do 26 de decembro de 2007, anticipou esperanzas para miles de familias que desexaban localizar e recuperar a seus mortos, asasinados pola barbarie represiva franquista e darlles unha sepultura digna e superar o silencio administrativo de mais de corenta anos de terror. Unha Lei que ambicionaba a restitución da memoria de tantos mortos e reprimidos que loitaron pola liberdade, a democracia e a República. Unha Lei que prometía restaurar a memoria dos mortos e viuse, en pouco tempo, depreciada polas institucións da dereita que trataron de derribala con recursos a seu alcance, negando a vixencia que lexitimaba recuperar esa memoria. Todos sabemos que a Lei de Memoria Histórica foi aliñada por intereses políticos, e sobre ela enaltecéronse tales desaguisados para continuar na desmemoria. Non debemos permitir os vellos códigos de vexación e outras componendas de manipular a verdade do ofendido e negar o seu legado de liberdade.

A quen non ofenden símbolos que proclamaron xenocidio, ou estatuas de persoeiros bélicos e caudillistas, como aquela que se exhibía na Coruña, dun tal militar “de cuyo nombre no quiero acordarme”, mais non esquecemos a súa diatriba: “Viva la muerte, muera la inteligencia”. Nesta dirección, hai suficiente infamia para que non imitemos o exemplo dos “bos e xenerosos”. Nesta situación, debemos de ser capaces de valorar a implicación que hai nun contexto de guerra civil: os que a fan, os obrigados a facela, os achegados por intereses persoais, os que a consenten e os que se adiren por temores ou medos.

Neste ventallo de apropiacións non podemos simplificar nin cortar polo mesmo tallo a todos por igual

Neste ventallo de apropiacións non podemos simplificar nin cortar polo mesmo tallo a todos por igual. Actualmente, estamos asistindo ao tótum revolútum do que está enfrascado o Concello de Madrid, con esa idea disparatada de escachar con todos aqueles dos que se teñen indicios de colaborar co réxime, sen valorar a certos individuos adheridos ao totalitarismo do réxime, sen admitir o grado de participación, depredación ou morte. Entón estamos falando doutra cousa, doutro delito, tal vez moral. Ese longo inventario en que aparecen sinalados persoeiros adheridos, ou adulóns da ditadura, de reducido escenario político ou bélico e, talvez, seducidos por medos ou incoherencias persoais, sexan postos na palestra dos vilipendios, non é xusto. Este pode ser o caso de Álvaro Cunqueiro, un falanxista arrepentido, como tantos outros, o caso de Unamuno ou Ridruejo. E xa neste labirinto, a confusión é de tal grado que nada aporta a esclarecer realidades magoantes. Sacando o nome de Cunqueiro dunha rúa madrileña ou dun espazo público de calquera outra poboación, non só escarnece a este universal autor galego, senón ao lector de bo gusto literario que é capaz de non mesturar unha obra prima coa persoa que a executou.

Este pode ser o caso de Álvaro Cunqueiro, un falanxista arrepentido, como tantos outros, o caso de Unamuno ou Ridruejo

Un concello como o de Madrid non pode actuar á lixeira encargándolle a un reducionista que se acolle a argumentos de baixo calculo para marcar a persoas que non foron os garantes en perpetuar o franquismo, como no caso de Álvaro Cunqueiro. Houbo outros que se ofreceron a indicar aos axentes represivos onde había persoas agachadas como foi o caso de Camilo José Cela, que non sae nesas quinielas de ser eliminado o seu nome do rueiro madrileño. Non foi o caso de Cunqueiro, que pola súa inxenuidade ou cuestión de idade (cando se encetou a guerra civil, Cunqueiro aínda non tiña cumprido vinte e cinco anos), adheriuse aos golpistas. Neste caso, resúltanos incomprensíbel que un creador e fabulador da estirpe de Álvaro Cunqueiro que universalizou a nosa literatura, en seu grado de lealdade ao idioma galego, estea na lista dos depurados. Desgraciadamente os agravios aos galegos continúan vindo de Madrid. Se en Madrid van os deputados de Mareas, algo importante deben de preguntar e, tamén, evitar sobre esta persecución. Trátase dunha cuestión de honor facerse respectar cando se agrede a un dos maiores escritores do século XX. Un autor que revolucionou a nosa poesía, partindo do neotrobadorismo, o teatro, a narrativa, o ensaios, a crítica e o xornalismo non foron cuestións alleas ao ritmo acelerado da súa inmensa creatividade. Todo este patrimonio cultural e literario emerxeu do seu amor a lingua, manifestando a súa idílica defensa pola patria galega: “Eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, da patria que son a terra e os mortos, haxa estoutra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: "Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis".

Álvaro Cunqueiro, alén de aqueles anos mozos de tantas turbulencias ingratas, reconciliouse coa realidade e na súa amizade estiveron os grandes represaliados como D. Ramón Otero Pedrayo ou perseguidos, como Francisco Fernández del Riego, a quen dedicou a súa obra: “As crónicas do Sochantre”. Ante esta persecución desde Madrid, debemos expresar a nosa dignidade, dignificando a un autor clave nos respiros da vangarda literaria galega que harmonizou expresivas formas e modos estilísticos. Neste caso, non debemos contribuír a minifundios inculturais que salpiquen dúbidas sobre un enorme creador que emancipou as nosas letras.

Se en Madrid van os deputados de Mareas, algo importante deben de preguntar e, tamén, evitar sobre esta persecución

Polo que nos toca aos galegos, a Memoria Histórica é irrenunciábel para restituír o honor e un lugar de descanso final, que corresponda honrar aos nosos mortos, asasinados e esquecidos nas cunetas e campos ermos. Sen a recuperación da Memoria Histórica non hai posibilidade de abrir fenda para superar tanta angustia acumulada, polas reticencias dunha administración virada de costas aos que aspiran a esclarecer a verdade, para que a infamia e a vileza dos ditadores deixe de ter mais secuelas.

Comentarios