martes 30/11/21

Darío Xohán Cabana, a súa voz en facho luminoso

“A morte non é certo!”, dixo o poeta do Courel, mais as sorpresas son ben evidentes nas vertixes da vida, cando as noticias producen unha desvariada e insólita pregunta: por qué? Mais é difícil pasar páxina a unha vida tan eficaz e rendíbel en tantas  estimas e direccións que Darío Xohán Cabana amigou e esclareceu con tantos estímulos para que Galiza florecese en seus entusiasmos. Estou seguro que o fantasma da morte nunca poderá apagar ese candeeiro de vida iluminada que en cada reencontro vemos seus resplandores de dignidade, por unha Galiza liberta e de seu, mentres a súa creación literaria badalea no espertar dos sentimentos galegos, con intensa intimidade de revolta. Esta foi a pegada necesaria que realizou Darío, fecundo exemplo para seguilo en tantas emocións que el realizou en súa fortuna de benquerenzas.

A súa creación literaria merece ser gardada ben acochadiña no memorando dos rexos sentimentos galegos, ou no caixa da mesa de escritorio, como facía Salvador Espriu co poemario de Darío Xohán Cabana: “Romanceiro da Terra Chá” (1973), que o poeta catalán mostroume naquel verao de 1974, no seu despacho de avogados no Passeig de Gràcia de Barcelona. Unha enorme sorpresa, ao abrir a gabeta e mostrarme este libro e lerme un dos poemas, do seu gusto e prioridade, ademais de advertirme da súa premonición, sinalando: “Non perda de vista a creación poética de Darío Xohán, que será un dos grandes das letras galegas e non deixe de ler a Pere Ginferrer outra promesa da literatura catalá que compre estar atento a eles. Coio que son dous futuribles avantaxados na literatura galega e catalá dos que se falará excelencias”. Moito máis tarde conteillo a Darío e díxome que era sabedor desa opinión e que mantivo unha curta correspondencia con Espriu.

Ao escritor chairego de Roás debemos moitos agradecementos pola sólida aportación creativa e polos seus diversos eidos literarios que conforman o amplo legado de publicacións. Ademais a súa ardua e teimosa tarefa de tradutor de autores universais para o galego, non deixa de ser un tema de enorme importancia para os lectores galegos. Esa triloxía clásica que el traduciu ao noso idioma. Áticas obras que florecen na nosa fala: a “Comedia” de Dante, o “Cancioneiro” de Petrarca e os “Trobadores de Occitania”. Vocación e empeño que forneceron as prioridades de Darío Xohán Cabana, nas súas achegas ao grande monumento universal dos dous preponderantes autores italianos e da gran escola de trobadores occitanos-provenzais-cataláns.

De trobadores e goliardos cataláns, Darío estaba moi nutrido de información e formación, era un apaixonado de falar de tantas expresivas manifestacións da escola de trobadores e goliardos cataláns da Idade Media. Moitas das veces que eu ía a Lugo, Darío agradecía que os meus cotobelos batesen no vidro da súa oficina de publicacións, na planta baixa do Concello de Lugo. Lembro o seu aceno, coller o gabán e algunhas publicacións para entregarme. Íamos a un café preto da libraría “La Voz de la Verdad”, na rúa Bispo Aguirre.  Baixábamos á esquerda da Praza Maior, ao lado da fila de bustos escultóricos de escritores galegos, comezando polo do admirado Manuel María e rematando no de Uxío Novoneyra, ao lado da porta Bispo Aguirre. Era un encanto escoitar o seu entusiasmo cando falaba dos trobadores cataláns, dos que era un notábel versado. Estou seguro que nestes momentos de saudosa presenza, Darío Xohán Cabana continuará sendo un referente nos sentimentos e lembranzas dos que o trataron e leron a súa potente creación literaria.       

Darío Xohán Cabana, a súa voz en facho luminoso
comentarios