Opinión

Dante e o 'Dolce Stil Nuovo'

O universo literario, humanista, teolóxico, filosófico e esotérico, conmemora o pasamento de Dante Alhigieri (Florencia, 29 de maio de 1265-Rávena, 14 de setembro de 1321). Setecentos anos de continuada memoria e procura, predominan na rebusca continua das magnificencias da “Divina Comedia” e de “Vita Nuova”, gloria e permanencia vital do incontestábel poeta universal en súa irreversíbel apertura do “Dolce stil nuovo”, definición que o propio Dante expresa en “Purgatorio”, XXIV, 57: “di qua dal dolce stil nuovo ch’i’ odo!” Imponse o novo estilo derivado e superando as tendencias trobadorescas da época. Neste renacer de estilo, conflúen Dante Alhigieri, Guido Cabaltanti, Guittone de Arezzo, Guido Guinicelli e Bruneto Latino. Con este último, Dante concorreu con destacada admiración no temario de amor purificado e purificador. Dante tivo uns comezos na chamaba poesía italiana culta, de aquí xurde o insólito e ínclito intelectual florentino que marcou unha innovada época literaria, xuntamente cos mencionados escritores. En Dante está presente a tradición da poesía clásica latina: Estacio, Horacio, Lucano. Ovidio e Virxilio, a este último o converte en protagonista e guía da “Divina Comedia”. 

A defensa polo “Dolce stil nuovo” que encarnou Dante, propiciou a protección da lingua vulgar fronte ao latín, como podemos ver no seu tratado: “De Vulgari Eloquentia”, amosa a necesidade de protexer a lingua vulgar italiana, converténdose nun clásico reivindicativo fronte o poder e imposición do latín, como lingua normalizada e protexida pola nobreza e, sobre todo, pola Igrexa, interesada en preservar o statu quo, rango imperial do cal foi herdeira a institución eclesiástica. Fronte a este poder do latín, Dante procurou erguer elocuente conciencia do legado vulgar a un status preponderante. O portentoso nivel con que Dante presta atención a elevar o italiano como lingua normalizada, aporta variados argumentos filosóficos que mostra en “De Vulgari Eloquentia” un resultado dinámico e estrutural que clarifica a evolución do “Dolce stil nuovo”.

Dicía Jorge Luis Borges que a “Divina Comedia” había que lela “con fe poética” para  comprender a eses seres benévolos e caóticos, desde unha dirección teolóxica e filosófica sen esquecer os dons poéticos. Nesta viaxe de Dante ao caos infernal visitado, onde coloca a papas do seu tempo, como Bonifacio VIII, Clemente V e Nicolás III. Non sempre a viaxe imaxinaria propicia esa cosmovisión onde os rexos e crús mandatarios da Igrexa, como os papas mencionados, fican na “Divina Comedia” exentos de ser eximidos de súas crueldades, colocándoos mesmo no inferno. Que proceda isto dun guelfo branco, como Dante, adepto das liberdades comunais e mesmo do papado máis benévolo, resúltanos interesante esta cuestión, como deducen os seus críticos e especialistas do seu libro esencial, encontrarse nunha “selva escura” de contraste político e relixioso da época.

Quen non lea a “Divina Comedia”, a “Biblia” e o “Tao Te King”, os tres grandes libros supostamente mais lidos do universo, estará noutro horizonte ben adverso a unha sensibilidade que nos descubra a nós mesmos. Estes tres libros máis publicados en todas as linguas, chegaron ben tarde a ser traducidos ao idioma galego. A “Divina Comedia” chegounos nunha edición de Darío Xohán Cabana en 1990. E con “nova tradución” e notas de Cabana, publicada por Edicións da Curuxa. A coruña (2014). Unha suculenta edición que presenta a grandeza do noso idioma, como menciona José María Micó, un dos especialistas de Dante: “La versión gallega de Darío Xohan Cabana, por ejemplo, es en sí misma una operación de una lengua moderna al confrontarse con un gran clásico, como en cierto modo sucedió en catalán con la traducción de Josep M. de Sagarra”. Neste sétimo centenario do pasamento de Dante Alhigieri interesa confirmarnos e descubrirnos na poesía, nos recatos do inferno ou do paraíso, en tais frecuencias enigmáticas atoparemos os respiros de Dante.    

Comentarios