domingo 05.07.2020

As confidencias de Castelao e Néstor Rego

Na apertura da XIV lexislatura do Parlamento español, entre as barulleiras de prometes e xuros, albiscouse en algúns deputados singulares e de emotivas proclamas que evidenciaron ser e estar integrados na voz dos devanceiros e permanecer no calculado desafío contra os agravios históricos que aínda pesan sobre os pobos nacionais do Estado español. De súbito fixo acto de presenza Castelao, da mao e da vontade do deputado do BNG, Néstor Rego, esgrimindo e elevando en puño erguido o “Sempre en Galiza”, da autoría do deputado da II República polo Partido Galeguista. Rego prometeu por imperativo legal ser compromisario en “defender Galiza”, e no seu voto escribiu: “Sempre por Galiza”. Non sabemos se moitas das súas señorías precisaran que o libro que empuñaba e erguía o deputado era o maior relato de providencias, agravios e de tódalas liberdades que ten pendente Galiza por conquistar. Decateime que nesa conxura estaba mesmo alí Castelao, no mesmo sitial onde estaba Néstor Rego, e que anteriormente tiña ocupado e pronunciado seus discursos defensivos.

Coido que moitos sentimos unha irrefreábel emoción nos xestos do deputado do Bloque e da indomábel conspiración de Castelao e de Rego, a memoria do pasado non lonxincuo e o presente mais activo arredando descubertas. Memoria e acción de maos dadas, de dous conspiradores contra a marxinación de Galiza. A antiga e a nova aspiración evocadas á conquista das nosas liberdades. Mentres algúns extremados da dereita, de fácil burla depredadora, coidaban que os apelos, os xestos e as palabras do noso deputado formaban parte dunha folclórica exhibición dos que eles chaman minoritarios ou simplistas. Estes son os que miran en dirección única e altiva cara as pesadas e estáticas estatuas dos catolicísimos Isabel e Fernando, que presiden o centro do hemiciclo parlamentario. Os que practicaron o despotismo contra os diferentes: os outros. Que aínda soportan as súas flaxelacións as nacións ibéricas. Dúas esveltas figuras rodeadas de devotos (dous grandes devastadores da diversidade. Dúas divindades sacras que reciben acenos de reverencia; o tótem dos fachas e dos de pensamento único. Os que tanto aborrecen o que simboliza e manifesta ese extenso poliedro da diversidade.

Neses xestos de Néstor Rego, moitos presentimos a presenza de Castelao, transfigurado no seu “Sempre en Galiza”, emitindo a súa mensaxe que resoaba dentro e fora da cámara. Percibida por previdos admiradores de Castelao que se mergullan na súa obra. Nesa mensaxe, sinalábase ás marmóreas maxestades, tan admiradas e rescatadas polos que desprezan as liberdades democráticas. Oímoslle dicir con firmeza a Castelao, o texto que eñ<escrebiu no seu “Sempre en Galiza”: “No retablo presidencial das Cortes constituíntes a figura de Besteiro [Julián Besteiro, presidente do Parlamento da II República] estaba disminuída pol-a presencia dos Reis Católicos (dous grandes pantasmas de mármore, entrometéndose na vida da República, como a serpente do Paradiso). Pero ademais aquel Salón de Sesións tiña madre centralista. Esto abonda para explicar a mudanza dos deputados, que predicaban o federalismo antes de vir a República e logo maldecían os estatutos”. Dúas inmensas pezas idolátricas que continúan reservadas e protexidas para provocar e intimidar aos que procuran cambios no escenario político e xeográfico. Esa metáfora, ben tecida e ben entendida, no que respecta ao formato democrático predominante no Estado español, non deixa de convidarnos a unha lectura profunda sobre estes símbolos que nin a II República nin a democracia actual non lle procuraron outros retiros a estes dous gurús, porque aínda a maioría de súas señorías respiran o cheiroso bafo do pasado totalitario e unitario.

O presentimento levounos a esas gratas posturas dos dous deputados en virar as costas cara esas estatuas dos que invadiron e privaron de liberdade a Galiza en 1483. Mais os seus secuaces admiradores aínda cabalgan por territorio arrasado, coidando que os vencidos beltranexos galegos foran derrotados. Pese a facerse notar as credenciais daquel proceso da “doma y castración de Galicia” que con tanto eco de admiración escribiu Zurita, o leal cronista dos reis católicos, continuamos en pé como no poema de Ramón Cabanillas. O virar de costas de Rego e Castelao poñen en desuso ese símbolo do escurantismo de criminosos triunfos impostos no noso país, que provocaron ese silencio contido dos chamados séculos escuros, protagonizados por monarquías que representan as atrocidades do poder absoluto e a corrupción das dinastías trastámaras, austrias e borbóns. Virarlle a costa á monarquía é un acto que invoca á popularísima apoloxía nacionalista, á cal tódolos pobos aspiran a ser eles mesmos en liberdade. Aínda que a barca estea desprotexida aínda navegamos a contra corrente por mar erguido. Hai que remar, aínda que o remo non teña pa hai que inventar a solidez do bo remar. E niso estivo Castelao e Néstor Rego continúa seu exemplo emancipador, desafiando aos reis católicos e a seus pantasmas.

As actuais mudanzas globais, tan controvertidas e temerarias, aceleran o seu dominio desestabilizando as nacións sen Estado e aínda con Estado, no esencial que nos personifica como entidade nacional. Na Galiza estase producindo, talvez, un tempo novo no que se invoca a soberanía política como vehículo condutor de crear propostas, tal como o guieiro Castelao manifestou. “...petar na alma do noso povo ate conquerir un estado de opinión revolucionario”. As revolucións que constrúe a palabra son mais efectivas e sólidas que o que destrúen os calasnicof. Serán as palabras en súas propostas as que procuren nación, sociedade, pluralismo, debate xeneral. Estas son as vías que nos negaron exercer mais foron reconquistadas en parte. Pese ao que nos desgobernan, eses que desmantelan a sanidade, a educación e mutilan o noso idioma e a nosa cultura, non estamos á deriva. Se aínda os tempos no son chegados, a esperanza abre resplandores esfiañando as negras sombras autoritarias. A palabra esgrevia da nosa tradición e a que na actualidade debemos practicar, proclamando esperanza e certeza, manifestando que o noso futuro está en conquista.

As confidencias de Castelao e Néstor Rego
comentarios