Opinión

Claudio Eliano e os bichos que eu tiven

Que mellor refuxio que o libro de Claudio Eliano: “Historia dos animais”, cando un carece de compañías tan severas e capaces de ilustrarnos en rigorosa empatía animal que tantas veces superan os sentimentos dos humanos. Nesta ausencia, un recorre a un manual de animalario ou a un documental televisivo para simplificar continuos aportes con que nos beneficia a diversidade da fauna, que tantas veces aportan fecunda pedagoxía para non perder de vista que ilustran aos humanos, para disuadir a proclama de sentirnos superiores a eles. En definitiva, o somos cando empregamos a violencia contra eles.

O pensamento lévame a aqueles anos da miña nenez, cando había na miña casa de pobres, bichería miúda e de cortello: porcos, ovellas, cabras, galiñas, coellos e, aínda, a cadela Turca e o gato Petigrís. De cada unha destas especies garda a miña memoria convivencias e moi poucos desencontros. Doe cando tes que sacrificar ese porco que conviviu con un, salgalo, afumalo, cocelo e devoralo en frívolos festíns. Deles nada fica para memorizar as súas convivencias e amabilidades que os animais teñen cos humanos. Demasiada crueldade cando o tes na mesa como mantenza do bandullo e non do espírito. Ou a ovella que nos ofrenda a súa la para vestirnos, e a cabra darnos diversos láteos. Non falo da vaca porque non tiven, era pobre! E os pobres non tiñan gando maior como tiñan os “ricos”.

As ausencias dese bestiario miúdo remoen o esófago cando pensas neles. Mais un sempre ten un recoñecemento no rigor científico de Aristóteles que nos recompensa co eterno bestiario, tan extensivo en fantasías do imaxinario e da fabulística que ficou gravada nos pórticos e cornixas románicas, onde cada animal ten a súa linguaxe e con eles compartimos xenética, sen decatarnos delo. Por isto alédome de algo que nos estaba a faltar, como era a lei de protección animal, de seguro que virá a pó orde e normalizar o respecto e os coidados que merecen estes seres vivos tan fantásticos e misteriosos e, tamén, tan degradados e depredados. Os bichiños que Claudio Eliano clasificou e afiliou para a sustentación da cadea medioambiental na que a vida animal aporta tantos beneficios. Cando teñamos conciencia da función que ocupan dos animais, en seus diversos espazos, teremos vencido unha das anomalías máis graves da humanidade que con urxencia temos que corrixir as nosas conductas con relación a protección animal, alén da letra que dite a lei.