Opinión

O ciclo de Nadal en tres tempos

O Nadal resúltanos un clásico na rutina dunha celebración que xa moi poucos a perciben, no sentido iniciático e espiritual, como conmemoración da suposta data de nacemento de Xesús de Nazaret. A Igrexa Católica cedeu e concedeu parte deste legado sacralizado e festivo a un mercantilismo devorador. Grande parte da mensaxe humilde que o cristianismo patrístico patentou como un dos grandes acontecementos históricos da humanidade, o nacemento dun Salvador universal.

Tanto a mensaxe como a súa  ritualidade convertéronse en mercadoría. A tradición conmemorativa e apoteótica deste acontecemento, transvasouse a un pernicioso consumismo: ese novo templo onde as diversas e inadecuadas mercadorías atrapan e explotan a unha grande masa que merca o que non precisa nin  consume. Tiña razón José Saramago ao confirmar esa ritualidade, áspera e perigosa do ordinario templo dos grandes espazos comerciais onde predomina a idolatría consumista. Atraendo a un xentío con mensaxes de fácil percorrido e atrapado por unha anónima riqueza de individualizados poderosos.

O histórico nacemento do neno-Deus, está sendo descodificado da súa verdadeira tradición devocional,  concorrendo a masificados templos comerciais de opresión, onde o natalicio dun Liberador convérteno en oprobio e esquecemento.

Neste ciclo epifánico que comeza co santoral dos inocentes e péchase coa ofrenda dos reis máxicos, marcado polo tempo de Advento. Até un chega a crer na santidade infalíbel dos inocentes, en todas as secuencias e dimensións. Quero pensar que a inocencia representa a verdade máis severa e contundente de ver a vida, tan núa e tan cruel. Non sei se os inocentes teñen a suficiente enteireza espiritual de dixerir tantos milleiros de santos. En todo caso merecen estar no retablo de latentes e herméticos corazóns sapienciais. Non estou seguro que o tema dos “Santos inocentes” deixe de ter interese. Coido que hai un sentimento de inocencia que vai alén de especulacións haxiográficas, do que o catolicismo considerou e teceu aqueles relampos bíblicos, que con audacia creou un  vitimario que ao longo de dous mil anos foise recollendo e ampliando na literatura e nas artes. De todas esas marabillas visuais que representa o tráxico da degolación de inocentes, captamos a turbulencia máis despótica e xerárquica dun crime de Estado, que por ser o asasinato de nenos inocentes aumenta a perturbación e mesmo o odio contra os poderes que se amparan nas execucións.

Cando observo os espléndidos murais de estilo gótico da catedral de Mondoñedo, onde se desenvolve un sobresaínte relato evanxélico que enfatiza o infanticidio ordenado por Herodes. Ante eses frescos, un pensa nos numerosos crimes de Estado contra millóns de inocentes. Estas sinistras imaxes pode que nos serva de coartada para asumir de que todos somos santos inocentes e aptos para a guillotina.

Visualizando a abundante iconográfica románica na que contemplamos marcas do tempo epifánico,  e dos elocuentes tránsitos dun nacemento tan peculiar como prodixioso, senón tamén -en menor medida- a noite de San Silvestre (31 de decembro), que marca a mudanza de calendas que se proxecta nesa escenificada cabeza bicéfala, representando a caducidade dos doce meses do ano, nesa testa declinada e minguada. Mentres que a outra cabeza que enceta o novo ano, móstrase altiva e leda por iniciar renovadas andainas o 1 de xaneiro. Na igrexa románica de Augas Santas (Pantón), no arco presbiteral está a figura mitolóxica do deus Xano, ou o das dúas portas, da que se pecha e da que se abre. O desta arcada, mantén unha cabeza sobreposta á outra.

A secuencia  manifesta un rostro efémero e decadente e outro vigoroso. Nestes tránsitos do tempo, espazo e número metafísicos, nas concepcións dos pitagóricos, recoñecemos o santo e sinal: marca existencial  que a cabeza bicéfala de Xano insinúase en varias metáforas de que “todo ten o seu tempo”. Ese tempo en tránsito que o poeta Luís de Camões interpretou nestes versos: “Mudan-se os tempos, mudan-se as vontades, / Muda-se o ser, muda-se a confianza; / Todo o mundo é composto e mudança, / Tomando sempre novas qualidades”.