Opinión

Cataluña e o bater do mazo xudicial

En Cataluña xa non axusta o bater do mazo xudicial proclamando sentencia, desde as instancias supremas mais severas con sede na capital do reino. Reiterados procesos ao patriotismo, rexionalismo, nacionalismo e independentismo, desde os albores ditatoriais borbónicos impostos por Felipe V, desde 1714, non decreceron. A pirámide patriótica catalá maniféstase sólida e resistente, para non demorar procesos que consolida a súa conciencia identitaria. A longa historia das reivindicacións democráticas e pola liberdade de Cataluña vai no ADN dos cataláns e de milleiros daqueles que se apelidan Pérez, Martínez, Gómez ou García, etc. Se isto non se percibe como desafío, enténdase como rúbrica que constata a severidade dos procesos de emancipación que os cataláns colocaron na súa historia, na que os foráneos están englobados e non marxinados. A estas alturas isto trátase de ignora nos medios políticos e xudiciais de Madrid. Para os ben centrados no nacionalismo español todo o que chega da periferia é anatema.

O mes de outubro en Cataluña podemos cualificalo como o mes dos agravios e das intervencións estatais contra o patriotismo reivindicativo. Observemos aquel seis de outubro de 1934, en que foi encarcerado o presidente da Generalitat, Lluís Companys. Neste mesmo mes de 1937 (en plena guerra civil) Companys enfróntase ao goberno de Negrín, con residencia en Barcelona, por recortarlle competencias. O 15 de outubro de 1940, Companys foi fusilado na fortaleza militar de Montjuïc. O 1 de outubro de 2017, o goberno central prohibe votar e provoca un desenlace represivo. Ninguén ignora en todo o mundo a realidade represiva desa data. O 27 de outubro, do referido ano, o goberno de Rajoy aplica o artigo 155, suspendendo a autonomía catalá por un período de dous meses. Nun día destes do actual outubro, producirase a sentencia contra os políticos do Procés, que virá a sumarse aos acontecementos negativos que cuantifica o mes de outubro en Cataluña. De todas estas datas nefastas, non estou seguro que o poder da xustiza ignore este mes para engadir suma á humillación constatada contra o pobo que se manifestou pacificamente. Non quero pensalo, mais moitos cataláns insisten de que hai un plan de humillación e que a escolla do mes de outubro para pronunciar o veredicto non é algo casual.

Ante o veredicto do xuízo, que en escasos día sairá á luz, a sociedade catalá manterá a súa emoción contida, mais en destaque, porque sabe que o verdadeiro xuízo será o que fagan os tribunais europeos

Un plan nada inocente na escolla dun mes de contrariedades, para que os cataláns non insistan en seus plans ante penas rigorosas que se predín contra os procesados. A estas alturas ninguén é capaz de crer que o movemento independentista vaia sucumbir ou claudicar a un proxecto de apoio multitudinario ás protestas e reivindicacións que se producen en Cataluña. Ninguén ignora que este movemento operativo, de fai décadas, soportou penas mais rigorosas que as que pode impor o Tribunal Supremo, proximamente. As penas previstas, foron superadas por múltiples fusilamentos na época da “Lei de Fugas” na década de 1920, nos procesos da guerra civil e durante as consabidas represión de corenta anos de fascismo, con mortos independentistas no perfil da traxedia. Se todo este mortífero drama non foi eficaz para o ultra patriotismo español en todo o que se propoñían, como poden persuadir ou escorrentar para que os cataláns rexeiten do proceso e deixen de acrecentar na verdadeira liberdade democrática ou renunciar á autodeterminación dos pobos.

Mais o problema adquirido deste proceso, manifestado durante o longo xuízo, presidido polo xuíz Marchena, manifestou desde o inicio as súas controversias cando o tribuno e os fiscais perpetraron en algo que non é usual na xurisprudencia internacional, considerar os feitos do primeiro de outubro como golpe de Estado, como mantiveron os acusadores. Neses feitos non houbo armas para que se valore un golpe de Estado. Claro que a instrución do xuíz Pablo Llarenas perfilou un aventurado oco de contradicións que para os observadores da xurisprudencia internacional non se manteñen na orde xurídica, no que respecta ao tan propagado golpe de Estado. Nesta mesma dirección, o avogado de Oriol Junqueras, Andreu Van den Eynde, escudriñou un avultado volume de contradicións, que realmente puxeron en alerta aos observadores internacionais -xuristas de recoñecida solvencia- como o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo que non ignoran a vinculación de Marchena ao PP. As mensaxes de Cosidó a este xuíz, reflexan esa inmersión de algúns maxistrados considerados conservadores como o caso de Marchena. Casos tan polémicos e contraditorios do Tribunal Supremo, como a decisión adoptada por este organismo xudicial que os gastos do rexistro da propiedade de contratos hipotecarios tiñan que correr a cargo dos bancos, determinando a súa  devolución aos hipotecados. A misteriosa mobilización bancaria, en súa dimensión fática, conseguiu que o Tribunal Supremo retroceda en súa decisión, e procedeu en deixar o tema como estaba. Foi tal o desconcerto na cidadanía, non só no Estado español, que deixou ao descuberto a interdependencia da xudicatura con certos partidos políticos e intereses financeiros. Que Marchena fose designado presidente do tribunal que xulga aos presos políticos cataláns, acusados de rebelión, sedición e malversación de fondos, propiciou non poucos dúbidas sobre o mais elemental dun estado de dereito. Ante estes desfases,  prestixiosos xuristas internacionais e medio millar de constitucionalistas españois non daban creto a inauditas incoherencias. Ademais, o tema da prisión preventiva que dura dous anos, abriu a sospeita dun suposto contubernio, que trata dun castigo moi pouco usual para quen nos mira desde varios lugares do planeta. Por tanto, desde onde se mire o problema, o conflito catalán esta internacionalizado e observado con lupa.

Ante o veredicto do xuízo, que en escasos día sairá á luz, a sociedade catalá manterá a súa emoción contida, mais en destaque, porque sabe que o verdadeiro xuízo será o que fagan os tribunais europeos, como o Tribunal de Xustiza da Unión Europea, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos e outros tribunos internacionais. Aos que haberá recursos de apelacións, xa anunciados por parte da defensa de tódolos acusados, que abrirá un contencioso contra certos deslices da acusación. O independentismo catalá veu denunciando, en non poucos debates do día a día da evolución do xuízo, posturas inmobilistas e favoritismos a quen acusaba dunha maneira suspicaz. A sociedade catalá sempre se destacou por manterse na pluralidade democrática e no pragmatismo crítico e asistida por valores humanistas e existencialistas. Nesta dirección temos que enmarcar as súas emocións colectivas, ante desafíos como os que se prevén deste xuízo. A pesar de todo, Cataluña eppur si muove.       

Comentarios