Opinión

Castelao: no inquebrantábel encanto de ser nacionalista

Xaneiro singularízase por ser o mes de Castelao, nel naceu e finou. As reverencias, as lembranzas e os honores multiplícanse, recoñecendo ao pensador e patriota de tódalas Galizas posíbeis.

Xaneiro singularízase por ser o mes de Castelao, nel naceu e finou. As reverencias, as lembranzas e os honores multiplícanse, recoñecendo ao pensador e patriota de tódalas Galizas posíbeis. Presentimos que no resto do ano decaen os ritmos evocadores e de procurar enerxía que aínda mana da obra de Castelao. Compre involucrarse no tecido patriótico que nos legou Castelao e na teimosa paixón de colocar a Galiza no lugar que merece e aínda non ten, dunha maneira pragmática e dialéctica. Castelao mostrounos vías de liberdade, albores de cambios sociais para restituír os atributos nacionais de Galiza.

"A autoestima que promoveu Castelao foi unha dose de alento patriótico que non soubemos captar ou pór en practica para solucionar graves problemas de tipo nacional e existencial". 

A autoestima que promoveu Castelao foi unha dose de alento patriótico que non soubemos captar ou pór en practica para solucionar graves problemas de tipo nacional e existencial. A autoestima colectiva non tivo unha conxuntura ideal na definición ideolóxica do “Sempre en Galiza”. Un libro moi lido e pouco asumido no que respecta aos diversos procesos históricos do pobo galego. Un ideario emerxente nun espazo dominado polas contradicións. Castelao considerou que os problemas económicos e sociais de Galiza teñen  características moi particulares e determinadas no canon colonialista. 

É grave para un país cando esquece ou perde o interese polo proceso histórico, esquecendo conceptos tan ilustrativos como a “doma e castración de Galiza”, fielmente exposto por Zurita. Para Castelao foi un termo clave para medir os tempos dese longo e obstinado proceso dexenerativo que atentou contra os atributos nacionais. Nesta dirección, as seguintes palabras de Castelao definen a vontade dos galegos fronte o problema colonial: “Galiza soio merecerá respeto cando abandonemos a nosa mansedume, despois de saber o que fomos, o que deixamos de ser e o que seríamos con vida independente”.

O proceso de dignificación de Galiza, fronte a alienación colonial practicada desde Isabel I de Castela até a actualidade, faltoulle  convicción, autoestima e, sobre todo, superar as  fragmentacións para estimular un combate de ideas fronte intereses alleos e perversos.  Neste caso, Castelao foi explícito: “O home que dubida e teme no intre de realizar o ideal que predicou e non ten coraxe para manterse no seu posto de perigo, ou é un farsante ou é un coitadiño”.

"O seu pensamento ten vixencia para fornecer e ampliar unha ideoloxía capaz de superar as precariedades que aflixen ao nacionalismo de hoxe". 

Nese longo camiño de inquebrantábel encanto de ser nacionalista e na esperanza de reconstruír o noso país, a presenza de Castelao é intemporal. O seu pensamento ten vixencia para fornecer e ampliar unha ideoloxía capaz de superar as precariedades que aflixen ao nacionalismo de hoxe. Castelao orientounos cara programas redencionais, e isto callou nun amplo ventallo da cidadanía galega, por iso a renuncia faise imposíbel. 

Castelao non é un tótem idolátrico para o nacionalismo, felizmente, se así fora sería fosilizar e converter o seu ideario en letra morta. Na súa obra non se afirman verdades absolutas, apórtanse recursos dialécticos, froito dun pensamento amplísimo e posto ao servizo do renacer ideolóxico galego, que se constata no seu “Sempre en Galiza”. Un libro sen explorar por moitos galegos e alleado polos políticos que tentan ignorar os problemas específicos de Galiza. 

"Na súa obra non se afirman verdades absolutas, apórtanse recursos dialécticos, froito dun pensamento amplísimo e posto ao servizo do renacer ideolóxico galego”. 

Hai que volver ao herdo e á memoria, ao amplo sentimento que Castelao nos deixou como legado. Hai que volver ao rego e coñecer a orde de prioridades que el puntualizou. Non todos os nacionalistas escudriñaron o verbo de Castelao para fundamentarse nunha ideoloxía sólida e profundizar nas diversas problemáticas do noso país. Non todos os nacionalistas son capaces de facer autocrítica, antes de facer critica para avanzar como o rianxeiro nos demandou. É preciso retomar o pensamento de Castelao para evitar moitos desordes e fatídicas frustración que acosan a Galiza. Urxe o reencontro no pensamento de Castelao, cos que nos parecen menos bos e menos xenerosos, é unha esixencia cívica e de dignidade a ter en conta e, tamén, un deber solidario para consolidar a nosa vocación de resistencia e de amor cara o noso país.

Cumpríronse sesenta e cinco anos do pasamento de Castelao e un pensa naqueles saudosos anos de mocidade, de reivindicacións e de loitas de 1975, ano en que se homenaxeou ao noso guieiro, nos vinte e cinco anos da súa morte. A incontinencia das homenaxes, o recoñecemento cara o pensador e patriota, as mil maneiras de escudriñar a súa obra permitiron cuestionar tantas cousas e abrir modelos de comprensión para entender o noso país e poder cambialo. Castelao marcou as prioridades, cando dixo: “A nosa Terra é nosa. ¿De quen mais podía ser? ¿Dos que a aldraxan? ¿Dos que lle negan a fala e o pensamento? ¿Dos que a encadean? ¿Dos que a rouban? ¿Dos que asesinan os seus fillos mais queridos? ¿Dos que a ensumiron na ignorancia? ¿Dos que lle negan o dereito a ser libre?”

Comentarios