Opinión

Cravos vermellos para José Craveirinha (no seu centenario)

Eu sou carvão!
E tu arrancas-me brutalmente do chão
E fazes-me a tua mina
Patrão!

José Craveirinha
 

As forzas vivas de Mozambique, cívicas e culturais, encetan maio coa celebración do centenario do poeta nacional, José Craveirinha (Maputo, 1922-2003), o 28 deste mes, día da súa nacencia. Fervor e dignidade para perpetuar ao xornalista comprometido coa liberación de Mozambique. Activista na loita anticolonial, asiduo colaborador de xornais literarios e políticos, preso durante anos polo fascismo salazarista e vixiado constantemente pola PIDE. De fornecido espírito liberador que non temeu ás agresións que soportou baixo o réxime colonial portugués. Craveirinha iniciouse como escritor participando na revista “Itinerário” (1941-1945), na cal colaborou grande parte dos poetas das colonias portuguesas en África, debatendo diversos acadamentos literarios que contribuíron a ampliar a toma de conciencia nacional mozambicana. En “Itinerário” estiveron presentes os grandes vultos da poesía de Mozambique: José Craveirinha e Noémia de Sousa, que foron dúas grandes voces da africanidade que estiveron atentas e activas, partindo das propias raíces africanas, na concreción dos problemas dos contratados, do racismo e da liberación das mulleres.

A presenza de Craveirinha nas diversas fases do movemento literario mozambicano fundamentaron un distinguido avance coa folla literaria “Msaho”, que publicou o poeta Virgílio de Lemos en 1952, que moi pronto é esmagada pola PIDE, dado que se vertían poderosas preocupacións de ámbito político. Tres anos máis tarde (1955-1957) fai acto de presenza a publicación, “Brado Africano” que ocupou un espazo temporal na que se esclareceron certas temáticas poéticas de compromiso que diversificaron o panorama poético mozambicano, no que José Craveirinha foi o poeta máis representativo dese combate literario que tomou conciencia política, dos que colaboraron en “Brado Africano”, pola temática de exaltación á Mãe África. Tamén temos que engadir neste contexto a xa nomeada Noémia de Sousa, Marcelino dos Santos, Rui Nogar e un longo etc., que definiron outras xeracións poéticas de intervención, que nos levan aos poetas de intervención e combate guerrilleiro, como Armando Guebuza (máis tarde presidente da República de Mozambique), Jorge rebelo, Sérgio Vieira, Mutimati e outras xeracións que emerxeron destas pretéritas conformacións citadas.

José Craveirinha é o gran poeta do Movemento da Negritude en lingua portuguesa. Este termo débese a Aimé Césaire (Martinica, 1913-2008), que escrebe na revista parisiense: “O estudante negro” (1934). O concepto de Negritude responde ao ideario de reacción contra os aparellos represivos coloniais franceses. A proposta de Aimé Césaire callou como repulsa e negativa a aceptar a asimilación colonial, con firme propostas de rehabilitar a cultura, a dignidade e a independencia dos países africanos. Os escritores das colonias portuguesas en África acolléronse a ese ideario de Césaire, e interviron dunha maneira firme e destacada poetas considerados da Negritude, como os mozambicanos José Craveirinha e Noémia de Sousa; o angolano e primeiro presidente de Angola, Agostinho Neto, que no presente ano celébrase o seu centenario. Tamén pertence a este movemento o poeta Francisto José Tenreiro (São Tomé e Príncipe, 1921-1963), son os que entran no canon da lingua portuguesa en África, hai outros mais que podemos consideralos poetas e escritores da Negritude. Craveiriña manifesta a tendencia da Negritude nos seus libros: Karingana Ua Karingana (1974), “Cela 1” (1981). Neste libro recolle o seu ideario de loitar  sufrir pila realización da patria propia e liberada, como nos mostra neste poema, titulado: “O meu preço”: “Eu cidadão anónimo / do País que mais amo sem dizer o nome / se é para me dar de corpo e alma / dou-me todo como daquela vez em Chaimite. / Dou-me em troca de mil crianças felizes / nenhum velho a pedir esmola / uma escola en cada bairro / salário justo nas oficinas / filas de camiões carregados de hortaliças”.

A valente autodisposición de Craveirinha, desafiando a tiranía colonial portuguesa, de escribir un histórico poema dirixido ao gobernador colonial desde o cárcere en 1963, titulado: “Excelentíssimo sr. governador”, do cal extraemos este fragmento: “Excelentíssimo senhor governador. / Excelência: Conforme ao já citado nas líneas anteriores / muito cuidado com a alergia aos poetas. / Muito cuidado com os poetas na sua terra. / Muito cuidado com os poetas no calabouço. / Muito cuidado com os poetas presos... / Muito cuidado senhor governador!”

José Craveirinha, o poeta que desafiou nuamente a satrapía colonial, loitou con todas as armas que encarna a palabra, testemuñando as ambicións de liberdade e soberanía ás que aspiraba o pobo mozambicano. Poeta da Negritude, de combate e sementador da dignidade e dos Dereitos Humanos. A poesía e prosa de Craverinha está recoñecida mundialmente como baluarte defensivo e ofensivo dos pobos que aspiran á liberdade. Recibiu diversos premios, entre eles o Camões en 1991. Foi recoñecido como heroe nacional, sendo sepultado no panteón nacional dos heroes da patria liberada. Máis cravos vermellos para José Craveirinha!

Comentarios