Opinión

Cabalgando con Martín Fierro

Intento camiñar con Martín Fierro por escabrosos vieiros, sen poncho e sen esporas. Só coas réndeas a guiar ideas incertas. Martín Fierro vai no meu peto, acompañando a miña axenda, polas lonxincuas periferias pampeiras, con esas enormes paisaxes de admirábeis contrastes, tamén as vivencias e dialécticas ben diversificadas das que emerxen tantos símbolos, prioridades e matices a conservar da Pampa arxentina. Posiblemente sexan eses sons comuneiros que saen das vibracións da vigüela, a única homenaxe aos corazóns doídos e amortallados dos indíxenas. Un intenta falar con Martín Fierro desde o mesmo centro dos excrementos coloniais; desde os residuos dese amplo cemiterio insidioso, onde os cadáveres orixinarios da Pampa e da Patagonia, os ranqueles, mapuches, tahueles, araucanos e fueguinos, aínda seus clamores teñen respiros na ampla chaira pampeira. Aí están os millóns de mártires, defensores da súa antiga terra, asasinados polos xenerais xenocidas: José M. Rosas, Julio Argentino Roca, Martín Rodríguez, Manuel Hornos, Bartolomé Mitre, a lista de sátrapas continúa.

O tumulto insidioso das milicias de antes, e dos “milicos” de agora, tan dados a orxías sanguentas, estragando a vida dos orixinarios de América e, tamén, dos arxentinos naturalizados de agora. Non entendo ese puñal sinistro e mortífero, con gume dourado,  na boca de José Hernández, o excelso autor do poemario “Martín Fierro”, proclamando os horrores dunha guerra de conquista e a liquidación dunha cultura milenaria que as tribos arxentinas mantiveron viva. Sempre os grandes creadores téñense que enzoufar nos delirios de sinistros guerrecidas arxentinos. Antes o inmenso José Hernández alentou conquista aos sinalados xenerais. Non fai moito, o grande Jorge Luis Borges proclamou os asasinatos acometidos pola “milicada” asasina dos ditadores arxentinos das décadas de 1970-80.

“Martín Fierro” é o gran monumento poético da estirpe da nación Arxentina: nomenclatura universal gauchesca que pese a estes desasosegos o gaucho Martín Fierro é o protagonista do relato poético de José Hernández. Un persoeiro endurecido na cadeira do seu cabalo. Fierro e o cabalo están completamente integrados e sincronizados no saber e utilidade cultural gauchesca, en todos os tránsitos e mobilidades. En certa ocasión pregunteille ao poeta do Ribeiro, Xosé Conde, que era un gaucho, respondeu: “La mitad hombre y la mitad caballo”. Fiquei sen palabras pola rotunda miudanza de Conde. Hernández foi capaz de pór en orde un formato poético, esclarecendo a vida transeúnte da enorme comunidade gaucha, que non só se limita á Pampa e Patagonia arxentina, tamén acada Uruguai, o sur do Brasil e Paraguai, representados no  persoeiro poético Martín Fierro. A vital divisa deste persoeiro de José Hernández era a viüela, na que proclamaba seus versos e as súas críticas, como a seguinte: “Yo he conocido cantores / que era un gusto el escuchar, / mas no quieren opinar / y se divierten cantando; / pero yo canto opinando, / que es mi modo de cantar”.

Comentarios