Opinión

As Ramblas de sangue

Para os millóns de persoas que amamos as Ramblas, este vén ser un dos paseos mais emblemáticos do mundo, no dicir de Jean-Paul Sartre, Albert Camus, Jorge Luis Borges, Federico García Lorca, entre outros, que sublimaron en relatos narrativos o encanto deste paseo barcelonés e, tamén, a diversidade de culturas, etnias e idiomas que universalizan a esa Barcelona plural e nada repregada nunha dirección única como moitos pretenden que sexa, mais mimética e menos universal, os fundamentalistas. O único acerto que tiveron os terroristas, lamentablemente, foi atentar nun espazo de liberdade que nega calquera extremismo que atente contra a vida humana. Nisto radica a acción dos extremistas radicais, ao saber que a liberdade e o pluralismo son o antídoto que anula o veleno mortífero que utilizan. As ramblas son iso, un antídoto para preservar a liberdade e a fraternidade.

Dóeme esta Barcelona emancipadora que desborda acolledora xenerosidade, da que formo parte desde fai 52 anos, que me considero catalán adoptivo, por tantas regalías que aos foráneos ofrenda. E nesta dimensión síntome ramblista, que levo mais de medio século rambleando, por ese paseo que aglutina tantas benquerenzas e tantas experiencias que nos aporta esa pluralidade e a desbordante interculturalidade que nos asiste, concentrada nun ente que lexitima a personalidade barcelonesa en seu destaque de Catalunya como nación. E nesta dimensión ser ramblista significa ter un fondo sentimento de veneración polas cousas que emerxen do máis íntimo dunha sociedade tan singular e con fondos atributos que configurou a súa universalidade.

Síntome ramblista, que levo mais de medio século rambleando, por ese paseo que aglutina tantas benquerenzas e tantas experiencias

 

A Rambla ou Ramblas (utilízase o plural, polos catro nomes que ten este uniforme paseo. Rambla dels Estudis, Rambla de les Flors, Rambla dels Capuchins e Rambla de Santa Mònica). A memoria remíteme a aqueles anos da década dos sesenta e setenta, onde as Ramblas dels Estudis (onde estaba a antiga Universitat de Barcelona prohibida e derrubada por Felipe V, en 1714), aquí comeza o paseo, xusto na fonte de Canaletas onde os seguidores do Barça celebramos os seus triunfos. Naqueles anos de represión dos sesenta, sábados e domingos había xuntoiros dos que opinaban e discutían de fútbol. Nos anos setenta xurdiu un foro moi positivo no que se discutía se o catalán era idioma ou dialecto, todo aquilo rezumaba a política liberadora e nos cafés emblemáticos da cimeira das Ramblas, como o Moka, o Baviera e o Núria, onde o xuntoiro antifranquista trocaba impresións e intercambiaba consignas. Nestes lugares había ambiente de desafío ante os grises e a represora policía secreta. Un espazo de conquista das liberdades democráticas que os intransixentes macelaron con esa camioneta de morte. Un espazo onde a bohemia, os idos e os mimos exhiben as súas fantasías e as súas artes como reclamo cara a súa heterodoxia. Naqueles anos había un tipo vestido de cow boy e co seu revólver facía unhas escenificacións e unhas correrías improvisadas que encantaron o noso Manuel María, que escribiu sobre ese animador ramblista. Deses milleiros de encantos un ten o deber de continuar engadíndoos e conservándoos.

O asasino da camioneta en seus serpenteos e quebradas sementou de sangue inocente este lugar luminoso de lectura de libros e venta de xornais. Un lugar habitual polo que paseaba Mossen Cinto Verdaguer, onde viviu diante da xesuítica igrexa de Belén. Este poeta escribiu sobre un “cornamusaire” (gaiteiro galego) que tocaba e aledaba as Ramblas en 1898. Un lugar habitual de Joan MaragallÀngel Guimerà, Carles Riba, Salvador Espriu e de tantos intelectuais cataláns que deron voz propia e deixaron o seu florilexio poético na Rambla de les Flors, co suntuoso Palau de la Virreina e, ao seu lado, o popular e fermoso Mercat de la Boqueria, que aliviou o medo e o espanto dos que se libraron do atropelo colectivo deitando quioscos de prensa e casetas de vendedores de flores. A morte espallando terror por un dos trazos mais apoteósicos de Barcelona. Xusto no simbólico mosaico de Miró, o auto do terror parou enriba do mesmo e que o pintor titulou: “Salutació als viagers arribats a la Rambla”. Presaxio ou metáfora do destino que nun símbolo de paz e concordia a mortífera camioneta non proseguira seu rumbo masacrador e parase mesmo neste mosaico que de súpeto ficou cuberto de flores, candeas e mensaxes, ofrenda popular desta Barcelona que non ten medo.

Xusto no simbólico mosaico de Miró, o auto do terror parou enriba do mesmo e que o pintor titulou: “Salutació als viagers arribats a la Rambla”

 

Nese enorme mosaico circular comeza o outro tramo rambleiro, o dos Capuchins, co emblemático Liceo e o artístico e belo Café da Ópera. De seguido a bandeira galega anuncia o edificio do Centro Galego, espazo tan significativo para miles de galegos que por este tramo teñen pasado e pasan. Mais nesta pasaxe non chegou a morte, si a dor que persiste. Por último, a Rambla de Santa Mònica, coa famosa igrexa convertida en museo, no que se concentran grandes exposicións, cos teatros como o Principal, anterior ao do Liceo, co monumento a Pitarra, aquel reloxeiro que escribiu tantas comedias e dramas que deu consistencia e autoridade ao teatro modernista catalán do século XIX. Aquí están numerosos pintores vendendo a súa produción cromática, e os caricaturistas tan expertos e audaces que converten este espazo final nun marabilloso atractivo artístico. Tamén as casetas de variados artesáns que ofrecen a súa mercadoría. Lembro aquelas casetas de libros antigos que tiñan un prezo de sal que perfumaban de cultura a estas Ramblas con tanta historia que dignifica a pluralidade de tantas harmonías que desprega Barcelona, desde este paseo de encontros e non de desencontros.

O berro unánime e desafiante: “No tinc por!” desta Barcelona libre e democrática que proclama que as Ramblas continuarán a ser esa arteria ilusionante do que se articula con esencias sólidas dunha tradición e dunha cultura, a catalá, que non se deixa espoliar por estes inaceptábeis  actos de terror e morte. Ser ramblista é un acto de amar a Barcelona, Catalunya e a diversidade que espallan milleiros de visitantes de todo o mundo, que veñen a esta prenda do Mediterráneo. Por tanto este acto de terror non nos dispersa, fraternízanos para combater o absurdo do inaceptábel.

Comentarios