Opinión

Amilcar Cabral: Ideoloxía, nacionalismo e cultura (I) (No seu centenario)

A celebración do nacemento de Amilcar Cabral (Guiné-Bissau, 1924-Guiné-Conakry 1973) resulta apoteótica na avultada homenaxe ao fundador do PAIGC (Partido Africano da Independencia de Guiné-Bissau e Cabo Verde), fundador deste dous respectivos estados. Fundamentou a estratexia de liberación nacional en cada un dos contextos destas dúas excolonias portuguesas, baixo varios conceptos e significados, analizando o proceso da loita de liberación que estaban practicando outros pobos colonizados de África, baixo actitudes, comportamentos e posicionamentos ideolóxicos dos movementos en consolidación e de significado avante de liberación nacional.

A análise cabralista nunca foi restrinxida a un canon determinado fora do contexto africano, ou a un concepto restrinxido sobre o nacionalismo e a loita de clases; o papel da pequena burguesía, o fundamentalismo neocolonial, as tácticas dos colaboracionistas fronte ás alternativas revolucionarias, etc. Esa análise sustentouse na argumentación sobre o materialismo do proceso histórico, particularizado en cada contexto sen alterar as diversas frecuencias, tanto no estudo como nos obxectivos prácticos que merecen ser tratados en cada unha das colonias en vías de liberación e independencia.

As diverxentes experiencias no que correspondeu ao comportamento colonial, colocou a Cabral en abrir un novo trazado de liñas de acción que, na súa teoría, soubo evitar certos erros que proviñan de certas normativas doutrinarias e pouco revolucionarias, aplicadas en escenarios bélicos moi pouco racionalizados e nada concretos no que correspondía ao nacionalismo de certos países colonizados de África, do que precisaba dun análise amplo, como fundamento solidario cos demais pobos en loita, en todo o que exemplifica esgrimir o internacionalismo proletario.

Neste interese táctico de Cabral, fundamentouse aquela dinámica revolucionaria capaz de paralizar o proceso colonial en Guiné-Bissau e Cabo Verde, esnaquizando, por fases, os aparellos represivos utilizados polo colonialismo portugués. Esa fase táctica foi froito dunha profunda análise pragmática concretada por Amilcar Cabral, sobre todo na Guiné, aplicando decisivas respostas sobre os efectos colonialistas que repercutían nas masas colonizadas, asimiladas e degradadas polas forzas represivas salazaristas. Nesta situación, Cabral non renunciou a esa loita política-revolucionaria que iría modificando a conduta dos asimilados e, mesmo, dándolles confianza na toma de conciencia e integración na guerra de guerrillas que se materializou nos suculentos matos de Guiné-Bissau, promovendo terra liberada, na que se introduciu un proceso de mudanza e unha dinamización cultural que atinxiu a unha toma de conciencia gradual, con diversas frecuencias e valores: fase contestataria de rebeldía popular, períodos que posibilitaron a fase revolucionaria para vencer o colonialismo.

O problema nacional, na loita de liberación de Guiné-Bissau e Cabo Verde, representou para Cabral, comprender concretas fases dialécticas do proceso de descolonización e a formación dunha serie de condutos sobre a identidade nacional. Este principio de autodeterminación tivo en Amilcar Cabral unha particularidade orientadora que permitiu a posibilidade de que os movementos anticoloniais comprenderan que o nacionalismo debe ser o motor fundamental dun cambio profundo e estrutural, capaz de arrancarlle a máscara reaccionaria a unha incipiente burguesía disfrazada de popular-nacionalismo orientada polas bases militares do colonialismo. Ante esa situación, Amilcar Cabral, sinalou que había que antepor o nacionalismo revolucionario, para desenrolar todos os procesos de liberación nacional.