Opinión

"Alba de Gloria" no patriótico e identitario Monte Sacro

Volver a Castelao, polas vésperas da Patria Galega, xusto ao seu “Alba de Groria”, que escribiu no seu exilio de Bos Aires en 1948, non deixa de ser un alento de redención patriótica e de lexitimidade existencial dun pobo que respira as fragrancias dun pasado ben arredado a nós, do cal formamos parte, como tamén formamos parte de todos os procesos identitarios existentes da nosa patria galega, que nos fertiliza para proclamala no lume aceso do Pico Sacro, desde onde se iluminan altos picoutos, castros e montes como O Faro, O Cebreiro, O Courel, Pena Trevinca, con todos os nosos Medulios da resistencia. No Pico Sacro renacen todos os albores gloriosos, do pasado e do presente de Galiza. A convocatoria non deixa de ser de xenerosa dignidade, por parte da “Agrupación Cultural O Galo”, e de tantas outras asociacións que sustentan  tantos patriotas que se suman á sacra lapa que ilumina a verba que nos libera.

Se os cataláns erguen o luminoso facho pola noite de San Xoán, no Monte Canigó, arrebatado polo cardeal Richelieu, en guerra co Conde Duque de Olivares, nesa noite reivindícase a terra perdida de Cataluña. En Euskadi, os vascos enfilan patriotismo cara o Monte Orbeia, cubríndoo de ikurriñas. Os galeses conmemoran no Monte Snowdon a resistencia do nacionalista Owain Clyndwr en 1413. Os patriotas da illa de Man celebran nun alto monte o Tynwald, o parlamento máis antigo do mundo, creado o ano 979. O monte sacro dos occitanos é Montsegur, onde cada ano lembran a derrota, naquel baluarte da resistencia de Occitania, fronte ao invasor Luís IX de Francia. Podíamos encher páxinas de montes históricos e simbólicos que magnifican a grandeza patriótica e a súa resistencia, recobrando memoria permanente que nos libera. Posibelmente, o noso Pico Sacro foi un espazo de resistencia fronte ao invasor romano. Mais actualmente é o alicerce onde se ergue o facho da liberdade desta Galiza irredenta. É o sublime espazo onde o lume e a verba simplifican o mellor baluarte que representa o noso telurismo e a nosa ancestralidade. que nos emite a tantas lexitimidades que nos prodiga tanta esperanza.

Posibelmente, o noso Pico Sacro foi un espazo de resistencia fronte ao invasor romano

 

Ese noso tótem altivo que conmoveu místicos e poetas, como o xastre compostelán, feito poeta en Cienfuegos (Cuba), Domingo Campio Devesa Naveiro (Compostela, 1823-Cienfuegos, 1895), quen lembrou con saudade de emigrante a esta súa entorna nativa: “Eu nacín ond’a prima / e de car’ó PICO=SAGRO, / desteteime con azima, / a-o lado do melagro”. (...) “Pico Sagro xigante / Onde tib’ó seu Pazo á Reina Lupa, / Pantasma vixilante / Enrobreito n-a brétema que s-upa / D-o feiticeiro Ulla, / Que á porse á carón dél, xeme, esbagulla”.

A liturxia dos soños e das esperanzas conmóvennos ao pé dun monte ou de calquera picouto altivo que para os galegos sempre son sacros albores renacidos en todas as glorias que esperamos conquistar. Nas nosas longas xeiras agardamos recobrar o marco histórico que Castelao determina no seu “Alba de Groria”. Ese albor de soños que propicia esperanza para recobrar o herdo do noso heresiarca Prisciliano, cuxa doutrina e argumentario iniciático ten respiro na tradición esfaragullada da nosa Terra. Os místicos que foron capaces de facer patria latexante e de durada até hoxe. O grande e contraditorio Diego Xelmírez, que ergueu arte e deu sentido propio a esta Galiza intemporal, co distinguido Mestre Mateo, señor do Pórtico da Gloria que infunde personalidade de elevado rango do que se personifica no noso románico do século XII. O feudalismo dos condestábeis que reivindicaron patria galega e condes que a traizoaron. Os que ergueron o maior monumento da palabra ergueita, no Cancioneiro Galaico-portugués que aínda sonoriza o poder da ancestralidade que nos remite a esa paixón de ser pobo libertario nos nosos trobadores.

A liturxia dos soños e das esperanzas conmóvennos ao pé dun monte ou de calquera picouto altivo

 

A organizada Galiza dos plebeos, contra a inxustiza señorial, rexendo dereito Irmandiño con fouce, coitelo, forcada e lume fusquenllo, encarnada en Roi Xordo e noutros tantos dirixentes saídos de terra furtada. A Galiza ilustrada e defendida polo Pai Martín Sarmiento, o Cura de Fruime e o Pai Sobreira, entre tantos outros da Santa Compaña que nos presenta Castelao e, sen dúbida, estarán presentes no noso imaxinario, conformando esa Galiza nosa de todas as idades, desde os petróglifos á aeronáutica. A Galiza de Rosalía e de seus versos, “A xusticia pola man”;  a Galiza do evocativo poema dedicado ao progreso de Curros Enríquez, cando a locomotora chegou a Ourense: “Por onde ela pasa / fecunda os terreos, / espértanse os homes, / frolecen os eidos”; a primicia de Pondal, nos versos que entoamos no noso himno: “pois, onde quer, xigante / a nosa voz pregoa / a redenzón da boa / nazón de Breogán”. A Galiza das “Irmandades da Fala”, da “Xeración Nós”, a dos mártires da Guerra Civil, dos fuxidos e represaliados. Todas as Galizas, as de onte e as de hoxe, son nosas, e con elas subimos ao Pico Sacro e levamos como guieiros Castelao e Manuel María constatando a Galiza que está en nós para celebrar o día grande da Patria Galega: “Galicia é o que vemos: / a terra, o mar, o vento... / Pero hai outra Galicia / que vai no sentimento”.

             

Comentarios