Opinión

Airiños: referente teatral de Rianxo

No ámbito de apostar por unha escenografía normalizada en galego e dar pulo a un teatro testemuñal e histórico con raíces popular e resaltando a nosa idiosincrasia, fíxose posible na parroquia de Asados, na periferia da vila de Rianxo, a creación do grupo teatral “Airiños” en 1933, nas albores da II República. O seu primeiro mentor e director foi Ramón Pimentel Castaño, de recoñecido prestixio, que apuntalou a este pedagóxico e didáctico grupo teatral rianxeiro que desde Asados representaron a peza teatral: “A retirada de Napoleón”. O chamado Bienio Negro (1933-1936) e os tres anos da Guerra Civil, pese aos  silencios e as persecucións, “Airiños” sobreviviu. Na conmemoración do LXXV aniversario da fundación deste grupo (2008),  O alcalde de Rianxo, Pedro Piñeiro Hermida, manifestou: “Pola súa historia artística e pola defensa do seu ideario cultural, e do país, Airiños é hoxe un referente para os que viven e aman o teatro feito para a xente do pobo”.

Estes referentes e recorrencias manifestan a intensidade dun símbolo e memorial do teatro popular, con mulleres e homes que fixeron posíbel que Rianxo fose protagonista e adiantado en resolver un tema nada minúsculo como era a exaltación vivencial através  teatro. Nesta medra das artes escénicas rianxeiras podemos cifrar un contido de particularidades asociadas ao despegue do teatro, con dramaturgos naturais de Rianxo, como Castelao, autor de “Os vellos non deben namorarse”, reestrenada no centenario de Castelao; Rafael Dieste, autor de “A fiestra valdeira”, en homenaxe ao autor; “Un ronsel de estrelas”, de Xesús Santos estreada para conmemorar o centenario do poeta Manuel Antonio.

O estimábel aporte de Xesús Santos, desde o seu eido natal de Asados, contribuíu a crear e soster ese inmenso legado teatral sostido por veciños: agricultores e mariñeiros, que deron sostibilidade a un xénero moi pouco espallado polo noso rural. Este ímpeto de amar o teatro e nel expor diversos problemas sociais serviu de alento republicano para poder cambiar as cousas. Esclarecendo unha nova abordaxe e superando anomalías do pasado. “Airiños” naceu un ano despois de que García Lorca crease “La Barraca”, aquela compañía itinerante que levou o teatro a numerosos pobos do rural peninsular. A Guerra Civil e os anos corenta eliminaron toda aquela visibilidade artística e contestataria erixida no teatro. Mais os anos cincuenta trouxeron o alento e a reafirmación de “Airiños”, onde vemos a presenza de Xesús Santos, intentando restaurar as iniciativas de Ramón Pimentel, aquel ilustrado xastre, un dos fundadores deste grupo teatral, director e actor do mesmo.

Xesús Santos representa ese perfil innovador do teatro rianxeiro nun período de atrancos e decadencias vindos da censura e represalias franquistas. Santos sempre postulou pola calidade artística e innovadora estando presente como director de “Airiños, actor e dramaturgo. Unha das farsas máis interesantes do teatro histórico galego: “O Viquingo Converso”, escrita por Xesús Santos, conforma un activo moi importante á festa viquinga de Catoira. A orixinalidade deste director e actor, representa a un dos actores con rotunda presteza e disposición en crear un teatro dinámico, dentro dun contexto de graves controversias producidas polo franquismo. Santos non estivo só o rodearon magníficos actores e actrices da escola de dramaturxia de Asados. Unha orixinalidade moi especial que honra ao teatro galego desde o espazo rianxeiro.

Xesús Santos, xuntamente con outros investigadores, restituíu a historia de Rianxo baixo a ditadura franquista, con os seguintes libros: “Do Sar ao monte Louro. Memorial da Represión 1936-1950”; “Arcos Moldes mestre sen escola, o Rianxo do seu momento 1865-1944; “Rianxo na ditadura franquista (1939-1979”; “Saúde e República, Rianxo 1930-1936, Política e Sociedade”; “Rianxo na súa historia, Consecuencias da Guerra Civil (1936-1939)”; “Galiza na Guerra Civil, Campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo”. Xesús Santos, comparte autoría, nestas investigacións con Xosé Comoxo e, tamén, con Xesús Costa. O teatro e a recuperación da memoria rianxeira no período da II República e na ditadura franquista, deixan quedar a Rianxo nun ático elenco de reconstrución do que se silenciaba. Aquí tamén está a obra, pertinente e puntual, do goberno municipal presidido por Pedro Piñeiro.         

Comentarios